Abril de 2013
 
 

15/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Que fai un cidadán como ti nun escrache como este

Onte estiven no meu primeiro escrache: o que a PAH de Madrid fixo ante o domicilio da deputada do PP Beatriz Rodríguez Salmones, no barrio de Chamartín. É dicir, estiven intimidando e acosando, con violencia, de forma ilegal e antidemocrática, e todo moi nazi.

 

  • Noticias relacionadas

Ben, nazi, o que se di moi nazi, non me pareceu, a verdade. Non recordo eu que os nazis puxesen adhesivos e logo marchasen. De feito, diría que ata me aburrín un pouco, é o que teñen as expectativas: un vai esperando unha batalla campal, e logo encóntrase xente que camiña polas beirarrúas, pais con nenos e ata algunha señora que pasea o can aproveitando o escrache. E non, tampouco parecía un can nazi, se é o que están a pensar.
 
Arrancamos dende a Plaza de Castilla, unha vez a policía rematou de identificarnos. Percorremos un dos barrios máis ricos de Madrid, cantando pareados, poñendo adhesivos e repartindo información a veciños e comerciantes, e aos moitos porteiros, que se mostraban cómplices. Nin sequera cortamos o tráfico, iso deixámosllo ás decenas de antidisturbios que nos escoltaban polo asfalto. Ao chegar ao portal da deputada, a policía empurrounos ata a beirarrúa contraria, onde un voceiro leu unha mensaxe, e despois de cantar uns minutos máis, fómonos xuntos.
 
Non sei, ao mellor cando me metín no metro, unha vez marchados os moitos xornalistas (incluída algunha tele estranxeira), os activistas volveron e tiraron pedras e cócteles molotov, pero moita pinta non tiñan. A xente ía tranquila, a policía tamén parecía relaxada, e non vin medo, nin sequera a que en calquera momento aparecese un ex deputado do PP toleado e che arrancase a cabeza por perroflauta. En resumo: fun ao escrache sen dicirlle nada á miña nai, para non a preocupar; e unha vez visto, penso invitala ao próximo.
 
Xa o dixen algunha vez, pero repítoo: os gobernantes e os medios afíns deberían felicitarse da calma e o civismo que estamos a demostrar os cidadáns. Vendo o xeito en que os cidadáns están a ser maltratados e humillados, con familias asaltadas polo balcón e botadas a rastro, e miles de aforradores estafados con descaro, é admirable o pacíficos que seguimos.
 
E non obstante, algúns parecen empeñados en botar leña ao lume, a ver se conseguen que alguén sufra unha quenta e acabe pasando algo, para así facer boa a profecía de autocumprimento que adoitan aplicar ás protestas: os manifestantes son violentos, así que criminalízoos e reprímoos, ata que ao final acaban sendo violentos e podo presumir de "xa o dicíao eu".

Pero témome que esta vez picaron en óso, porque a campaña de escraches está a ser unha perfecta demostración da intelixencia colectiva duns e a necidade orgánica doutros.
 
Intelixencia colectiva a da PAH, que desbordou á clase gobernante cunha forma de protesta eficaz e moi hábil: levar ás casas dos deputados a protesta enmarca a acción e a súa resposta no ámbito do domicilio, ese que algúns consideran sagrado salvo cando te desafiúzan. As repetidas imaxes de familias, nenos incluídas, botadas á forza á rúa co posto, están tan presentes para os cidadáns que calquera rabecha apelando á inviolabilidade do domicilio e a protección dos nenos se dilúe como terrón de zucre. Os escraches serían inaceptables para a maioría hai catro anos; hoxe en cambio contan cun apoio masivo.
 
Necidade orgánica, a da clase gobernante, totalmente descolocada e cunha cintura de granito. Desbordada por formas de protesta imaxinativas, que rompen o clásico "manifestación autorizada", e ante as que só ten que ofrecer unha resposta: máis policía, máis blindaxe, máis multas, máis criminalización, máis medo.
 
Cando crean que acabaron cos escraches, veranse outra vez desbordados por esa intelixencia colectiva que xa terá pensado o seguinte paso. E esa intelixencia está a ser o mellor froito deste tempo terrible: a capacidade dos cidadáns para organizarse, convocarse, reapropiarse do espazo público, protexerse, burlar a represión, ser autónomos, ser eficaces, construír comunidade. Non todo son malas noticias

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript