Xuño de 2013
 
 

03/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  1ª FEIRA DE ECONOMÍA SOLIDARIA
 

Sen Auditorías Sociais non hai consumo crítico

A dimensión transformadora e innovadora da economía social e solidaria contrasta frontalmente coa ineficacia e a opacidade das solucións propostas dende o sistema dominante, que unha e outra vez aplica medidas correctoras baixo a mesma lóxica coa que crearon os problemas que pretenden solucionar, tomando sempre como premisas a competitividade e o lucro, privatizando os beneficios e socializando as perdas e os custos sociais e ecolóxicos.

 

  • Noticias relacionadas

 

Nos tempos que corren xa é un feito irrefutable que a economía social e solidaria emerxe con forza ao longo e ancho da península en forma de miles de experiencias e prácticas económicas que fan da cooperación e o ben común os principais valores sobre os que asentar un novo paradigma económico.
 
Agora máis que nunca necesitamos visibilizar, articular e reforzar as prácticas e discursos da economía social e solidaria, consolidar os nosos trazos de identidade como movemento social globalizado pero arraigado no local, seguir sementando sementes e cultivando con cariño e con empeño os brotes dun novo paradigma socioempresarial radicalmente oposto ao dominante.
 
Unha das principais contribucións do sector para facer fronte a estes novos retos son as metodoloxías e ferramentas de Auditoría Social e Balance Social. Estas consisten nunha serie de procesos de avaliación e autodiagnóstico sobre criterios como a democracia, a igualdade, o compromiso social, o compromiso co medioambiente, a calidade laboral ou a calidade profesional.
 
Que buscamos? Visibilizar e comunicar prácticas socialmente responsables das organizacións, contribuíndo así a construír e consolidar a identidade do sector, as súas prácticas e os seus discursos. Tamén facilitar procesos de mellora continua nas organizacións e garantir a sostibilidade, en sentido amplo, da actividade económica ao longo de todo o ciclo económico. E ofrecer criterios obxectivos á cidadanía para que poida practicar o consumo crítico e responsable tamén.
 
Non se trata tanto de poñer ao servizo das empresas convencionais instrumentos de mercadotecnia social, senón de poñer ao servizo das empresas e organizacións da economía social e solidaria instrumentos de transparencia que lles permitan visibilizar prácticas socialmente responsables que forman parte do seu ADN. Prácticas que, lamentablemente, a miúdo quedan silenciadas ou ocultas pola falta de recursos económicos ou humanos necesarios para poder traballar a comunicación destas prácticas socialmente responsables.
 
A Auditoría Social e o Balance Social tamén foron deseñados para facilitar procesos de mellora continua nas organizacións. Ofrecen unha fotografía das achegas sociais e ecolóxicas da empresa no ultimo exercicio e permiten comparar os resultados exercicio tras exercicio. Os elementos avaliados informan, non soamente sobre os aspectos internos da organización, senón tamén sobre a cadea de provedores e todo o ciclo económico: produción, distribución ou comercialización, consumo e instrumentos financeiros.
 
Mediante a aplicación dun selo de confianza estanse a ofrecer tamén criterios obxectivos e fiables á cidadanía sobre as orixes e condicións de produción dos bens e servizos que consumimos, facilitando os procesos de toma de decisións en tanto consumidores críticos e responsables. Comprando un ben ou servizo a unha empresa co selo de confianza de auditoría social ou balance social sabemos que estamos a contribuír activamente á construción do Mercado Social, e polo tanto ao cambio de paradigma socioeconómico.
 
Datos que nos contan
 
Finalmente a auditoría social e o balance social propóñense tamén afondar na identidade da economía social e solidaria como sector emerxente. Son instrumentos deseñados baixo unha perspectiva de transformación socioeconómica non funcionalista, e que en cada exercicio, mediante a elaboración dun balance social agregado, achegan datos globais sobre o sector ata agora inexistentes, e que contrastan cos datos achegados polo sistema económico dominante.
 
Un dato para concluír: o Balance Social agregado en 2011 da XES, en termos de xeración de emprego, mostra como este aumentou en 7,5% os contratos respecto ao ano anterior. A economía social e solidaria resiste a crise con máis efectividade que as empresas convencionais. Outro modelo económico é posible, necesario, urxente e real. Podemos dicilo alto e claro sen temor a equivocarnos.
 
Diagonal periódico

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript