Maio de 2013
 
 

27/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  LOMCE
 

Os decanos de Educación critican o retroceso para o ensino que implicará a LOMCE

A Comisión Permanente da Conferencia de Decanos de Facultades de Educación, Pedagoxía e Educación Social elaborou un documento no que critican que o proxecto de Lei Orgánica da Mellora da Calidade en Educación (LOMCE) "retrotrae ao pasado", promove a "segregación temperá" do alumnado e deixa "claramente en suspenso" a perspectiva da inclusión e da "escola para todos".

 

  • Noticias relacionadas

 

No texto, consensuado nunha reunión na Universidade Autónoma de Madrid, os decanos din ter "a seguridade de que o adianto da elección dos itinerarios na ESO contribuirá a segregar de xeito temperán o alumnado" e recorda que, segundo a OCDE, "a segregación temperá eleva o fracaso escolar".
 
Así mesmo, afirman que o modelo alemán no que se inspira este adianto de itinerarios "demostrou nos seus 4 primeiros anos de escolarización uns resultados nas probas PISA máis normais que extraordinarios" e, por iso, xa se crearon "outro tipo de colexios" onde non hai elección ata os 16 anos. Ademais, recordan que Noruega, que destaca en PISA, non adianta tanto os itinerarios.
 
En canto ás materias, os decanos sosteñen que unha lei orgánica "non" pode obviar o debate serio sobre os contidos escolares e, nesta, non só non se fai, senón que retrotrae a outros tempos pasados sen ningún tipo de aclaración nin discusión pedagóxica".
 
Mostrámonos en completo desacordo con que en educación primaria, o estudante teña que elixir como materias específicas obrigatorias entre Educación artística e Segunda Lingua estranxeira, o que pode implicar (...) que un alumno conclúa a Educación Primaria sen ter ningún tipo de formación artística ou formación nunha Segunda Lingua Estranxeira", denuncian os expertos.
 
O documento tamén fai referencia á proposta de avaliacións externas en Primaria, Secundaria e Bacharelato, para denunciar que este tipo de probas implican unha "concepción claramente selectiva en relación aos estudantes" que identifica "o rendemento persoal co aspecto básico e fundamental do seu desenvolvemento".
 
"A perspectiva da compensación das desigualdades, da escola para todos, da atención á diversidade e a inclusión educativa que formou parte do discurso e o pensamento dos docentes queda claramente en suspenso con esta lei", afirman os decanos de Educación.
 
Neste sentido, refírense á educación diferenciada porque consideran que "dende un punto de vista científico, académico e social, tal formulación non é asumible e presenta moitos máis prexuízos que hipotéticos beneficios".
 
Por outra parte, critican que "a proposta de lei mestura argumentos de carácter político, económico e educativo sen fundamentar unha conexión pedagóxica razoada entre estes" xa que, na súa opinión, se propón unha norma "diverxente respecto aos modelos pedagóxicos máis avanzados e que mellores resultados obteñen" do ámbito de España.
 
"Consideramos imprescindible empregar o esforzo necesario para obter un acordo que non pode, nin debe, construírse dende o enfrontamento entre as forzas políticas representadas no noso parlamento, nin dende o desacordo destas cos representantes da comunidade educativa. Reclamamos a necesidade dun diálogo e un acordo que proporcione ao noso sistema educativo da necesaria estabilidade normativa", reza o texto dos responsables universitarios de Educación.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript