Maio de 2013
 
 

20/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Aspectos do recorte salarial e outras diferenzas entre PAS e PDI

Os Orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2013 establecen o recorte do 5% da masa salarial das universidades galegas. Xa comunicamos en anteriores artigos que, mentres as retribucións do PAS veñen determinadas pola Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia, as retribucións do PDI funcionario veñen determinadas por normativa estatal. O PDI contratado conseguiu, por Convenio Colectivo a equiparación salarial co PDI funcionario.

 

  • Noticias relacionadas

 

Nestes días pasados moitos/as compañeiros/as dirixíronse a nós para comentar esta diferenza de trato, entendida como discriminatoria.
 
A diferenza contémplase xa na
Lei Orgánica 11/1983, de 25 de agosto, de Reforma Universitaria. Publicada en: «BOE» núm. 209, de 1 de setembro de 1983
 
Artigo corenta e seis
1. O Goberno establecerá o réxime retributivo do profesorado universitario, que terá carácter uniforme en todas as Universidades.
 
Mentres que para o PAS establece:
 
Artigo corenta e nove
2. O persoal de Administración e Servizos das Universidades será retribuído con cargo aos orzamentos das mesmas.
 
Na LOU.
Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades.
 
No Artigo sesenta e nove, para o persoal docente e investigador funcionario establece que:
1. O Goberno determinará o réxime retributivo do persoal docente e investigador universitario pertencente aos corpos de funcionarios. Este réxime, que terá carácter uniforme en todas as Universidades…
 
Contempla, ademais:
 
3. As Comunidades Autónomas poderán, así mesmo, establecer retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión.
 
Ao respecto do PAS regula:
 
Artigo 74. Retribucións.
1. O persoal de administración e servizos das Universidades será retribuído con cargo aos orzamentos das mesmas.
 
2. As Universidades establecerán o réxime retributivo do persoal funcionario, dentro dos límites máximos que determine a Comunidade Autónoma e no marco das bases que dite o Estado.
 
Non queremos afogarvos coa lexislación. A cuestión é que o recorte da masa salarial (5%), decidida polo PP da Xunta pode aplicarse exclusivamente aos colectivos sobre o que ten competencia normativa a nivel salarial.
 
Isto quere dicir que, ao PDI funcionario só pode retirarlles, ou recortarlles, os complementos outorgados pola propia Xunta de Galicia.
 
Como vos diciamos no artigo sobre o recorte salarial, nesta semana a Xerencia transmitirá aos representantes dos traballadores e traballadoras o informe elaborado pola Xunta  sobre como afectará o recorte ao PDI e ao PAS, sexa cal sexa a decisión que nel se contemple manifestamos xa o noso desacordo por unha cuestión de principio, NON ACEPTAMOS OS RECORTES SALARIAIS NIN A POLÍTICA APLICADA POLA XUNTA QUE VAI NO CAMIÑO DE AFOGAR E REMATAR COS SERVIZOS PÚBLICOS.
 
Non aceptamos ningún recorte aos nosos xa depauperados salarios. Esiximos que se busquen outros medios de recadación (eliminando a evasión fiscal mediante paraísos fiscais, SICAV’s, facendo unha política fiscal que obrigue a pagar máis a quen máis ten…) esiximos, tamén, que a débeda privada (sobre todo procedente do burato bancario) sexa iso, privada e que non recaia sobre os servizos públicos e a cidadanía en xeral.
 
Entendemos que nesta situación só cabe a resposta unitaria de todas as forzas sindicais da universidade e, de ser posible, das tres galegas. Nese camiño iniciamos conversas cos compañeiros das outras universidades para propiciar unha mobilización conxunta que demostre o desacordo coas políticas que o PP de Galicia dita para as universidades públicas do noso país.
 
Outra diferenza entre PAS e PDI, a normativa aplicable
 
Xa que estamos a tratar aspectos legais que nos diferencian aos dous colectivos temos que sinalar outro que, ao noso parecer, é transcendente:
 
Na LRU indicábase:
 
Artigo corenta e catro
1. O profesorado universitario rexerase pola presente Lei e as súas disposicións de desenvolvemento, pola lexislación de funcionarios que lle sexa de aplicación e, no seu caso, polas disposicións de desenvolvemento desta que elaboren as Comunidades Autónomas, e polos Estatutos da súa Universidade.
 
Na mesma Lei indicábase para o PAS:
 
Artigo corenta e nove
3. O persoal de Administración e Servizos rexerase pola presente Lei e as súas disposicións de desenvolvemento, pola lexislación de funcionarios que lle sexa de aplicación e, no seu caso, polas disposicións de desenvolvemento desta que elaboren as Comunidades Autónomas, e polos Estatutos da súa Universidade.
 
Como se observa eran idénticas.
 
Na LOU xa non:
 
Artigo 56. Corpos docentes universitarios.
 
2. O profesorado universitario funcionario rexerase pola presente Lei e as súas disposicións de desenvolvemento, pola lexislación xeral de funcionarios que lle sexa de aplicación e polos Estatutos.
 
Artigo 73. O persoal de administración e servizos
 
3. O persoal funcionario de administración e servizos Servizos rexerase pola presente Lei e as súas disposicións de desenvolvemento, pola lexislación de funcionarios que lle sexa de aplicación e, no seu caso, polas disposicións de desenvolvemento desta que elaboren as Comunidades Autónomas, e polos Estatutos da súa Universidade.
 
Como vedes desapareceu toda referencia á comunidade autónoma. Isto ten moita importancia porque a este persoal (PDI funcionario) tampouco lle afectará a Lei do Emprego Público que está a preparar o goberno da Xunta.
 
Damos as grazas a todos os compañeiros que cooperaron neste artigo

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript