Maio de 2013
 
 

13/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  17 DE MAIO MANIFESTACIÓN NACIONAL PORQUE NON QUEREMOS SER ESTRANXEIRAS NA NOSA PATRIA
 

Queremos Galego colle forzas de cara á manifestación nacional do 17 de maio

Susana Méndez, coordinadora de Queremos Galego: “Convidamos todas as persoas que amen o galego a que participen na manifestación nacional do Día das Letras”

 

  • Noticias relacionadas

 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2013.- O plenario da plataforma unitaria Queremos Galego reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela para “pór a punto os motores organizativos” de cara á manifestación nacional que convocaron para o Día das Letras so o lema “Non queremos ser estranxeiras na propia patria. Queremos galego!” Esta marcha sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela e finalizará na praza da Quintana.
 
A plataforma, da cal fan parte máis de 700 entidades, dispoñibilizará autobuses desde diferentes puntos de Galiza para as persoas que quixeren acudir. Toda a información porase na súa páxina web: www.queremosgalego.org Ademais, a coordinadora de Queremos Galego, Susana Méndez, apuntou que é posíbel descargar os materiais da convocatoria desde este enderezo web: http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Cartaz+mani+17M+Queremos+galego
 
Méndez enfatizou o “convite” para que “todas as persoas que amen o galego participen na manifestación convocada para o Día das Letras”, pois “só a través da presión social constante poderemos garantir os nosos dereitos lingüísticos e o noso futuro como pobo”.
 
O plenario da plataforma tamén acordou apoiar a mobilización convocada pola Mesa para o vindeiro 10 de maio ás 10 h diante da Audiencia Provincial da Coruña, en apoio a Carlos Callón. O presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego será xulgado “de novo e de forma excepcionalísima nos procedementos xudiciais habituais” por unha denuncia realizada polo ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, despois de este afirmar “no tengo ningún rubor en usar La Coruña” nos documentos oficiais, a pesar de que a súa obriga como xuíz é cumprir e facer cumprir as leis.
 
Carlos Callón xa fora absolto en xaneiro deste ano do cargo de inxurias contra o ex xuíz decano da Coruña, quen reclamaba unha indemnización de 15.000 euros polo feito de o presidente da Mesa lle lembrar a súa obriga de cumprir a Lei de normalización lingüística tras unhas declaracións nas que o nalquel momento xuíz decano manifestaba que non tiña “ningún rubor en usar La Coruña” nos documentos oficiais. Na sentenza (que se pode consultar aquí), ademais de absolver ao presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego, tamén se recordaba toda a lexislación que recoñece A Coruña como o único topónimo oficial, e sinalábase que é normal e lexítimo que as moi desafortunadas declaracións de Fraga Mandián fosen obxecto de crítica pública, como a realizada polo presidente da Mesa, e que esta estaba amparada pola liberdade de expresión.
 
Porén, nunha insólita decisión, a Audiencia Provincial da Coruña decidiu repetir o xuízo, aceptando o recurso presentado por Fraga Mandián e concedéndolle a vista co fin de repetir o proceso cun novo xuíz, algo moi pouco habitual, moito menos cando se recorre unha sentenza absolutoria.
 
A caza de bruxas contra os que defendemos o galego continúa. Por ese motivo a plataforma Queremos Galego secunda a mobilización convocada pola Mesa para o día 10 de maio diante da Audiencia Provincial da Coruña.

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript