Xuño de 2013
 
 

03/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADES - OLMO MASA, FABIO CORTESE
 

Un fin de curso quente nas universidades do Estado

O final deste curso académico está a sorprender en multitude de universidades por un grao de conflitividade non visto anos atrás nestas datas en que finalizan as clases e comezan os exames finais.

 

  • Noticias relacionadas

 

Ademais da folga educativa do 9 de maio e á espera dunha nova e máis que probable suba das taxas universitarias, foron varios os conflitos que, por diversas causas, alteraron a normalidade docente neste tramo final do curso.
 
Os encerros nos reitorados da Universidade Complutense de Madrid e da Universidade de Barcelona, o conflito sostido polos traballadores da Universidade Politécnica de Catalunya ou a loita polo fraccionamento de matrícula un a Universidade de Sevilla - e en toda Andalucía - son exemplos de loitas concretas que tiveron unha relevancia local moi significativa.
 
Estes conflitos locais son expresión do agravamento da estratexia de desposesión do capital vía políticas de axuste e non teñen precedente nas institucións universitarias: referímonos aos recortes salariais e despedimentos masivos nas universidades máis golpeadas polos recortes de financiamento, á expulsión de miles de estudantes das universidades públicas ante a imposibilidade de facer fronte ao pagamento da matrícula universitaria tras a suba de taxas do presente curso.
 
Todo iso acompañado dunha actitude polo xeral covarde dos reitores universitarios que preferiron botar balóns fóra - mesmo chegaron a máis, como o reitor da UB que ordenou desaloxar pola forza o reitorado da universidade ou o da UCM que esixiu a entrada de unidades de antidisturbios nas facultades do campus de Somosaguas - en lugar de presentar unha resposta firme e contundente contra as administracións autonómicas e estatais, da man das reivindicacións de traballadores e estudantes. Hai que recordar que esta actitude custoulle a dimisión ao reitor da UPC a finais do pasado mes de abril.
 
De igual modo, estas loitas demostran a crecente resposta organizada dos sectores desposuídos na universidade ante as políticas de axuste: dos traballadores, que plantaron cara aos recortes laborais superando en certa medida e a escala local anos de desmobilización neste sector; e dos estudantes, que souberon comprender a relevancia dun proceso de exclusión social da universidade como é o da anulación de matrículas por non pagamento. O "desafiuzamento" directo das e os estudantes dos seus centros de estudo levou á creación de interesantes mecanismos de concienciación como a Plataforma de Afectadas polas Taxas que permitiu a articulación de campañas e protestas con esta reivindicación concreta.
 
Especialmente relevantes neste sentido son os casos da loita sostida polos estudantes da Universidade de Sevilla que, a través do Movemento de Acción Estudantil e do Consello de Alumnos (CADUS), conseguiron abrir negociacións para esixir un posicionamento explícito da Universidade cara a premer a Xunta de Andalucía en relación á reivindicación do fraccionamento do pagamento das matrículas.
 
Tamén o conflito levantado polo movemento estudantil da UCM en loita contra a expulsión da universidade de 3000 estudantes por non pagamento das taxas tivo unha destacada repercusión. Neste caso, a débeda total dos estudantes que non puideron aboar a matrícula por problemas económicos chegaría a 2.400.000 euros, un 280% máis que o curso pasado, onde roldou os 673.000 euros. Os estudantes conseguiron soster un encerro no Reitorado que afronta xa a súa segunda semana e que polo momento conseguiu unha prórroga de pagamentos ata o 20 de setembro así como un compromiso verbal acerca do fraccionamento en 8 prazos da matrícula para o próximo curso, cuestión sobre a que a última palabra tena a Comunidade de Madrid. Durante as negociacións alcanzouse tamén un principio de acordo acerca da apertura dun fondo de bolsas para este colectivo en situación de risco de exclusión de cara curso que vén; non obstante, os estudantes continúan co encerro pois esixen a aplicación dese fondo con carácter inmediato para que ningún alumno se vexa "desafiuzado" das aulas por motivos económicos e, en última instancia, da clase social á que pertencen.
 
O impacto mediático e social destas mobilizacións foi notable, unha mostra deles son as consecuencias institucionais que tivo no ámbito doutras universidades. Así, por exemplo a Universidade de Salamanca e a Universidade de Granada apresuráronse ao pouco de comezar as protestas na UCM a asegurar que o problema de exclusión que se producía nesta universidade non era equiparable á situación daquelas, e non tardaron en anunciar a posta en marcha de plans de axudas sociais para o estudiantado en risco de expulsión por motivos económicos.
 
Fronte a formulacións maximalistas que de facto evitan afrontar as problemáticas concretas que sofre a comunidade educativa universitaria, hai que poñer en valor as vitorias parciais conseguidas nestas últimas semanas. Certamente, hai que enmarcalas na loita global polo dereito á educación pública que non se vai deter por estas pequenas conquistas. Pero de igual forma cabe subliñar a súa importancia de cara a fóra para sumar aos conflitos a máis sectores dunha comunidade universitaria maioritariamente aletargada ata o momento, con vistas a construír mobilizacións sociais amplas pola educación pública.
 
Todo iso tendo presente a necesidade de construír estruturas permanentes que superen os ciclos de mobilización e nutríndose destes. Como apuntabamos, só a través da resposta organizada aos ataques neoliberais á educación se poden arrancar vitorias parciais e seguir acumulando forza: é o sonoro "si se pode" que se estende polas nosas rúas e prazas.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript