Maio de 2013
 
 

27/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Paraísos sen saír de casa

O da loita contra os paraísos fiscais estase a converter nunha cantinela periódica de gobernos e organismos internacionais, máis ou menos como a loita contra a fame ou contra o cambio climático: cada pouco tempo convocan reunións, anuncian plans, prometen obxectivos, e logo todo se esquece. Ata que, un par de anos despois, como todo segue igual (ou peor), volven convocar reunións, anunciar novos plans e prometer renovados obxectivos. Xa digo, igual que a fame ou o cambio climático.

 

  • Noticias relacionadas

 

Este mes toca outra vez guerra contra os paraísos fiscais. A Unión Europea celebra mañá un cumio sobre evasión fiscal da que sairán novas promesas sobre segredo bancario. O GR-8 e o GR-20 tamén se comprometen a abordar o asunto nos seus próximos cumios de xuño e setembro. E o primeiro ministro británico, David Cameron, que de paraísos sabe algo, pediu a dez territorios de ultramar pertencentes á coroa británica que se porten ben, que é o momento de " poñer a casa en orde".
 
Con este ambientazo, só falta que a ONU organice un gran concerto contra os paraísos fiscais dirixido por Bono (o de U2, non o noso), e que Al Gore rode un documental sobre o tema, e xa estamos todos.
 
Para emocionarse co asunto e non tomar a xolda as promesas duns e outros, é aconsellable non ter memoria, nin revisar hemerotecas. Porque a historia recente da "loita" contra os paraísos fiscais soa a recochineo. Hai só catro anos, en plena quenta do estalido da crise financeira, cando os líderes mundiais prometían unha refundación do capitalismo con valores, o GR-20 declarou a guerra contra os paraísos. Foi no cumio de Londres, en abril de 2009.
 
Naquela ocasión, o máis guerreiro foi o daquela presidente francés, Sarkozy, que saíu da reunión e anunciou, inchando o peito: "A época do segredo bancario rematou". Vexan o vídeo, porque o di dúas veces e moi amodiño, e se se está a aguantar a risa, disimúlao ben. A continuación saíu o primeiro ministro británico, Gordon Brown, que matizou as palabras do francés: "Máis ben é o principio do fin do segredo bancario". Bo chiste.
 
O principio do fin acabou sendo o fin do principio. Todo quedou nunha "lista negra" de paraísos fiscais. Adiviñan cantos países había nesa lista? Ningún. A temible lista negra naceu baleira. Abondou que os paraísos fiscais se comprometesen de palabra a realizar intercambios de información fiscal, para que saísen da lista e fosen apuntados nunha segunda lista, de cor gris, que xa non era tan mala. Nun primeiro momento houbo catro países que, despistados, quedaron na negra, pero vinte e catro horas despois xa estaban na gris.
 
Non houbo medidas que tomar contra ningún paraíso fiscal, porque todos cumpriron a condición de asinar acordos bilaterais con polo menos unha ducia de países. Á parte da pouca efectividade duns acordos que de por si foron rebaixados en esixencias, houbo paraísos que asinaron acordos con outros paraísos. E así foi como rematou a época do segredo bancario. Aplausos.
 
En serio alguén quere acabar cos paraísos fiscais, o segredo bancario e a evasión a grande escala? Ou dito doutro xeito: podería sobrevivir o capitalismo, na súa actual fase financeira, sen paraísos e segredos?
 
Acabar cos paraísos fiscais é facilísimo, tan doado que nunca o farán. Non fan falta grandes cumios nin tratados internacionais: se os gobernos queren perseguir a evasión fiscal, non teñen nin que saír do seu territorio. Podemos empezar por preguntar a calquera banco ou grande empresa española, pois a maioría teñen filiais en varios destes territorios, pero nunca dan información das operacións que realizan neles, nin o Estado llela pide.
 
Pasa como cos outros paraísos do capitalismo, os paraísos "patronais", eses países onde as empresas deslocalizan as súas fábricas para producir barato e sen dereitos laborais. Para rematar con esas formas de capitalismo salvaxe non fai falta ir a Bangla Desh, senón á sede española das empresas téxtiles que fabrican alí. Pois o mesmo cos paraísos fiscais: non vaian a Jersey, Bahamas ou Suíza a rescatar o diñeiro. Empecen polo IBEX-35, e rematamos antes.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript