Abril de 2013
 
 

15/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA
 

A Mesa reclama que se deixe de excluír o galego nas sinalizacións públicas

A Mesa pola Normalización Lingüística reclama que se cumpra a lexislación vixente e que todos os organismos públicos deixen de excluír o galego nas sinalizacións.

 

  • Noticias relacionadas

A entidade cidadá salienta que a recente sentenza –que non estabelece xurisprudencia– sobre sinalizacións do tráfico en Pontevedra non modifica en absoluto a lexislación vixente, a cal apunta que “o idioma propio tamén debe estar presente nas sinalizacións de competencia estatal (como a Axencia Tributaria ou a Dirección Xeral de Tráfico) e que pode utilizarse con normalidade nas sinalizacións de ámbito local (como o Concello da Coruña, que se nega a usalo) ou autonómico (como o SERGAS)”.
 
O presidente da Mesa, Carlos Callón, considera que entra dentro “da ofensiva actual contra o noso idioma” que se queira presentar de novo o castelán “como un idioma discriminado na presenza pública, cando a verdade é que se hai unha lingua notoriamente discriminada é a propia do país”.
 
Así, o portavoz da maior asociación cultural galega non para de pór exemplos: “Solicitouse en reiteradas ocasións que as Autoestradas deixasen de excluír o galego e que corrixisen a toponimia deturpada e despois de moitos anos só conseguimos que estea en galego parte da información das portaxes e a toponimia maior, mentres en todo o resto da sinalización, moi maioritaria, se exclúe 100% a nosa lingua; non coñecemos ningunha delegación da Axencia Tributaria en ningún punto de Galiza que non exclúa o galego no conxunto das súas sinalizacións; no SERGAS só están en galego as indicacións fixas, mentres o resto das informacións –tamén moi maioritarias– non están no noso idioma en ningún dos seus moitos servizos; o Concello da Coruña funciona como se o galego non fose oficial, até o extremo de que os nomes das rúas son oficialmente no idioma propio e as placas que figuran no rueiro exclúen a lingua do país ou deturpan topónimos oficiais como Noia ou Arteixo, e así cun longuísimo, longuísimo etcétera.”
 
A Mesa pregúntase “até cando a lingua propia de Galiza vai ser tratada como se fose estranxeira na propia patria” e reclama que “se tomen todas as medidas para deter esta discriminación”. A respecto da sentenza de Pontevedra, a entidade considera “incongruente” que se pretenda aplicar unha lexislación sobre sinalizacións estatais (en concreto, a Dirección Xeral de Tráfico) a normas de ámbito municipal (o Concello de Pontevedra), xa que aí hai outro marco normativo diferente.

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript