Abril de 2013
 
 

29/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  EPA
 

Rajoy polo bo camiño: 6.202.700 parados/as

Segundo corea todo o goberno do PP a política económica de Rajoy está dando resultado: 6.202.700 paradas e parados dan boa fe diso.

 

  • Noticias relacionadas

A EPA do primeiro trimestre do ano non hai por onde collela. Son 6.202.700 persoas que se deitan e se erguen a diario sen ningunha esperanza de atopar traballo, coa súa vida destruída e sabendo que cando vaian á oficina de desemprego atoparanse, de novo, coa circunstancia que máis traballadores e traballadoras irán engordando esa fatal estatística, froito das políticas aplicadas por un goberno obediente cos ditames dos mercados, coa ditadura do capital.
 
A EPA sinala que 1,9 millóns de familias teñen todos os seus membros no paro (un 10,3% máis no último ano) e son case un millón de mozos menores de 25 anos que buscan un curro. Nin máis nin menos que o 57.22% dos mozos que andan botando currículos por aí ou practica o que segundo Fátima Báñez chama “mobilidade exterior” (a emigración de toda a vida). Os datos trasladan unha sensación de desolación e de angustia ao anfiteatro social, pero, segundo di Mariano, este é o camiño
 
En Galicia, en relación co trimestre anterior, son 10.000 as persoas que pasaron a engrosar as estatísticas do paro, alcanzando a cifra dos 287.400 desempregados, un 3,61% máis, elevando a taxa ao 22,35%.
 
Con respecto ao mesmo trimestre de 2012, o aumento de parados foi de 21.800 persoas, o que supón un incremento do 8,23%, superior á media estatal nestes tres meses.
 
Por provincias, no primeiro trimestre do ano a perda de ocupados é maior en Pontevedra, con 11.000 menos, fronte aos 9.000 da Coruña, os 6.500 de Lugo e os 1.000 de Ourense. Pero é a provincia coruñesa a que sofre unha maior caída respecto ao primeiro trimestre do ano pasado, con 24.700 traballadores menos, polos 11.200 de Pontevedra, os 9.500 de Lugo e os 6.000 de Ourense.
 
O maior drama dos datos revelados pola EPA é que máis da metade dos desempregados galegos son de longa duración: 159.000 dos 287.400 rexistrados buscan emprego dende hai máis dun ano. A situación é aínda máis dura para máis de 90.000 destes galegos, que levan xa máis de dous anos sen un posto de traballo
 
Entre as cidades galegas, a taxa máis alta de paro corresponde a Ferrol (do 32%) seguida de Santiago (25,2%), Vigo (24,7%), Ourense (21,8%), Lugo (20,9%), Pontevedra (19%)
 
Na cidade da Coruña o número de persoas en idade de traballar en desemprego creceu un 28% no último ano. Da poboación total da cidade no primeiro trimestre 210.600 habitantes, 127.900 son considerados polo Instituto Nacional de Estatística poboación activa de pleno dereito, dese total a poboación ocupada ascende só a 106.200 persoas, o que implica que o 17% dos cidadáns activos continúan desocupados.
 
O paro, na cidade, medrou, no primeiro trimestre, un 28% respecto do primeiro trimestre do ano pasado. 4.800 persoas máis
 
A situación de Ferrol só pode cualificarse de tráxica, a taxa de ocupación, é do 33,7% (o 66,3% da poboación está fóra do mercado laboral) mentres  que, sen ir máis lonxe, a taxa de ocupación, na cidade da Coruña é do 50,4%.
 
O desemprego medra día a día. A taxa de desemprego respecto da anterior Enquisa pasou do 28% ao 32% incrementándose en 5 puntos batendo marcas tamén neste terreo..
 
En cómputo anual, a taxa de paro incrementouse nun 12,6%, en marzo do ano pasado,  a taxa de desemprego de Ferrol era do 19,4%. Con este panorama non é de estrañar que a situación social da cidade sexa explosiva máis vendo que no futuro inmediato o panorama laboral só tende a empeorar.
 
É imprescindible reaccionar diante destas cifras que demostran ás claras que a política económica do goberno ten unha clara trastenda ideolóxica: facer que os efectos da crise creada pola propia dinámica capitalista os suframos os traballadores e traballadoras.
 
O primeiro de maio temos a oportunidade de demostrarlle ao goberno que non pasamos polo aro destas políticas, que non nos van facer comulgar coas súas solucións, que a única alternativa para un cambio real virá da man da mobilización xeneralizada e permanente dos traballadores e traballadoras e a cidadanía en xeral até a consecución dun cambio de sistema. O capitalismo xa demostrou máis que sobradamente que non serve.
 
Participa na recollida de 6.202.700 sinaturas para pedir a dimisión do Goberno en bloque e a convocatoria de eleccións.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript