Maio de 2013
 
 

27/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  FERROL - RESIDENCIA UNIVERSITARIA
 

O Concello de Ferrol aproba o protocolo de colaboración coa Xunta e Universidade co voto en contra de toda a esquerda

O venres, día 24 o Concello de Ferrol convocou un pleno extraordinario para discutir a aprobación do protocolo entre a Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña para a incorporación de distintos edificios públicos ó uso universitario.

 

 

A Universidade emitiu un comunicado sobre a decisión tomada no pleno. Tanto EU como o PSOE fixeron públicos cadanseu comunicado para manifestar o seu desacordo, comunicados que vos xuntamos. Intentamos conseguir algunha opinión do BNG, sen éxito, aínda que sabemos que votou en contra do protocolo.
 
 
Comunicado da universidade
 
A residencia universitaria acada o visto bo do pleno do Concello de Ferrol
 
A Coruña, 24 de maio de 2013.- O pleno extraordinario convocado esta mañá no Concello de Ferrol deu o visto bo ao protocolo entre a Xunta de Galicia, Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña para a cesión do centro social Soutomaior para o seu uso como residencia universitaria pública.
O reitor, Xosé Luís Armesto, agradeceu esta mañá ao finalizar o pleno “a dispoñibilidade do Concello de Ferrol para acadar este acordo” e lembrou que “a Universidade da Coruña leva moito tempo traballando por ter residencias universitarias públicas, tanto na Coruña como en Ferrol”. Neste sentido, esta oferta que chega da cidade departamental “é importante pero é unha solución provisional e non totalmente satisfactoria”. Armesto insistiu en que a UDC seguirá a traballar por ter unha residencia universitaria en Ferrol nas instalacións do antigo cuartel Sánchez Aguilera, como estaba previsto desde hai anos. Con todo, o reitor recoñeceu que este novo espazo de usos residenciais “é necesario para atraer alumnos de fóra da cidade”.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, tamén considerou este acordo como “unha solución provisional pero importante nestes momentos en que é tan necesario poñer á disposición dos futuros estudantes todas as facilidades que lles permitan acceder á universidade”. “Dado que na UDC non estamos en condicións de facer grandes investimentos, a adecuación deste edificio é viable e permítenos ofrecer para o vindeiro curso unhas prazas residenciais a prezos públicos”, valorou.
A vicerreitora informará deste acordo no vindeiro Consello de Goberno da Universidade que terá lugar o martes, 28 de maio. A autorización do uso do inmoble á Universidade da Coruña terá que ser asinada antes de fin de mes para que entre en vigor. Unha vez asinada, a Universidade accederá ao edificio para valorar o seu estado e ver as obras de acondicionamento e o equipamento necesario para a súa apertura o vindeiro curso.
 
 
Comunicado de Esquerda Unida.
 
EU Ferrol considera o convenio asinado entre Xunta, UDC e Concello de Ferrol, insuficiente, efectista e afastado das necesidades reais do Campus de Ferrol.
Segundo Javier Galán, voceiro do grupo municipal de EU, a repentina noticia do convenio entre Xunta, UDC e Concello de Ferrol que deu lugar a un pleno extraordinario só pode ser considerada como un engano a cidadanía.
A construción dunha Residencia de Estudantes no antigo Centro de menores de Soutomaior, desmantelado e que deixou sen un servizo social imprescindible á cidade, un máis, é unha burla, toda vez que 600 metros cadrados de instalación e dezanove habitacións non poden, en ningún caso, dar servizo suficiente á poboación do Campus, ademais de estar afastado do núcleo de facultades, tendencia contraria a todas as cidades universitarias e ao sentido común, que este goberno subordina á prestidixitación electoralista .
Despois de anos de retraso, semellan desbotar a opción do Cuartel de Sánchez Aguilera, edificio semiderrubado e que ven de ser sancionado pola Inspección de Traballo, para, nun alarde de ineficacia, optar polo antigo centro de menores. Non basta con acordar construír unha residencia universitaria e publicitalo nos medios, con iso non se pode dar por feito o traballo: se se implementan unhas políticas, estas deben seguir o criterio de racionalización, eficacia e servizo real.
Por outra banda, o “futuro” e “hipotético” desenvolvemento dun subcampus de Sanidade no Hospital Novoa Santos non parece a política universitaria máis axeitada, cando cómpre desenvolver os que temos na actualidade, conseguir saídas laborais a través de becas, prácticas,... aos/ás estudantes das facultades das que dispón Ferrol, e dotar de servizos ao Campus de Esteiro. Compartimos a necesidade de potenciar o campus de Ferrol e os vínculos da cidade coa UDC, pero o certo é que as prioridades no día de hoxe son outras e pasan por outras áreas e outros espazos físicos ;non se poden, en fin, asinar acordos onde se ceden de balde terreos á Xunta, sen ter, a construción dun Campus de Sanidade no Hospital Novoa Santos, máis adxectivo e concreción que o futurible.
Para EU Ferrol a sinatura deste acordo supón a renuncia a políticas educativas consonantes coas necesidades da cidade: unha saída laboral para os/as universitarios/as, prazas suficientes en Residencias Universitarias para o corpo de estudantes de fóra de Ferrol, un tratamento global e cunha política planificada do Campus de Ferrol, máis alá de bombas de palenque que non son máis que fume populista.
 
 
Comunicado do PSOE
 
Ferrol, 23 de maio de 2013.- O Agrupación Socialista de Ferrol, ante a convocatoria urxente dun pleno municipal para votar a sinatura dun protocolo entre Xunta, Concello e Universidade da Coruña, quere manifestar publicamente unha serie de consideracións:
1.- En primeiro lugar, os socialistas criticamos que teñamos que coñecer o anuncio da sinatura de dito protocolo a través da prensa e se dea traslado ao resto da corporación como feitos consumados, ademais de denunciar a escasísima marxe para estudalo e poder dar alternativas. Por iso, solicitamos que o protocolo quede enriba da mesa para a súa análise e, no seu caso, formulación de propostas ata cando menos o pleno ordinario do presente mes.
2.- Os socialistas defendemos a Universidade como un valor fundamental para o desenvolvemento da cidade. De feito, foi un goberno socialista o que trouxo o Campus Universitario de Ferrol, e foi o PSdeG-PSOE o que plantexou traer as titulacións sociosanitarias á cidade dentro do marco de Bolonia. Pero iso non pode ser a costa de desmantelar os servizos públicos da cidade, senón a través de proposicións constructivas, definitivas e que non recorten os servizos de todas e de todos.
3.- Os socialistas defendemos a ampliación de titulacións, acollendo as sociosanitarias, como xa fixemos público en varias ocasións. En todo caso, a proposta socialista pasa por destinar o Novoa Santos para usos sociosanitarios que irían máis aló dos específicos para a Universidade da Coruña. Así, neste inmoble estarían as titulacións universitarias, Rehabilitación, Unidade de Atención Temperá e un grande centro adicado a usos sociocomunitarios, incluindo unha residencia xeriátrica pública. Lembramos que o Goberno de Feijoo incumpriu o convenio asinado entre o Executivo bipartito de Emilio Pérez Touriño e o Goberno municipal de Irisarri que contemplaba, entre outras cuestións, a construcción dunha Residencia de Maiores que poidera atender as necesidades da poboación dependente, absolutamente abandoada polo PP.
4.- Rexeitamos rotundamente a cesión do Centro de Protección de Menores Soutomaior para que se use como Residencia Universitaria. Os menores en protección constitúen a escala máis vulnerable do sistema, correspondendo ás administracións públicas, por lei, a súa protección. O desmantelamento destes servizos públicos poñen en evidencia a crueldade infinita dunha dereita ocupada en deixar aos máis desamparados na cuneta. Os socialistas denunciamos unha vez máis a práctica implantada polo PP, que pretende que os nenos desprotexidos volten aos reformatorios, tal e como acontecía durante o franquismo.
Por riba, o goberno municipal admite que a cesión como residencia é unha solución provisional, o que supón un novo parche en lugar de solucións de cidade co obxectivo claro de blanquear o desmantelamento dos servizos públicos.
5.- Os socialistas puxemos en valor unhas instalacións de Defensa, o Sánchez Aguilera, desenvolvendo un Plan especial que acolle unha residencia universitaria para a que xa hai proxecto, no medio da cidade, con espazos verdes e nun edificio noble. Preguntámonos por qué o único paso que queda, a escrituración entre Defensa e Concello, non se da producido, cando ademais nun caso e noutro está gobernando o PP .
6.- O PP ten levado intencionadamente ás Universidades á asfixia económica, pretendendo agora utilizar á UDC como coartada para ocultar o desmantelamento público. Abusan das necesidades universitarias, ocultando ademais información, para facela cómplice das políticas depredadoras da dereita.
7.- Resulta sumamente sorprendente que un goberno municipal que ten 114 persoas en situación de extrema necesidade agardando por vivendas en Recimil, que ten amosado un desprezo absoluto cara situacións de emerxencia social, que está derrubando o edificio do Bambú Club, oferte vivendas deste mesmo barrio á Xunta. Para os socialistas, a desfachatez do Partido Popular non ten límite

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript