Xuño de 2013
 
 

03/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA-A Mesa pola Normalización Lingüística
 

O Valedor do Pobo estudará iniciativas para que o Concello da Coruña utilice o galego como lingua oficial

José Julio Fernández tamén se comprometeu con Carlos Callón a tomar as medidas precisas para que o galego non se exclúa nas sinalizacións públicas.

 

  • Noticias relacionadas

 

O día 28 reuníronse na sede do Valedor do Pobo o actual Alto Comisionado, José Julio Fernández, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. O encontro, producido a instancias do actual Valedor en funcións, mantívose nun “ambiente cordial e colaborativo”, despois da crise institucional que se producira co predecesor no cargo.
 
Entre os compromisos a que se chegou na xuntanza, o Valedor do Pobo apuntou que estudará as vías de acción para que o Concello da Coruña utilice o galego como lingua oficial. O presidente da Mesa expuxo que a administración local coruñesa “é a única de Galiza que nunca usa o galego nin en formularios nin en sinalizacións nin en campañas publicitarias”, negando así “pola vía dos feitos” o recoñecemento estatutario do galego como idioma propio e oficial.
 
O Valedor tamén explicou que está a tomar medidas para que “o galego non sexa excluído de ningunha sinalización pública”, tanto polo recente caso das autoestradas como noutros edificios públicos, onde se “exclúe o noso idioma”, como poden ser todas as delegacións da Axencia Tributaria, todas as comisarías da Policía Nacional, todos os cuarteis da Garda Civil, os hospitais dependentes do SERGAS (onde nada máis que a sinalización fixa está en galego), etc.
 
Ademais, na entrevista abordaron, entre outros temas, a discriminación do galego no sistema educativo e o último relatorio do Consello de Europa sobre a vulneración dos dereitos lingüísticos en Galiza, “que demostra que a política educativa, cultural e lingüística da Xunta vai xusto no camiño contrario ao que marcan os tratados internacionais subscritos polo Estado español”.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript