Abril de 2013
 
 

22/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Fernando Luengo
 

Máis explotación: Esta é a nova Europa?

A crise económica, dura en intensidade e larga no tempo, supuxo unha mingua dos beneficios con que operaban os capitais (extraordinarios, nas actividades financeiras e inmobiliarias), reducindo así mesmo os espazos dispoñibles para a súa valorización.

 

  • Noticias relacionadas

En realidade, esas políticas son ferramentas ao servizo dun formidable proceso de redistribución regresiva da renda, dun espolio social sen precedentes. Con independencia de que os seus aspectos máis extremos poderían suavizarse (flexibilizarse) cando a urxencia da conxuntura o permita e cando se culmine a primeira grande ondada confiscadora, o núcleo duro das estratexias de axuste orzamentario e depreciación salarial chegaron para quedar.
 
A depreciación interna, eufemismo que en realidade significa política de rendas salariais, designa quen debe pagar a crise, os traballadores, e ocupa un lugar medular na recomposición das ganancias empresariais. A "moderación salarial" xa dominaba a dinámica laboral europea dende hai máis de tres décadas (é esa a Europa que algúns reivindican como saída da crise?).
 
Agora, coa introdución da última xeración de reformas laborais, coa permanente ameaza que pesa sobre os postos de traballo e coa presión á baixa dos ingresos dos traballadores que supoñen uns niveis de desemprego historicamente elevados, os salarios nominais se estancan ou retroceden... abríndose un camiño que os empresarios percorren con satisfacción de mellora para os beneficios; sen necesidade de que o faga o investimento produtivo e sen que o consumo interno se dinamice.
 
A competencia a través dos salarios instálase na Unión Europea, do mesmo modo que xa impregna a dinámica das empresas transnacionais, onde xa é habitual a competencia salarial entre os distintos centros de traballo que integran o grupo corporativo. A lóxica do axuste salarial como mecanismo competitivo (o verdadeiramente importante é ter un emprego, calquera que sexa a súa calidade!!) sitúa a Europa, aos seus traballadores, nunha posición de extrema vulnerabilidade, pois, inmersos nesa lóxica, para que as economías gañen cota de mercado, obrígase os traballadores a perder dereitos e capacidade adquisitiva.
 
Ademais da presión sistemática e sistémica sobre os salarios, na situación actual cobran unha importancia crecente aqueles mecanismos de acumulación que podemos denominar como "extensivos" (sen eufemismos: máis explotación), en oposición ao crecemento alimentado pola obtención de melloras na produtividade. A xornada de traballo tende a alongarse ao tempo que se intensifican as cadencias e ritmos de produción, o que de feito significa unha redución dos salarios reais dos traballadores. Igualmente, co mesmo obxectivo de utilizar máis extensivamente a forza de traballo, se prolonga a vida laboral.
 
En resumo, intensificación da explotación laboral, máis que renovación e modernización das capacidades produtivas. Estes son os piares sobre os que se está a levantar a nova Europa comunitaria, a que están a impulsar as oligarquías produtivas e financeiras e as elites políticas, as que rexen os destinos do norte e do sur do continente europeo.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript