Maio de 2013
 
 

27/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  FERROL: PISOS BALEIROS E VECIÑAS SEN CASA
 

O Concello retén vivendas públicas desocupadas desde fai anos, mentres 116 familias agardan nunha lista de espera

"Pensaba que nunca na miña vida ía ter unha casa". Silvia Conchado ten 23 anos, un marido que lle saca un puñado de euros á chatarra e nas mareas e tres pícaros de nove, oito e tres anos. Desde que se casou viviu apertada no piso dos seus sogros coa súa prole e dous cuñados.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

 Sen traballo nin máis ingresos que a Risga (Renda de Integración Social), en 2010 solicitou unha vivenda pública no barrio ferrolano de Recimil. Dous anos e catro meses despois, os Servizos Sociais acábanlle de entregar as chaves dun dos 992 inmuebles que o Concello de Ferrol ten neste barrio (879 vivendas e 113 baixos comerciais).
 
Fai dúas semanas que a familia Suárez Conchado entra e sae a miúdo dun terceiro piso de tres habitacións adxudicado por 30 euros ao mes que lles encanta pero no que aínda non poden vivir. "Non teño mobles nin quentador para bañar aos nenos", explica. Ela estaba no número uno dun listado de 116 familias que teñen adxudicado un piso social nas chamadas Casas Baratas de Recimil. Do 1 ao 30 de decembro do 2010, 267 veciños reencheron unha solicitude que lles esixía, entre outras cousas, levar tres anos censados en Ferrol. 151 quedaron excluídos. Desde entón, adxudicáronse dúas vivendas e os outros 114 beneficiarios esperan impacientes a súa quenda. Algúns, como Pilar ou Laura, en situacións que rozan o drama. Son a cruz que ilustra o paradoxo de que existan pisos públicos baleiros e xente sen casa nin recursos.
 
Pilar González é octogenaria e analfabeta. Con 85 cumpridos, cobra unha pensión non contributiva de 300 euros e paga 220 de aluguer. Come na Cociña Económica e ocupa o número 37 da lista. Laura García, chilena de 59 anos (é española filla de exiliado), chegou á casa de acollida de Ferrol fai anos co seu bebé de 10 meses fuxindo dun matrimonio que lle deixou profundas secuelas psicolóxicas. "Até o can tiña máis voz que eu", relata. O seu pai, Antonio, foi un dos republicanos galegos que acabou amontoado nun campo de concentración francés do que saíu rumbo a Chile a bordo do Winnipeg, nunha travesía que promoveu o poeta Pablo Neruda en 1939.
 
"Traballei como unha burra limpando casas pero non coticei nada". Fai 16 anos que vive nunha casa chea de humidades en Ferrol Vello pola que paga 186 euros. Cos 315 euros da axuda social paga o aluguer e mantén a un fillo de 21 que estuda Ingeniería na Universidade. "Non coñezo un cine nin malgasto un céntimo", explica esta muller, que ten que sobrepoñerse a diario a unha depresión crónica. Ocupa o número 65 dunha lista con moitas familias monoparentales como a súa e quédanlle poucas esperanzas de poder mudarse en breve. "Si a xente necesita as casas, por que non as dan?".

Estefanía é o número 23. Con dous fillos de catro e oito anos e un marido en paro, paga "un pastizal" de aluguer (330 euros). Está "farta" de que a mareen e todo lle soa a "tomadura de pelo". Moitos trámites e dous anos de espera para nada. "Fas o correcto, segues os pasos e vai outro e dá unha patada na porta e quédase co piso. Enténdoo, porque hai que buscar un teito para os fillos, pero non é xusto", razoa.
 
O goberno municipal de Ferrol di que entregará unhas 30 vivendas nos próximos meses. Farao a contagotas e sen datas concretas. Os activistas de Stop Desafiuzamentos fixeron os seus cálculos e defenden que hai polo menos unhas 60 vivendas libres. "Para que adxudican 116 si só van dar 30?", protesta unha afectada.
 
A penúltima oferta municipal de vivendas en Recimil foi en 1993 e rexíase por un regulamento dos anos 50. O Concello tardou outros 17 anos en reabrir a convocatoria. Case todos os gobernos trataron de poñer orde no padrón de Recimil e frear aos okupas até tapiando con tixolos as portas e fiestras de picos vacantes.
 
En 2008, o PSdeG empezou un censo que o Executivo actual, do PP, retomou. En marzo, enviaron a unha vintena de axentes voluntarios da Policía Local a facer horas extra de porta en porta por todo o barrio no enésimo intento de saber quen e cantos ocupan cada vivenda, legal ou irregularmente. O titular do contrato non sempre coincide co residente nunha maraña tramposa tecida entre familiares e amigos para beneficiarse de alugueres de renda antiga a prezos case testemuñais que van de 3 a 30 euros, contan as veciñas.
 
"Sabemos de xente que vive en chalés pero aguantan as casas por si algún día fanlles falta. Hai moito trapicheo con eses pisos, e consentido", denuncia outra.
 
A irrupción da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, que agrupa aos antidesafiuzamentos e á comisión que reivindica o dereito a unha vivenda digna, elevou a presión sobre o goberno para que responda con feitos ás 114 familias que aínda agardan pola vivenda que se lles adxudicou. Xa interromperon os dous últimos plenos. O 12 de abril plantáronse no rexistro para presentar 34 queixas e din que seguirán pelexando polas súas casas. A semana pasada o alcalde recibiu no seu despacho a unha comisión de activistas e afectados. "Moi cordial pero sen contido. Manteñen que darán 30 casas pero fáltannos outras 86", resume Susana Alaníz, de Stop Desafiuzamentos.
 
As beneficiarias de vivendas para "familias vulnerábeis" pagarán de 30 a 100 euros mensuais en función dos seus ingresos durante cinco anos prorrogábeis e obriga aos inquilinos a respectar unhas normas de convivencia. Incumprir-las é un dos motivos para rescindir o aluguer. O Concello se reserva dúas casas para realoxar a desafiuzados e outras dúas para casos de emerxencia social que tutelará a Xunta. O Plan de Oportunidades que o rexidor José Manuel Rey Varela publicita como un dos fitos do seu mandato asignou este ano 300.000 euros á rehabilitación dunha decena de pisos en Recimil. Outros 18.000 euros mensuais dedícaos a axudas de emerxencia social: aluguer, facturas e recibos de familias en situacións peliagudas.
 
Reportaxe de Lorena Bustabad no xornal 'El País' - 19.05.2013
Recollido de Artabra21
 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript