Abril de 2013
 
 

29/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  FEIJOO, MARCIAL E A NEVE
 

A Xunta admite que na presidencia de Fraga se pagaron máis de 157.000 euros a empresas de Dorado

Feijóo, que se fotografaba daquela co traficante, xa era un alto cargo da Administración galega.

 

  • Noticias relacionadas

 

AA Xunta respondeu por escrito o que o presidente Alberto Núñez Feijóo se negou a contestar no Parlamento galego o pasado mércores na sesión marcada polo incidente con Beiras. O Goberno popular levaba dúas semanas sen facilitar datos, e por fin difundiron algúns datos sobre contratos e axudas do Executivo galego co traficante Marcial Dorado -aquel co que se fotografaba nos noventa o actual presidente, entón número dous da Consellería de Sanidade-. Pero o modo de dar a información provocou as suspicacias do grupo parlamentario que realizou a pregunta.
 
96.000 euros na etapa de amizade
Segundo os datos remitidos, difundidos por El País, a Xunta contratou con empresas vinculadas a Dorado por valor de ata 157.234 euros durante tres das lexislaturas que gobernou Fraga. No período máis comprometido para Feijóo, cando frecuentaba o narcotraficante -entre 1994 e 1996- as empresas de Dorado recibiron 96.709 euros, aínda que ningunha da Consellería de Sanidade na que traballaba o actual presidente. De 1996 a 2003 Feijóo abandonou a Xunta para ocupar altos cargos públicos co Goberno de Aznar.
 
157.000 euros en total con Fraga
Feijóo insistira en que goberno precedente, o bipartito de PSdG e BNG, pagara 125.000 euros a empresas de Dorado en concepto de axudas, mentres que co seu Executivo foron 5.000 por "contraprestación de servizos". Proclamou que co bipartito as empresas de Dorado recibiron "un importe superior a calquera outra das lexislaturas de Manuel Fraga", pero non ofreceu datos. Agora sábese que non dixo a verdade, xa que con Fraga percibiron máis. Ademais, as axudas do bipartito producíronse polos danos sufridos nunha das súas empresas por unhas inundacións dentro dunha convocatoria á que podía acollerse calquera que acreditara os prexuízos causados, máis outras dúas subvencións de 6.702 euros da Consellería de Industria para fomentar a investigación.
 
O groso deses 157.000 euros que a Xunta de Fraga destinou a empresas de Dorado destináronse á súa navieira Mitulo para a construción de barcos e bateas, e en menor medida, para, a venda de carburante ou a contratación de traballadores. Con Feijóo xa como presidente, as empresas do traficante cobraron da Administración autonómica 5.110 euros para sufragar estudos mariños.
 
"Casualidade" de que todos contrataron menos o departamento de Feijóo
A pregunta parlamentaria partira dende Alternativa Galega de Esquerda (AGE), cuxa covoceira, Yolanda Díaz, se mostrou hoxe indignada pola información remitida pola Xunta. Díaz mostrou a documentación recibida aos informadores, aos que resaltou que se trata de papeis non oficiais, sen timbre, sen os contratos, sen autoría nin responsable da información. Resaltou así mesmo con ironía a "casualidade" de que as empresas de Dorado contrataran con todas as consellerías da Xunta, "mesmo Cultura", salvo a que xestiona o Sergas, na que Núñez Feijóo tiña responsabilidades cando mantivo relación co narcotraficante.
 
Sen timbres nin contratos, "unha chapuza total"
A voceira recordou que o presidente é licenciado en Dereito e sabe que o ilícito penal se produciría se á amizade se une a existencia de contratos polos departamentos nos que o agora presidente tiña responsabilidades e, "casualmente", hai contratos con todos menos co Sergas. "Aí está a trampa", alertou. Apuntou que o presidente galego se equivoca se pensaba que esta documentación deixará "tranquila" a AGE, xa que servirá para seguir "tirando do fío". A documentación recibida supuxera unha sorpresa, agregou, xa que esperaba "que ía ser, cando menos, documentación con visos de veracidade e isto é unha chapuza total".
 
El Plural
 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript