Abril de 2013
 
 

22/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Santiago Miró
 

"Expropiar non é pecado"

Ignacio Escolar publica na súa web o seguinte escrito, con este mesmo título:
 
"Aqueles que tanto se escandalizan por ese decreto da Xunta de Andalucía, que expropiará vivendas aos bancos para evitar os desafiuzamentos máis sangrantes e multará os donos de casas baleiras, deberían reler a Constitución".

 

  • Noticias relacionadas

'Recoñécese o dereito á propiedade privada () Ninguén poderá ser privado dos seus bens e dereitos senón por causa xustificada de utilidade pública ou interese social' (artigo 33; as grosas son miñas). A palabra expropiación, que tanto asusta, non só está admitida na Carta Magna, senón que ten unha lei en vigor que a regula. Non hai país onde tal cousa non suceda e en todos eles, ata nos mesmos Estados Unidos, se entende que o dereito á propiedade non está por enriba de todo: que debe prevalecer o interese xeral de todos os cidadáns.
 
"Exprópiase a diario en todo o mundo capitalista. Para facer estradas ou autoestradas, por exemplo. O mesmo para construír Eurovegas; así o acaba de aprobar o Goberno da Comunidade de Madrid, o do "liberal" Ignacio González, nun decreto que permitirá a míster Adelson comprar terreo a baixo prezo para os seus casinos e que ninguén cualificou de comunista. Nun país con miles de casas baleiras e miles de familias desafiuzadas, de verdade hai que explicar a 'causa xustificada de utilidade pública' do decreto da Xunta? En serio hai alguén capaz de argumentar que existe máis 'interese social' en abaratar custos a Eurovegas que en rescatar as familias desafiuzadas?
 
"Na Constitución tamén figura outro artigo, o 47, onde se recoñece o dereito a 'unha vivenda digna' e se pide aos poderes públicos que impidan a especulación. Aplícase moito no resto de Europa, onde son comúns as leis que permiten multar e expropiar os propietarios de vivendas baleiras. Hai mesmo países (Suecia e Alemaña) onde é legal expropiar e derrubar bloques enteiros baleiros para evitar, entre outras cousas, problemas como o recente incendio en Bermeo, que empezou nun edificio deshabitado. A propiedade non é un dereito absoluto: con condicións, está sometido ao interese xeral. E non pode ser máis cínico ese discurso de certa dereita que xustifica o intervencionismo público para rescatar ao sector financeiro mentres demoniza que unha Administración interveña en axuda dos desafiuzados. É ese liberalismo do embude, tan castizo, que socializa as perdas e privatiza os beneficios; que esixe a aplicación máis estrita do capitalismo e a competencia para os pobres, pero non para os ricos. A novidade deste decreto andaluz non é a expropiación, iso é cotián. Tampouco a intervención do Estado na economía: iso é tamén común, cando falamos do sector financeiro ou as autoestradas. A noticia é que, para variar, será unha expropiación que beneficie aos máis débiles fronte aos poderosos. Ben por Andalucía".

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript