Abril de 2013
 
 

15/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Proxecto de Lei de Universidades

O día 9/4/2013 comezou o proceso parlamentario do Proxecto de Lei do Sistema Universitario Galego. Coa súa maioría absoluta o PP asegúrase unha lei á súa medida.
 
O primeiro paso deu como resultado o rexeitamento das emendas á totalidade presentadas pola oposición.

 

 

O proxecto de lei regulamenta o xa asinado polas universidades nos repectivos planos de sustentabilidade, a defunción da autonomía das universidades ao ter que contar coa autorización previa da Xunta nas súas actuacións financeiras. A supeditación orzamentaria das institucións ás dispoñibilidades económicas (despois claro, de encher os buratos bancario, seguir mantendo SICAVS…) incidirá directamente na calidade e pervivencia do ensino superior público.

Con este proxecto o PP quere rematar coa universidade pública e de calidade, configurando unha universidade elitista á que se lle negará o acceso aos fillos e fillas dos colectivos máis desfavorecidos, unha universidade mercantilizada á que só se accederá si se pode pagar. Mediante este proxecto o PP tamén favorece a aparición das universidades privadas ao establecer requisitos mínimos para a súa creación, na redacción das competencias do Consello Galego de Universidades, establécese que os reitores das privadas decidirán sobre os asuntos das públicas.

Aproveita, o PP, a ocasión para lexislar a supeditación das universidades galegas aos intereses dos mercados e para eliminar o galego como lingua vehicular.

O proxecto de lei presentado polo PP non deixa de ser un compendio que contempla as directrices coas que o neoliberalismo económico pretende adecuar o SUG aos intereses dos mercados.

Somos conscientes, xa o sinalamos, de que o PP vai sacar adiante esta lei, como todas as que se propoña aprobar nesta lexislatura, o parlamento non pode ser o único foro onde se debatan e diriman estas políticas. Temos que, mediante a presión, facer que o PP recúe. Non nos queda outra.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript