Abril de 2013
 
 

22/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Cantas preferentes ten Rodrigo Rato?

Cantas preferentes ten Rodrigo Rato? E a súa familia? Cantas compraron os membros do consello de administración de Bankia, Novagalicia ou CatalunyaCaixa? E o gobernador do Banco de España, investiu el tamén parte dos seus aforros en preferentes? Algún responsable da CNMV teme hoxe perder un 70% do seu investimento? Cantos ministros e ex ministros, cantos deputados do PSOE ou do PP están atrapados na trampa das preferentes?

 

  • Noticias relacionadas

Pregúntoo porque, vistas as condicións a que se vendían, cun tipo de xuro tan alto e unha promesa de seguridade absoluta, non entendo como ningún deles picou o anzol. Claro, que igual nin llas ofreceron, pois eran produtos reservados para clientes moi especiais, clientes "preferentes": todos aqueles coa suficiente ignorancia financeira como para caer nunha trampa así.
 
Mesmo poderiamos baixar algún chanzo máis: os directores de oficina que comercializaron as preferentes a clientes que confiaban neles como antano no párroco, cantos investiron os seus propios aforros nun produto tan tentador? Si, xa sei que tiñan presións, que as ordes viñan de arriba, e que o nivel de responsabilidade non é o mesmo nun conselleiro delegado que nun xefe de sucursal. Ademais, nalgúns casos nin os propios comerciais entendían ben o que estaban a vender, e tampouco un director de oficina ten por que saber que o seu banco oculta perdas de miles de millóns mentres presume de beneficios.
 
Pero vendo o xeito en que foron estafados anciáns analfabetos ou enfermos mentais, algo terán que dicir tamén quen lles puxeron o papel diante para que asinasen, quen mesmo chegaban a converter unha cartilla infantil nun produto lixo ou te sacaban os aforros do prazo fixo para metelos en preferentes sen avisar. De feito, hai xa denuncias tamén contra directores, e moitos foron trasladados de sucursal para non sufrir a ira dos seus clientes tras deixar atrapados pobos enteiros.
 
Si, xa sei as respostas ás preguntas anteriores: ningún dos elos desa longa cadea, dende o director de sucursal ata o presidente do Banco de España pasando pola CNMV, o ministerio de Economía e os consellos de administración, ten diñeiro atrapado no corralito das preferentes. E é que todos sabían que non era un bo negocio, que era demasiado arriscado meter diñeiro nun produto cuxo prezo estaba inchado e que te deixaba a mercé dos bancos nun momento de grave crise financeira global.
 
Quero dicir con isto que, para que a maior estafa financeira na historia de España fose posible, non abonda cunha man negra que aperta un botón; é necesaria a participación, a complicidade ou a vista gorda de moita xente. E a maioría deles, se non todos, deberían estar a esta hora imputados nun macroproceso xudicial que xa están a tardar en abrir. Menos arbitraxe ( favorable ás entidades) e máis xustiza.
 
Haberá quen queira baixar un chanzo máis na escaleira de responsabilidades, e culpar os propios aforradores, por non desconfiar dun produto que ofrecía rendibilidades tan altas e sobre os que a prensa económica mostraba dúbidas. Pero á parte dos enganos máis evidentes, cos garfos de preferentes pasa como cos que asinaron unha hipoteca abusiva: o seu pecado é ter crido que existían controis, leis e autoridades que velaban polos seus dereitos, cando resulta que a única lei vixente era a da selva

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript