Abril de 2013
 
 

15/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Ignacio Escolar
 

A gran fraude fiscal non pisará o cárcere

Al Capone foi encarcerado por defraudar a Facenda. Tivo mala sorte: na España de hoxe teríase librado. O pasado 28 de decembro, día dos Santos Inocentes, saíu publicada no BOE unha reforma do Código Penal que pasou desapercibida, a pesar da súa gravidade e transcendencia.

 

  • Noticias relacionadas

Ata entón, defraudar máis de 120.000 euros ao fisco era un delito penado con entre 1 e 5 anos de prisión. Coa nova lei, a pena queda rebaixada e é aínda máis difícil que estes delincuentes de luva branca cheguen a pisar o cárcere.
 
A reforma permite que calquera defraudador teña dous meses de prazo dende que sexa imputado para devolver o diñeiro roubado. Se o fai, o xuíz poderalle aplicar un novo atenuante que pode rebaixar a condena ata só tres meses de prisión e, como máximo, un ano. Se o condenado non ten antecedentes e o seu único delito probado é roubarnos a todos os contribuíntes honrados, librarase do cárcere. Para maior cabreo dos honrados cidadáns que sofren as subas de impostos, os grandes defraudadores que se acollan a este perdón pagarán unha multa bastante inferior á que ata agora aboaban. Antes podía ser de ata seis veces o defraudado. Coa nova lei, a multa quedará na metade ou mesmo unha cuarta parte do defraudado.
 
Esta reforma penal, como todas aquelas que benefician ao reo, aplicarase con efecto retroactivo. E é probable que algúns deses famosos nomes que nas últimos meses copan as portadas polas súas contas en Suíza poidan beneficiarse desta escandalosa reforma deseñada á medida dos poderosos: daqueles que se poden permitir defraudar máis de 120.000 euros nun ano. O argumento do Goberno para xustificar esta medida é que así poderá recuperar moito antes o diñeiro defraudado e ingresar fondos nas baleiras arcas públicas. É o mesmo razoamento que se aplica coa amnistía fiscal e é falso: o que se ingresa agora deixarase de ingresar máis tarde porque a mensaxe que se manda é que defraudar sae máis rendible. A multa é tan ridícula que compensa correr o risco.
 
Mentres o Goberno abre a man cos poderosos, aperta de novo os máis débiles. A mesma reforma que suaviza o castigo para o gran defraudador converteu en delito penal outros tipos de fraude. Por exemplo: unha persoa que traballe en negro mentres cobra o paro comete hoxe un delito que pode ser condenado ata con tres anos de cárcere. É un dobre raseiro estomagante.
 
Pero o colmo da reforma é o método utilizado. Saben onde nos coaron esta opaca reforma? Na lei de acompañamento para a lei de transparencia. O uso das palabras non pode ser máis tramposo: transparencia opaca para que a lei non sexa igual para todos.

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript