Abril de 2013
 
 

22/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADES GALEGAS
 

As universidades intervidas pola Xunta de Galicia

A Constitución española de 1978 deseñou, no seu art.. 27.10. desenvolvido por Lei de 25 de agosto de 1983 de Reforma Universitaria (LRU) un novo modelo de Universidade pública ao servizo da sociedade, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente do Estado e de outras entidades políticas, que presta no ameto das súas competencias o servizo público da educación superior e dispón de plena autonomía conforme á Constitución e ás leis.

 

  • Noticias relacionadas

As sucesivas leis manteñen o principio da autonomía universitaria, na Lei Orgánica de Universidades (LOU) atópase desenvolvida no artigo 2. O inciso primeiro de tal norma, concédelle ás institucións de educación superior universitaria a plena personería xurídica, ao indicar o seguinte:

"1. As universidades están dotadas de personalidade xurídica e desenvolven as súas funcións en réxime de autonomía e de coordinación entre elas.
 
A ostentación da personería fainas persoas xurídicas con capacidade abondo para adquirir dereitos e contraer obrigas
 
A autonomía que posúen as universidades concédelles tamén dentro da actuación autónoma de persoas xurídicas, a total independencia para o desempeño das súas funcións, así como para darse a súa organización e goberno propios. Trátase dunha autonomía especial e completa que as separa da dirección e xerarquía dos Poderes do Estado, ao converterse en órganos descentralizados da Administración Pública. A finalidade é reafirmar a independencia de la universidade pública do poder político ou administrativo.
 
Esta lei modificouse a través da Lei orgánica 4/2007  que, aínda que no seu preámbulo establece:
 
“Así, as reformas están guiadas pola vontade de potenciar a autonomía das universidades, á vez que se aumenta a esixencia de render contas sobre o cumprimento das súas funcións.”

Modifica o artigo 79 matizando o establecido no apartado 1. Así, onde poñía na LOU
 
Artigo 79. Autonomía económica e financeira.
1. As Universidades públicas terán autonomía económica e financeira nos termos establecidos na presente Lei. Para tal efecto, deberán dispoñer de recursos abondo para o desempeño das súas funcións.
 
Transformouse na Lei Orgánica 4/2007 por:
 
O apartado 1 do artigo 79 queda redactado do seguinte modo:
 
«1. As universidades públicas terán autonomía económica e financeira nos termos establecidos na presente Lei. Para tal efecto, garantirase que as universidades dispoñan dos recursos necesarios para un funcionamento básico de calidade.»
 
Control orzamentario.
 
Aínda así o lexislado nestas dúas leis atenuouse mediante outras normativas que propiciaron o control absoluto por parte do poder político, estatal e autonómico.
 
Así, a Lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, xunto cunha chea de novas restricións establecía:
 
Disposición transitoria.– Plans de sustentabilidade financeira das universidades
 
Os orzamentos das universidades axustaranse e executaranse, en todo caso, consonte os planos de sustentabilidade financeira presentados ao abeiro do Plan de financiamento universitario 2011-2015 e co informe favorable da consellaría competente en materia de facenda.
 
A sinatura do Plan de Sustentabilidade fíxose segundo se explicita no seu articulado baixo o criterio de que  “Nos exercicios 2012 a 2015 a repartición deste fondo vincularase ao cumprimento por parte das universidades dos compromisos incluídos nos plans recollidos na cláusula quinta (plans de sustentabilidade) deste acordo. En todo caso, primaranse criterios de eficiencia e eficacia na xestión económico-financeira, da propia planificación académica das universidades públicas, e as medidas que permitan compartir recursos entre as tres universidades galegas.”
 
Merece a pena que revisedes cláusula quinta: “Quinto.-Presentación de plans de sustentabilidade financeira por cada unha das universidades públicas de Galicia”.
 
Polo feito de asinalo a UDC recibiu 4.699.800 euros pero significou, de facto, a venda da súa autonomía universitaria.
 
A Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. Que entrou en vigor este ano obriga a informar mensualmente ao goberno galego que, á súa vez transmite o informe ao goberno do estado, do desenvolvemento detallado do orzamento da universidade. Até ese momento requiríase informe das previsións orzamentarias.
 
Control do persoal
 
O crecente control da Xunta sobre as universidades non só se concreta no control exaustivo do gasto, abarca todos os aspectos da administración universitaria.
 
Aínda que a normativa establece para o persoal docente unha taxa de reposición do 10%, para facer efectiva unha contratación os pasos que debe seguir a universidade son os seguintes:
 
Enviar, mediante un formulario establecido pola comunidade autónoma, un informe no que se solicita o prace para poder realizar o contrato pertinente, na solicitude ten que se xustificar motivadamente a necesidade da dita contratación que só se pode levar a efecto cando a resposta da Xunta é positiva.
 
O PP non só controla o cumprimento da taxa de reposición senón que pode establecer onde e para que titulación se realiza dita contratación.
 
A Xunta esixe, tamén, información mensual detallada de altas, baixas… do persoal da universidade.
 
Conclusión
 
A Xunta rematou coa pouca antonomía universitaria da que gozaban estas institucións. O feito de que orzamentariamente dependan de órganos políticos onde as decisións tómaas o PP fainas especialmente febles e posibilita que se produza a situación actual.
 
O PP afoga economicamente ás universidades e, de facto intégraas no seu etramado administrativo, non se corta un pelo, na Lei do Emprego Público da que vos informamos no PASquín anterior aparecemos como unha parte máis da súa administración.
 
Rematar coa autonomía universitaria non é algo casual, o proxecto que o PP ten para as universidades é o de convertelas nun instrumento máis ao seu servizo. A nova Gobernanza prevista para as universidades poñeraas baixo o xugo dos intereses das comunidades autónomas, o PP estase adiantando a esa circunstancia, de feito xa as controla, só lle falta determinar quén é o reitor.
 
Axúdalle na execución destas políticas a desmobilización das institucións e as enormes tragadeiras dos respectivos reitores que por unhas cantas moedas asinan o que lles poñan diante.
 
Temos que pasar do pasotismo á acción, só mobilizándonos recompoñeremos, cando menos, a situación. É imprescindible que neste proceso nos impliquemos todos os colectivos da comunidade universitaria e que a revolta se encabece polos máximos responsables da institución, o reitor ten que saír do pazo de cristal e implicarse directamente. Xogámonolo todo.

 
O noso agradecemento aos  compañeiros/as que colaboraron neste artigo.

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript