Xuño de 2013
 
 

03/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  NON PODEN FALTAR AO TRABALLO POR DECRETO
 

Penas de cárcere aos docentes gregos se fan folga

Máis de 86.000 profesores baixo 'mobilización forzosa' por mandato dunha norma do Goberno foron convocados a protestar o venres 31 fronte ao Parlamento. Se os docentes exercen o seu dereito a folga poden ser enviados a prisión.

 

  • Noticias relacionadas

 

A folga convocada pola Federación de Profesores Gregos de Secundaria (OLME) para a semana da proba de selectividade grega, do 20 ao 24 de maio, foi finalmente suspendida pola directiva do sindicato o pasado día 15 maio. Non obstante, as asembleas de docentes planean seguir mobilizándose. O 31 de maio convocouse unha manifestación ata o Parlamento grego para protestar contra a conscripción forzosa [obriga de traballo, que foi ordenada polo Executivo] e "contra o autoritarismo político, os recortes e o desmantelamento das condicións laborais por parte do Goberno, a Unión Europea e o FMI". Nela contarán co apoio do Corpo de Traballadores do Metro e da Federación da Mariña Mercante, sectores que xa se enfrontaran a decretos de obrigatoriedade.
 
Contra o dereito a folga
A orde de mobilización forzosa foi asinada polo primeiro ministro Andonis Samarás, o 11 de maio. Con anterioridade ao inicio previsto da folga, o venres 17, os docentes debían recibir en man, nos seus domicilios, as notificacións segundo as cales quedan asimilados a unha especie de disciplina militar. É a terceira vez no que vai de ano que o Executivo recorre a unha lei que autoriza a conscripción en "situacións de emerxencia nacional extraordinario", pero nunca antes a devandita orde fora emitida antes do comezo efectivo dunha folga. Os 86.000 docentes de secundaria emprazados a permanecer nos seus postos durante a semana de exames enfrontábanse así, en caso de ausencia, a penas de cárcere dun mínimo de tres meses e a sancións disciplinarias que poden levar consigo o despedimento.
 
A partir das protestas do día 13, non obstante, nas que se sumaron as mobilizacións a Federación de Mestres de Grecia, a reacción ao decreto comezou a ser debatida en asembleas de centro e locais da OLME, cunha asistencia cada vez maior.
 
Divisións no sindicato
Segundo os datos subministrados pola OMLE, un 92% dos aproximadamente 20.000 profesores que participaron nas asembleas de base apoiaron seguir adiante coa folga. Non obstante, a controversia xurdiu no momento en que os delegados das asembleas locais debían trasladar as decisións vinculantes destas á reunión da directiva da OLME, cuxo presidente, próximo a Nueva Democracia, se mostrara abertamente partidario da cancelación.
 
Posteriormente, os delegados pertencentes á coalición de esquerdas Antarsya acusarían os sindicalistas próximos a Syriza, moi numerosos entre os representantes e na directiva, de ter actuado por orde do partido co fin de evitar unha folga demasiado desestabilizadora para o país. En conivencia coa cúpula da OLME, terían cambiado a pregunta que debía ser votada a " Danse ou non se dan as condicións necesarias para ir á folga? " Moitos delegados manifestaron que as súas asembleas non lles permitían votar unha pregunta distinta á debatida. O resultado final foi de 57 votos en branco, 18 a favor de continuar e nove en contra, co que os paros foron cancelados.
 
Non obstante, o OLME anuncia que proseguirán coas mobilizacións e protestas, que pretenden forzar ao Goberno a retirar unha lei educativa que foi aprobada durante as vacacións de Pascua. No marco das políticas de austeridade do tripartito, esta nova medida ten como fin aumentar as horas lectivas semanais de 20 a 22-23. Os docentes tamén serían forzados a trasladarse na súa xornada laboral a outros centros, mesmo afastados, para cubrir unhas poucas horas lectivas na súa materia.
 
O obxectivo do Goberno de Grecia do conservador Andonis Samarás é evitar a contratación de novos docentes para o curso 2013-2014 que se iniciará en setembro. Entre 10.000 e 15.000 profesores interinos deberían destinarse ás aulas, pero así o Executivo pretende aforrar unha importante cantidade de diñeiro do gasto público.
 
Paros noutros sectores laborais baixo os recortes
 
As folgas seguen mantendo en xaque o Goberno heleno, que aplica recortes e normativas a golpe de decreto contra os traballadores. Pola súa banda, a Unión de Traballadores do Libro e do Papel da rexión do Ática convocou unha folga o 23 de maio. O sindicato, apoiado por outras unións do ramo, asembleas de barrio e colectivos diversos, formula "unha xornada de seis horas (30 horas semanais), con cinco días laborables, para que traballen os parados", sinala o comunicado sindical.
 
O paro da Unión de Traballadores do Libro e do Papel, que foi anunciada cunha manifestación en moto polo centro de Atenas, denuncia a situación dos traballadores e esixe un novo convenio e garantir un salario mínimo de 900 euros, que segundo sinalan é "o básico necesario hoxe en día para vivir con dignidade" xunto a un traballo estable.
 
Diagonal periódico

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript