Maio de 2013
 
 

20/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Recorte salarial

O xoves, 16 o xerente transmitiu aos representantes dos traballadores que nesta semana lles faría chegar a decisión da Xunta de Galicia sobre o procedemento para efectuar o recorte do 5% da masa salarial contemplada nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2013.

 

 

Ese mesmo día houbo reunión do Consello Galego de Universidades- Segundo transcende do resumo da reunión, e publicado na páxina web da Consellería de Cultura e Educación,  aclárase, textualmente:
 
“Axuste da masa salarial
 
Respecto do Plan de Financiamento, comunicouse ás universidades que é o momento de que comecen a aplicar os axustes da masa salarial do 5% esixido para o persoal ao servizo do sistema universitario de Galicia, en cumprimento da Lei de Orzamentos, que así o establece tamén para o persoal funcionario da Xunta de Galicia.
 
Neste sentido cómpre sinalar que foron as tres universidades do SUG as que solicitaron un estudio sobre a aplicación desta medida para acadar unha maior seguridade xurídica e homoxeneidade no proceso de axuste. A Consellería de Facenda aceptou esta petición e convocou varias reunións coas entidades integrantes do sistema universitario galego, co obxecto de coordinar posibles criterios comúns. Logo de escoitar ás entidades implicadas, elaboráronse un conxunto de criterios que se poderían empregar para aplicar o axuste baseándose no realizado co persoal da Xunta de Galicia. Finalmente, tras unha xuntanza da Comisión de Seguimento do Plan de Financiamento do SUG, pechouse a redacción definitiva do documento, do que se fixo entrega ás universidades a finais do pasado mes de abril.
 
Este documento ten pois como finalidade proporcionar pautas comúns de actuación para que estas apliquen a redución retributiva de acordo cos principios de universalidade, equidade e progresividade, sen prexuízo da competencia que cada unha delas ten atribuída en virtude da autonomía universitaria. Polo tanto, a partires deste momento, serán as propias universidades, en aplicación da súa autonomía en materia de xestión de persoal, as que efectuarán os axustes precisos na súa masa salarial.”

 
Se isto é certo, o día 30 de abril, cando no Claustro se lle pediu ao reitor que indicase demanda contra a Xunta por incumprir o compromiso establecido no Plan de Financiamento e, de non facelo, iniciar o antes posible a negociación cos representantes dos traballadores e traballadoras para executar o establecido nos Orzamentos, a Universidade xa coñecía o estudo elaborado pola Xunta.
 
Segundo se publica nos medios de comunicación, o mesmo día 16 o equipo de goberno da USC reuniuse cos sindicatos para transmitirlles o documento elaborado pola Xunta e comezar as negociacións para a súa aplicación.
 
Neses mesmos medios de comunicación indícase que o texto deixa claro que, aínda que a rebaixa media será do 5%, o desconto será progresivo, a porcentaxe será menor para os soldos máis pequenos e superará o 7% para os máis elevados.
 
Aparece, agora, o problema de cando se aplique o desconto, dende Compostela indican que de aplicarse o desconto desde o mes de xullo os descontos alcanzarían na parte alta o 15% mentres que a media estaría no 10%.

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript