Xuño de 2013
 
 

03/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  ANABAD GALICIA
 

Os arquiveiros galegos conseguen que Feijóo teña que rectificar sobre a destrución de docuementos

Non é habitual que os arquiveiros interveñan nun caso de corrupción política. Pero o caso é que acurralado polas fotos que o relacionaban co narcotraficante Dorado, o presidente galego Feijóo dixo que toda a documentación de 10 anos atrás se destruíra totalmente. Por suposto que os arquiveiros galegos protestaron por tal despropósito. E algo conseguiron posto que na última sesión do Parlamento de Galicia, Feijóo tivo que rectificar as súas palabras de que se destruíran os documentos. (ANABAD Madrid).

 

  • Noticias relacionadas

 

Esta foi a resposta que deu en Anabad-Galicia, Pedro López Gómez, Catedrático de Biblioteconomía e Documentación:
 
'Dorado, o Presidente e os documentos da Xunta de Galicia
 
 A través da prensa e a televisión, decatámonos da intervención no Parlamento de Galicia do Presidente da Xunta, o 15 de maio, e das súas afirmacións sobre a imposibilidade de presentar os contratos do goberno galego coas empresas de Marcial Dourado, con anterioridade ao 2003, debido a que cada 10 anos se destrúe a documentación pública deste carácter.
 
Intervencións posteriores do Secretario Xeral Técnico de Sanidade, o 16 de maio, dinnos que non é exactamente así, que hai unha parte da información que aínda se conserva, pero que nin a consellería nin o SERGAS subscribiron nunca ningún contrato nin operación contable coas empresas de Dorado, e que ademais resulta imposible trasladar a documentación dos contratos de subministracións enerxéticas, combustibles e informáticos, entre 1992 e 1998, porque se trata dun volume desproporcionado.
 
Estas declaracións ruborizaríannos, se non estivésemos xa tan afeitos a despropósitos similares en boca dos nosos dirixentes políticos. Tanto se é verdade o que afirman o presidente ou o secretario da consellería, coma se non o é, a conclusión que se desprende fálanos tanto da ignorancia dos seus asesores, coma do abandono en que se encontra o noso patrimonio documental, como xa suxeriamos con motivo de roubo do Calixtino.
 
Porque evidentemente o Presidente non pode saber de todo, aínda que algo debese saber, polos seus estudos, de documentos administrativos, e do proceso administrativo que implica que os expedientes tramitados deben ir parar a un arquivo, onde se custodiarán mentres os seus valores (administrativos, xurídicos, fiscais, etc.) así o esixan, antes de desembocar nun arquivo histórico, ou ser eliminados se os devanditos valores desapareceron entre tanto e non se lles recoñece interese de información para a investigación histórica...
 
Evidentemente, o Presidente non pode saber de todo. E por iso ten asesores, que neste caso non parecen moi ben informados. En cambio ten arquiveiros, poucos pero bos, mesmo os de recente ingreso, como Toño Fernández, que seguramente o informarían axeitadamente sobre o tema. Porque o que afirmaba o Presidente apunta a un delito grave: a destrución indiscriminada de elementos pertencentes ao patrimonio documental de Galicia, nun prazo que non sabemos quen estableceu, e á marxe das posibles recomendacións dunha Comisión de Valoración, que non as puido dar, porque tal comisión non se puxo a funcionar.
 
E se se fala de delito, habería que preguntarse que medidas vai tomar o conselleiro de Cultura, de quen dependen os arquivos da Xunta, a propia Presidencia, ou os fiscais, ante tamaña agresión a un ben público.
 
Pero imos aceptar que o Presidente, asesorado erroneamente, dixo algo que non era certo, o que xa é grave. Imos aceptar a versión do Secretario xeral do Sergas: que é imposible proporcionar información sobre os miles de expedientes de contratación dos anos solicitados. Entón, o Sergas, que é unha das organizacións públicas que máis diñeiro move neste país, no ten organizados os seus arquivos?,  como se identifican os seus expedientes?,  non están clasificados?,  non están descritos?,  os seus inventarios non están informatizados?.  Xa sabemos que non,  pero imos finxir que nos escandalizamos, porque é nosa obriga, como profesionais e como cidadáns escandalizarnos ante semellante despropósito. E por favor, non confundamos o seu arquivo administrativo cos arquivos de historias clínicas, cuxa destrución parcial e accidental, nos casos en que non son de uso cotián, nos sobresalta periodicamente.
 
Pero non é só o Sergas, son as consellerías, na súa maioría, as que non dispoñen dun arquivo que sexa tal e non un mero almacén, servido por profesionais especializados e competentes aos que tradicionalmente se denominou "arquiveiros". Recordemos os quilómetros de documentos públicos que se reparten en todo Santiago sen un control adecuado, porque ano tras ano, administración tras administración, se vai diferindo a aprobación dunha lei referente ao sistema arquivístico de Galicia e ao seu patrimonio documental, que mentres tanto segue, cando non está controlado nos escasos arquivos públicos existentes, manga por ombro.
 
E esta é unha responsabilidade evidente da Presidencia da Xunta, das consellerías correspondentes, do Parlamento, e tamén dos axentes sociais, para os cales os documentos públicos só interesan en momentos puntuais en que hai que sacalos a relucir, cando a súa axeitada custodia e salvagarda é unha esixencia que incumbiría a todos, pois son soportes para a defensa dos dereitos e deberes das administracións e dos cidadáns, e unha necesidade para a construción da memoria colectiva a través dos estudos históricos que se realicen.
 
Todo isto é unha dor. Ata cando a lei de arquivos de Galicia...!
 
Pedro López Gómez
Catedrático de Biblioteconomía e Documentación

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript