Xuño de 2013
 
 

03/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

As pensións non son matemáticas

Fago unha sondaxe no meu ámbito sobre esa reforma de pensións que xa se anuncia para as próximas semanas, e da que se van filtrando borradores dos "expertos". Non é unha enquisa moi científica, vale, fíxena nun bar, pero xa me dirán se as respostas son ou non extrapolables.

 

  • Noticias relacionadas

 

Pregunto aos presentes a súa opinión sobre os primeiros globos sonda que van saíndo, e que apuntan a outra volta de rosca que reduza a contía das pensións. Velaquí algunhas respostas:
 
-Un xubilado: "Virxiña, que quede como estou; se só me quitan a actualización do IPC doume cun canto nos dentes".
 
-Un parado de 50 anos: "A min plin, eu non confío en traballar moitos anos máis de aquí á idade de xubilación, así que fagan o que fagan vaime quedar unha pensión de merda,".
 
-Un traballador de 35 anos: " Pensión? Uf, eu como pronto xubilareime en 2045, e de aquí a entón caerán outras dez ou doce reformas, así que xa será 2050 ou máis. Non creo que deixen nada para min cando chegue".
 
-Un parado de 25 anos: " Xubilarme? Levo dende que nacín oíndo a cantilena de que o sistema é inviable, xa o teño asumido. Ademais, eu voume a Alemaña. "
 
Xa digo que non é unha mostra moi científica, pero así están os ánimos pouco antes de que os pirómanos abran unha nova fronte de incendio. Se normalmente a maioría non se sente moi afectada polas reformas de pensións (uns porque xa non lles pillará, outros porque ven demasiado afastada a súa xubilación), co futuro negro que nos auguran, menos aínda, pois as expectativas de anos de paro elevado e salarios máis baixos non invitan a preocuparse por unhas pensións ás que poucos esperan chegar en condicións aceptables.
 
A primeira gran folga dende a Transición foi contra unha reforma do sistema de pensións: a que aprobou o goberno do PSOE en 1985, que produciu o seu primeiro choque serio cos sindicatos, incluída algunha dimisión por dignidade. Pero dende entón todas as folgas xerais responderon a reformas laborais, mentres que os cambios en pensións non tiveron tanta contestación. A habitual manifestación, e pouco máis.
 
Agora o goberno e os seus "expertos" queren facernos a reforma definitiva: non só para atrasar e reducir máis aínda a xubilación; tamén para converter as pensións nun asunto científico, matemático, suxeito a unha complexa fórmula que introduce variables como a esperanza de vida, o número de cotizantes e pensionistas, a contía media, as previsións de ingresos e gastos do sistema.
 
Desta forma, mediante "expertos", "factor de sostibilidade" e fórmulas matemáticas, ademais de empobrecer máis aínda os xubilados presentes e sobre todo futuros, pretenden que deixemos de ver o sistema de pensións como o que é: unha decisión política.
 
Pero así é, por moito que o disfracen. O sistema de pensións, o seu funcionamento, a súa sostibilidade, e por suposto as súas reformas, son decisións políticas. Inflúen por suposto a demografía, os ingresos e os gastos, pero é que tamén son política: tanto as medidas que favorezan a natalidade, coma a decisión de actuar sobre os gastos recortando, ou sobre os ingresos buscando outras formas de financiamento.
 
A propia elección de " expertos" é unha decisión profundamente política. A proposta resultante sería totalmente diferente se elixiran outros expertos, que tamén os hai e levan anos propoñendo outro tipo de reformas. Pero a creación do comité de "sabios" é como cando algúns pagan unha auditoría, ou como non poucos estudos de impacto ambiental que se facía nos anos da burbulla: encargar un informe para que alcance unhas conclusións fixadas de antemán.
 
As reformas de pensións, aínda que poucos se sintan directamente afectados, e aínda que non encontren tanto rexeitamento como os recortes educativos ou sanitarios, son un dos maiores ataques a unha sociedade, e quebran un pacto fundamental de solidariedade interxeracional e de xustiza social. Fannos máis pobres, e máis desiguais. Pura política.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript