Maio de 2013
 
 

20/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  FERROL - REBELIÓN DO NAVAL - PATRICIA HERMIDA
 

A ira do naval de Ferrol: lume, gasolina e patíbulos

Sobre Ferrol cae un diluvio bíblico. Pero a cidade está en chamas. Arde o naval pola falta de carga de traballo, os continuos despedimentos e o "culebrón" do flotel.

 

 

O ruído e a furia volveron bater o xoves as rúas, cunha manifestación de 3.000 traballadores. Das portas de Navantia, saíron os operarios para reclamar contratos. E sobre os seus ombreiros portaron un auténtico patíbulo do naval: unha estrutura disposta para a forca. Das sogas colgaban dous bonecos de traxe negro, coas caretas do alcalde de Ferrol e o presidente da Xunta de Galicia.
 
Os crash test dummies de José Manuel Rei Varela e Alberto Núñez Feijóo acabaron convertidos en cinza. Os traballadores portaron o patíbulo até a sede do PP. E alí queimárono: verteron unha garrafa de gasolina sobre os bonecos e varios petardos. As chamas alzáronse con estrondo cara ao ceo. Despois, a manifestación de mergulladores e paraugas continuou até as portas do edificio da Xunta. Tras unha breve concentración, regresaron todos ao estaleiro.
 
Ao comezo das dúas horas de paro, o presidente do comité de empresa de Navantia expresaba o gran enfado do colectivo: "A Xunta está escondida, o presidente non quere recibirnos e percibimos que xa nin sequera falan dos contratos dos floteis ". Esta mesma mañá, o alcalde de Ferrol indicaba en RNE que pronto se cortará a chapa do flotel, pero necesitamos que Navantia consiga máis contratos". O presidente do comité, Ignacio Naveiras, responde que "só nos dará tranquilidade que se corte chapa para ter traballo pero non para sacar unha foto, porque diso temos experiencia... a realidade xa se amosa coas listas de paro e a perda de poboación".
 
A cidade ten unha taxa de desemprego do 32%, no último ano e medio foron despedidos 2.200 traballadores do naval. Segundo Ignacio Naveiras, "estase creando unha situación de conflitividade social, o PP abandonou por completo aos traballadores e a esta comarca". O comité esixe ao PP que nos explique como faremos o flotel, despois de que Pemex comprase Barreras". E define ao Goberno central, a Xunta e a Alcaldía como "gobernos de cómic". Así responden o director xeral de Industria, Manuel Vale, que o luns dixo que se atoparon no naval con "situacións de Mortadelo e Filemón".
 
Fotos, Susete Ferrol

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript