Maio de 2013
 
 

20/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  UN DÍA GOZOSO PARA A LINGUA GALEGA
 

Trece medios de comunicación presentaron a "Asociación de Medios en Galego"

Trece medios de comunicación -- Radiofusión, Valminor.info, Novas da Galiza, Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Certo, Que Pasa na Costa, O compás da Costa, Tempos Novos, Terra chá.xa, Crónica 3 e a Nova Peneira-- presentaron a "Asociación de Medios en Galego", unha nova entidade que ten como obxectivo organizarse para manter e potenciar o galego, garantir a pervivencia da lingua nos medios, traballar pola dignificación do xornalismo e procurar vías de financiamento que garantan a súa sustentabilidade.

 

  • Noticias relacionadas

 

O acto de presentación tivo lugar este xoves na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela e nel os representantes dos distintos medios destacaron a necesidade de traballar xuntos para loitar pola supervivencia do galego nun tempo de crise no que, ademais, a Xunta de Galicia, dálle as costas aos medios que usan esta lingua. A asociación xurdiu a raíz da campaña Vitaminas para o galego. Unha iniciativa que naceu en decembro de 2011 e que ao longo do pasado ano suscitou un importante apoio cidadán, que demostrou a sensibilidade existente na sociedade galega a respecto destas cuestións.Esta asociación --na que tamén pediron o ingreso os xornais A Voz de Vilalva e Cadernos de Comunicación e Análise-- destaca que o galego non é un obstáculo para comunicarse en Galicia. "Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa creación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galicia", apuntan nun manifesto que deron a coñecer este xoves. "Temos unha lingua propia, unha cultura que nos enriquece, nos diferenza e nos globaliza, unha xente que ama a súa terra e un País que nos une a todos. Por iso, é imprescindible que haxa medios en galego, que a xente os apoie, que os políticos os respecten e que as institucións os axuden. Unha sociedade de seu non pode permitirse o luxo de darlle as costas a unha herdanza de centos de anos", engaden. Por iso, a Asociación de Medios en Galego procurará defender os intereses dos medios de comunicación en galego, contribuír ao proceso de asentamento do sector dos medios de comunicación de información xeral na lingua propia de Galicia, consolidar un espazo de comunicación en galego, fomentar a presenza pública, tanto individual como conxunta, dos medios de comunicación en galego ou promover iniciativas lexislativas e administrativas que beneficien ao sector. Ademais, desenvolverá accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego, intercambiará coñecementos e información e promover proxectos comúns que axuden a desenvolver de forma efectiva os fins da asociación e contribuirá ao proceso de normalización lingüística.
 
Nova Lei de Publicidade Institucional
 
Outra das finalidades desta nova institución de defensa do galego é abrir canles de diálogo coas distintas administracións públicas, partidos políticos e organizacións profesionais para analizar a actual situación dos medios en galego e artellar unha nova Lei de Publicidade Institucional que teña en conta todo o espectro dos medios que usan este idioma. Tamén, representará ao sector e actuará diante das administracións locais, provinciais, nacionais e estatais en todo aquilo quen afecte aos medios de comunicación en galego.Finalmente, debaterá colectivamente a situación laboral do sector dos medios en galego para mellorar a súa situación e asesorará ás entidades produtoras de medios en galego para facer fronte aos problemas profesionais comúns. Esta asociación, tamén contribuirá á profesionalización do sector de xeito que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económica
 
Fonte: http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=14904
Recollido de: http://artabra21.blogspot.com.es/2013/05/trece-medios-de-comunicacion.html

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript