Maio de 2013
 
 

06/05/2013

   CUTUDC / Novidades

  INTERNACIONAL
 

Á rúa 2.000 funcionarios en Grecia antes de finais de maio

Os sindicatos gregos mobilízanse, aínda máis, fronte aos despedimentos masivos na Administración, que segundo o Goberno sumarán 15.000 persoas ata 2015. En total, o executivo prevé que para ese ano desaparecesen entre 150.000 e 200.000 empregos públicos.

 

  • Noticias relacionadas

 

A Administración grega será reducida en 4.000 empregados de aquí a finais de ano, segundo o anuncio oficial que o primeiro ministro grego Andonis Samarás realizou o pasado 24 de abril. A medida forma parte dun polémico plan de recortes que suscitou desencontros entre os ministerios implicados. Finalmente someteuse a votación no Parla­mento o domingo 28, co voto en contra da esquerda parlamentaria.
 
Os líderes dos partidos que integran o Goberno tripartito (ND, Pasok e Dimar) xa chegaran a un preacordo coa troika a mediados de abril. Segundo sinalaron daquela fontes do Goberno, 2.000 funcionarios serían despedidos ata finais de maio, outros 2.000 antes de rematar o ano e 10.000 máis para 2014. A cifra total de postos de traballo que o Go­berno planea facer desaparecer do sector público, segundo anunciou xa o outono pasado, sería de entre 150.000 e 200.000 para 2015, dun total de 780.000.
 
Empregados na lista negra
 
Os primeiros en engrosar a taxa de paro serían aqueles empregados públicos con sentenzas en firme en procesos disciplinarios por faltas (procedementos que serán acelerados considerablemente). O paso seguinte, segundo o Goberno, sería o exame minucioso dos casos de baixas prolongadas por razóns de saúde, o ofrecemento de incentivos para aqueles dispostos a acollerse a un retiro anticipado e a non renovación do persoal laboral con contratos de duración determinada. Por último, mesmo aqueles funcionarios que pasen as cribas deberán estar dispostos a participar en programas de mobilidade entre organismos para manter os seus traballos.
 
As reaccións ao anuncio de Samarás non se fixeron esperar. A agrupación xeral do sector público Adedy rapidamente convocou o 26 de abril unha protesta diante do Ministerio de Finan­zas. O mesmo día, o sindicato dos organismos municipais (POE-OTA), chamaba o persoal laboral contratado a unha folga estatal de 24 horas e o resto de traballadores a paros parciais, completados con varios actos no centro de Atenas que culminaron cunha manifestación ata o Ministerio de Refor­ma Adminis­trativa. O obxectivo, mostrar o rexeitamento dos traballadores públicos ao proxecto de lei do tripartito, así como ás medidas de austeridade en xeral.
 
O domingo 28, tanto o sindicato Adedy, co que convocaba en solidariedade a agrupación do sector privado, coma o sindicato Pame (vinculado ao partido comunista) e os sindicalistas de Syriza levaron a cabo unha manifestación fronte ao Parlamento. A protesta tivo lugar á mesma hora á que se votaba o proxecto de lei, que segundo os seus detractores unicamente servirá para incrementar máis a alta taxa de desemprego que sofre Grecia e que xa supera o 27,2% da poboación.
 
Protestas diarias
 
A última semana de abril tamén se concentraban ante o Parlamento empregados do Organismo contra as Drogas, que completaron xa 39 días de ocupación da súa sede en protesta pola falta de financiamento.
 
Ao peche desta edición, esperábase que as mobilizacións previstas para o Primeiro de Maio unha incidencia irregular debido á demanda da Confe­deración Nacional Grega do Co­mercio de trasladar este festivo oficialmente ao 7 de maio, para non coincidir coa Pascua ortodoxa, o mércores.
 
En desacordo coa decisión, os sindicatos maioritarios convocaron unha folga xeral de 24 horas e manifestacións. Os sindicatos Adedy, GSEE, Pame, Otoe e a federación de empregados de banca organizaron esa protesta e anunciaron unha folga o 2 contra a redución dos seus salarios e pola negociación do seu convenio colectivo. Os paros esténdense aos traballadores empregados nos ferries, que permanecerán nos portos debido unha folga de mariñeiros, e o metro de Atenas funcionará a medio gas. Tampouco faltan este ano as convocatorias dos sindicatos e agrupacións de base, e estudantís, así como dos diversos movementos asemblearios e antiautoritarios.

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript