Abril de 2013
 
 

22/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Os petiscos da toma de posesión

Fai algún tempo que, de xeito oficial, a austeridade se instalou nalgún dos comportamentos da Universidade. O, até o ano pasado, habitual acto de fin de ano no que o sr. reitor convidaba aos traballadores e traballadoras da reitoría a un frugal petisco non se realizou en aras ao principio de rigor no gasto. Nós aplaudimos esta circunstancia porque o momento non é o axeitado para festiñas.

 

  • Noticias relacionadas

O acto de toma de posesión de decanos e directores realizado fai poucos días rompeu a dinámica que nese sentido se viña mantendo. Nun dos blogs da Opinión Coruña, o día 12, dicíase, de xeito gracioso, que:
 
“O reitor aclara que os sobres repartidos aos novos decanos só contiñan os seus nomeamentos
O caso de Luis Bárcenas desatou tal susceptibilidade acerca da repartición de sobres que, onte, na entrega dos nomeamentos aos novos decanos da Universidade, o reitor tivo que aclarar que os que se daban a cada un destes dirixentes só contiñan no seu interior o documento do seu nomeamento.”

 
Estamos seguros de que os sobres non contiñan máis que os nomeamentos. O que si tamén sabemos é que ese día rompeuse o principio de austeridade no comportamento do equipo reitoral. Os novos decanos e directores foron agasallados como se merecen, cun petisco que lle custará ás arcas da institución, polos rumores que circulan, uns 1.500€, recoñecemos que de confirmarse a cantidade, sendo alta, non é importante, se a comparamos co orzamento total da universidade. Representa, máis ou menos, o soldo dun mes dun traballador/a. Un soldo, por exemplo dun posto dos que non se cobren, pola austeridade orzamentaria, cando unha traballadora ou traballador causa baixa. A cantidade é importante si a xuntamos ao xeito de proceder.
 
A parte de que isto é claramente unha discriminación (insistimos en que aplaudimos que non se realizase o acto de fin de ano cos traballadores e traballadoras), pero si as circunstancias económicas non melloraron non entendemos este trato diferente, se non é porque se senten “diferentes”.
 
Tamén pode ser que isto signifique que estamos equivocados e os tempos de apertarse o cinto xa pasaron, que se nos vai devolver a paga roubada o ano pasado e que o desconto do 5% previsto para este ano xa non se levará a efecto.
 
Moito nos tememos que, a pesar do convite, seguimos en recesión cos respectivos reitores axeonllados pedíndolle unha esmola ao sr. feudal (Feijoo) e que o comportamento que criticamos se deba a iso, que os decanos e directores son diferentes e eles meréceno (entre outras cousas porque son amiguiños do mesmo corpo e dan máis votos que nós). Así nos vai.

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript