Maio de 2013
 
 

13/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Non abonda con apagar algúns lumes

Onde estiveches onte? Encerrado na Facultade durante a folga de educación, e pola tarde na manifestación? Recollendo firmas contra a privatización sanitaria? Dando un Toque a Bankia? Protestando no Congreso contra a nova Lei de Costas? Paralizando un desafiuzamento, ocupando vivendas para desafiuzados? Tratando de organizar algunha protesta contra a próxima lei do aborto

 

 

Mesmo pode que non estiveses en nada do anterior, senón na túa empresa, debatendo cos teus compañeiros que facer ante o ERE que se vos vén enriba. O buscándote a vida para chegar vivo a final de mes, outro mes. Quizais non puideches moverte en todo o día porque tes que coidar un familiar dependente, para o que xa non tes ningunha axuda.
 
Como non sei onde estabas onte, cóntoche como foi este intenso día de protestas. Pódocho dicir como nos chistes: teño unha noticia boa e outra mala. A noticia boa é que miles de profesores e familias fixeron folga e encheron as rúas; a consulta pola sanidade superou os 600.000 ( 1.000.000 a día de hoxe, engadido) votantes; decenas de oficinas de Bankia pecharon por cansinismo; activistas de Greenpeace treparon ao Congreso; a PAH conseguiu outro triunfo; e o rexeitamento á contrarreforma do aborto suma máis apoios.
 
A noticia mala é que o PP segue empeñado  na Lei Wert, e se non cae no Consello de Ministros de hoxe, caerá no seguinte, en canto baixemos a garda; a Comunidade de Madrid xa publicou o concurso para privatizar os primeiros seis hospitais; Bankia abre hoxe as súas portas sen moita novidade; o Congreso aprobou onte a reforma da Lei de Costas sen cambiar unha coma; hai novos desafiuzamentos fixados para os próximos días; e Gallardón segue coa súa cruzada retrógrada. Ah, e dentro de nada nos caerá outra reforma das pensións, e algún susto máis en materia laboral.
 
A noticia boa é moi boa; a mala é moi mala, e sen a boa sería aínda peor. Pero o balance do gañado e perdido, aí está. Entón, que? Rendémonos? Non, e menos despois dun día tan positivo como o de onte. Non se trata de caer no derrotismo, pero si empezar a pensar en algo máis que apagar lumes, para que non fundan o cansazo nin o desánimo.
 
Cando un pirómano quere arrasar un bosque, sempre acende varios focos para dificultar os labores de extinción. E iso está a pasar: os incendiarios prenden cada día unha nova fogueira, e nós seguimos correndo dun lado a outro: non rematamos de apagar un lume cando xa sae fume máis alá.
 
E aínda que sexamos moitos, o lume avanza, o vento sopra con forza, e a miúdo só contamos con ramas e caldeiros de auga. Así que, tras un día como o de onte, chegas á casa esgotado e coa cara tisnada, pero satisfeito polo ben que funcionou a cadea humana pasando caldeiros, ata que te asomas á ventá e ves as hectáreas calcinadas, e as que aínda seguen ardendo no monte do lado. E así pasan os meses, e cada vez máis terreo queimado.
 
As brigadas antiincendio crecen, si, e ás veces actúan xuntas nun mesmo incendio. Pero os pirómanos van con lanzachamas e non damos abasto. Para tombar a lei Wert teriamos que dedicarnos todos (profesores, familias, cidadáns en xeral), e por tempo indefinido, a folgas, encerros e manifestacións, envorcando todas as nosas enerxías ata que a retirasen. Pero entón talvez ardería máis á présa a sanidade, que tamén esixiría un pulso masivo e firme ata deter a súa privatización e os recortes.
 
Como a tempada de incendios está lonxe de rematar, haberá que seguir botando caldeiros de auga. Pero temos que pensar na forma de que todas as brigadas de extinción que agora están repartidas polo monte se poñan de acordo para facer algo máis que apagar lumes: para evitar que se produzan máis, para deter os pirómanos, e para replantar o xa arrasado.
 
Estanse a mover xa varias iniciativas sociais e políticas, nas zonas de confluencia de partidos, movementos sociais e 15-M. Algunhas dende un espírito moi plural e transformador, como ese prometedor chamamento a construír ' Alternativas dende abaixo'; pero tamén en ámbitos rexionais ou locais, non sen dificultades. Todas co mesmo obxectivo: crear unha fronte cidadán ampla, que sexa máis eficaz apagando lumes, pero que tamén vaia máis alá, e empece a considerar o ciclo electoral vindeiro (europeas, municipais, autonómicas, xerais). Porque está á volta da esquina, e como non nos espertemos pillaranos en coiros e co caldeiro na man.

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript