Xuño de 2013
 
 

03/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  SANIDADE PÚBLICA
 

Novo tropezón de Sanidade no financiamento privado dos hospitais

O financiamento privado fai augas nos hospitais galegos. Tras a paralización sine die das obras do novo hospital Vigo a causa dos problemas da concesionaria para conseguir créditos bancarios cos que proseguir os traballos, os problemas chegan agora ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

 

  • Noticias relacionadas

 

A xerencia sanitaria anunciaba o 27 de febreiro a licitación dun servizo de "xestión integral de espazos" por 150 millóns de euros, que inclúe a cesión a unha soa empresa de practicamente todos os servizos non sanitarios durante unha década. A cambio, a empresa actuará como acredor do Goberno galego aboando 14 millóns para a ampliación do complexo e outros 10 millóns como garantía financeira, tal e como adiantou este diario. Tres meses despois, o concurso quedou deserto e Sanidade, de momento, non ten ese diñeiro que a empresa debería comezar a aboar este mesmo ano. A contratación da xestión integral seguirá agora coa convocatoria dun procedemento negociado no que a Xunta pactará as condicións con candidatos elixidos a dedo.
 
O procedemento para privatizar servizos si espertou interese entre grandes empresas, as únicas que poden asumir as condicións impostas. Nos últimos meses, executivos interesados no negocio paseáronse polo complexo para coñecer as instalacións. O 7 de marzo, representantes de Ferrovial, Eulen, Clece, Altair ou Elecnor visitaron os tres hospitais do CHUO. Unha semana despois, o 14 de marzo, directivos de Sacyr Vallehermoso, Extraco, Linorsa, Alentis ou GSC percorreron as instalacións. As reunións entre os xestores sanitarios públicos e os empresarios repetíronse por segunda vez o 27 de marzo. Agora, aparentemente, a ningunha empresa lle interesa asumir servizos e persoal.
 
As condicións económicas do concurso espertaron dúbidas entre as empresas, pero non son as únicas. Entre as consultas formuladas ao Goberno galego destacan as que xiran en torno á inxente cantidade de persoal que deberá ser subrogado. A xerencia sanitaria aclarou os empresarios que, por exemplo, están obrigados a absorber todo o persoal de limpeza de dous dos tres centros, así como os empregados que realizan labores de vixilancia en todos os edificios. Non obstante, das novas condicións laborais non se falou.
 
A pesar da ausencia de interese empresarial, Sanidade nega que este tropezón vaia prexudicar a primeira fase do proxecto de ampliación do complexo (58 millóns), licitada o mesmo día que a privatización de servizos. A consellería matizou a través dun comunicado que non ten relación co financiamento. "O concurso de adxudicación das obras continúa con normalidade o seu procedemento administrativo en tempo e forma, seguindo os prazos marcados", insisten dende a xerencia. Non obstante, a privatización de servizos para pagar obras foi axitada en febreiro como un beneficio para os usuarios. O gabinete desta área sanitaria aseguraba entón que permitirá "obter ingresos que despois serán revertidos en proxectos de infraestruturas e aforro enerxético para mellorar a calidade dos servizos".
 
As plicas tamén contradín os xestores sanitarios. Nelas establécese expresamente que "a adxudicataria contribuirá ao financiamento das obras" a través dun modelo de financiamento que se nutre, inicialmente, con fondos privados e posteriormente con fondos públicos. O documento explica que "serán financiadas coa achega da empresa privada ata que se alcance o máximo previsto, sendo responsable a Administración de obter o financiamento do resto,". O "aforro e a maior eficiencia" na xestión hospitalaria a través de "unha simplificación da estrutura organizativa e funcional" destes servizos anunciada polo PP tamén contradise coas plicas. A documentación do concurso aclara que a adxudicataria poderá subcontratar a outras empresas a prestación dos servizos privatizados: mantemento de edificios e mobiliario, abastecemento de auga, limpeza, seguridade ou subministración enerxética.
 
Este sistema de financiamento privado defendido por Feijóo encontrou escollos en Vigo e agora tamén no hospital de Ourense, onde a inxección de fondos privados na sanidade pública intentouse disimular separando a xestión de servizos e as obras de ampliación en concursos distintos, que logo quedaban vinculados nas plicas.
 

CAS

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript