Maio de 2013
 
 

20/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Volve a tempada de tormentas?

O final da primavera marca o arranque da tempada estival de tormentas. Sobe a temperatura, e cando menos o esperas, un ceo tranquilo cóbrese de nubes negras, estalan tronos e raios, cae a sarabia e sálvese quen poida. E así todo o verán, co susto no corpo. Meteoroloxía? Que va. Estou a falar de economía. Da española, que nos últimos anos se acende cando chegan estas datas e abócanos a un verán tormentoso. Fagamos memoria:

 

  • Noticias relacionadas

 

Ano 2010: a primavera parecía tranquila, ata que no mes de maio se desataron as primeiras tormentas. Ataques dos mercados aos países do sur, Grecia pide o rescate, Zapatero dá un xiro á súa política, as axencias de cualificación van quitando chanzos e a prima supera por primeira vez os 200 puntos. A tempada eléctrica deixounos os primeiros recortes sociais e unha reforma laboral.
 
Ano 2011: a tempada de tormentas adiántase a abril, cos problemas de Portugal, que acaba rescatada. En maio regresan os malvados mercados, que non nos darán tregua en todo o verán, levando a prima aos 400 puntos. A tempada eléctrica conclúe coa reforma constitucional pactada entre PSOE e PP.
 
Ano 2012: aínda que tras a vitoria do PP se nos prometía unha tempada de chuvias moderadas, en maio estalou o vendaval de Bankia, e xa foi un non parar que subiu a prima ata máis de 600 puntos ese verán, e que nos deixou un rescate bancario.
 
E chegamos a este 2013. Non hai nin dúas semanas que Rajoy e os seus ministros sacaban peito: o peor pasara, salvaran a España dun rescate maior, a confianza regresaba e, aínda que eles mesmos empeoraban as previsións, en diante todo iría mellor. Hoxe eses mesmos optimistas deben de estar a buscar as botas de auga, chuvasqueiros e pararraios, porque no horizonte empeza a asomar outro verán eléctrico.
 
Tras os rumores dos últimos días sobre unha posible ampliación do rescate bancario, e a alarma lanzada dende a prensa británica sobre a solvencia de España, todo parece indicar que nos próximos días subirá a temperatura e aparecerán nubeiros.
 
A semana que vén visítanos a Troika, que non se cre que os bancos estean tan sans como di De Guindos, e tampouco se fía de que o goberno cumprise a súa parte do acordo, nin que ese invento do banco malo vaia por bo camiño. Todos sospeitan que os bancos están a ocultar moito crédito dubidoso para o que esixirán novas provisións, que obrigarían novas axudas públicas, e a ampliación do rescate.
 
Unha semana despois da visita da Troika, o 29 de maio, oiremos as recomendacións de Bruxelas, que tampouco está moi contento da marcha das reformas. Por aquí tocan madeira para que non nos abran un expediente por desequilibrios excesivos, e dan por descontado que nos poñerán novos deberes,que incluirían outra volta de rosca en pensións e mercado laboral.
 
A partir de aí, o verán pode seguir quentándose por toda Europa: un posible rescate a outro pequeno país ( Eslovenia), as malas previsións para outros grandes (Francia, Holanda), e os problemas en xeral da banca europea que non se resolveron por moitas axudas, rescates e diñeiro barato que lle désemos.
 
Eu xa me estou preparando para outro verán de sobresaltos como os anteriores, con berros de "os mercados atacan a España", a prima disparada, Rajoy escondido, a prensa internacional sinalándonos outra vez, e máis dun raio que nos pode alcanzar.
 
En definitiva, outra tempada de tormentas. Pero volvo ao principio: non falo de meteoroloxía, senón de economía. É dicir, política. Se nos golpea outra tempestade este verán, teñamos claro que non se trata dun fenómeno natural incontrolable, non vale resignarse e abrir o paraugas. Se todo iso acontece é porque hai gobernantes que queren que aconteza, ou cando menos non fan nada por impedilo, e prefiren esperar a ver se escampa.

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript