Abril de 2013
 
 

08/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  ECOLOXÍA - DENUNCIA DE GALIZA NON SE VENDE
 

GNSV denuncia a colaboración da Universidade de Vigo no proxecto de minería salvaxe de Corcoesto

A empresa Mineira de Corcoesto, S.L.U. actuando como filial da multinacional canadiana Edgewater Exploration, Ltd. pretender levar a cabo a explotación dunha mina de ouro en Corcoesto, nos Concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco.

 

  • Noticias relacionadas

As evidencias mostran que este proxecto é un caso de minería salvaxe, debido ás súas agresivas características e ás catastróficas consecuencias ambientais, socioeconómicas e culturais que comportaría, e que se detallan no Anexo I a esta nota.
 
As evidencias mostran que este proxecto é un caso de minería colonial, porque persegue o beneficio especulativo dunha empresa transnacional a cambio dun beneficio local irrisorio durante un período máximo de 8 anos, e a costa dunha enorme perda económica, social, cultural e ambiental permanente para Galicia en materia de territorio degradado, contaminado e destruído.
 
A actitude connivente da Xunta de Galicia
 
A Xunta de Galicia, connivente en todo momento coa empresa, tramitou e pretende aprobar o proxecto, e incluso subvencionalo, forzando e conculcando a lei, segundo se detalla no Anexo II a esta nota.
 
A Xunta incumpre a Lei de Regulación da Minería de Galicia; a Lei de Ordenación do Territorio de Galicia; a Lei Reguladora da Política Industrial de Galicia; a Resolución do Parlamento Europeo sobre a prohibición das tecnoloxías mineiras con uso de cianuro; a Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade; as Leis de Avaliación Ambiental (Estratéxica e de Impacto); a Lei de Protección da Paisaxe de Gallcia; a Lei de Procedemento Administrativo e o Convenio de Aarhus sobre información, participación e acceso á xustiza en materia de medio ambiente.
 
Este proceder da Xunta é contrario ao ben común, ao medio ambiente, aos dereitos sociais e á democracia participativa en materia social e ambiental.

A colaboración da Universidade de Vigo
 
1. A Universidade de Vigo asinou un Convenio Marco de Colaboración coa empresa Mineira de Corcoesto, S.L.U., o día 21 de xaneiro de 2013, cunha vixencia de catro anos e prórroga automática, segundo figura na web da Universidade.
 
O obxectivo oficial do Convenio é realizar proxectos de investigación e accións conxuntas relacionadas co proxecto mineiro, a prol do desenvolvemento científico e tecnolóxico.
 
2. O Departamento de Enxeñeria dos Recursos Naturais e Medio Ambiente (DERN) da UVigo, no que participan tres Escolas Técnicas de Enxeñería: ETSE de Minas, EUET Forestal e EUET Industrial, asinou un contrato coa empresa mineira para realizar un informe técnico ao amparo do Convenio Marco de Colaboración, segundo informou o día 28 de febreiro de 2013, na web do Diario da UVigo (DUVI).
 
O obxectivo oficial do informe é desenvolver as medidas correctoras que debe incorporar a empresa ao seu proxecto de mina de ouro en Corcoesto, de acordo cos requerimentos da Xunta de Galicia, para que o proxecto poida ser aprobado.
 
A actitude da Universidade de Vigo
 
A Universidade de Vigo asinou un convenio marco de colaboración cunha empresa mineira local, filial dunha multinacional canadiana, que se dispón a desenvolver un proxecto de minería salvaxe e colonial que aínda non foi aprobado, que presenta multitude de ilegalidades, que é contrario ao interese público e que tería catastróficas consecuencias ambientais, socioeconómicas e culturais.
 
O Departamento de Enxeñeria dos Recursos Naturais e Medio Ambiente (DERN) (xuiz e parte, ou raposa no galiñeiro) asume como viable a imposible sustentabilidade do proxecto, e admite a eficacia das mal chamadas medidas correctoras establecidas pola Xunta, prestándose a desenvolvelas. Con isto, o DERN bríndase a outorgar, de xeito espurio, unha coartada técnica -que non científica- á fraudulenta Declaración de Impacto Ambiental emitida pola Xunta e facilitar, así, a aprobación final do proxecto.
 
As incoherencias da UVigo
 
A sinatura do convenio por parte da Universidade contrasta cos feitos seguintes:

  • O sentir recollido na comunidade científica galega e na comunidade universitaria viguesa é contrario ao proxecto de Corcoesto.
  • A propia nova publicada no DUVI sinala que a parcería (asociación) entre o DERN e a empresa mineira non indica a toma de postura da Universidade en canto á sinatura do Convenio Marco.
  • A actitude do DERN contrasta co informe conxunto da Facultade de Ciencias Químicas da propia UVigo e do Instituro de Investigacións Mariñas de Vigo, emitido en decembro de 2011. O informe describe a contaminación continua do río Anllóns e do seu esteiro co arsénico que liberan as rochas que foran arrancadas e fragmentadas na antiga explotación da mina de ouro. O Anexo I a esta nota describe cómo a nova mina multiplicaría este efecto dun xeito incalculable.

 
A determinación das responsabilidades dentro da UVigo

 
Descoñecemos qué órgano da UVigo (Reitorado, Consello, Comisión, Centro ou Departamento) tivo a iniciativa de promover o convenio, cál ten a responsabilidade de autorizalo e cál ten a autoridade ou a autonomía para asinalo. Polo tanto, descoñecemos quén son os responsables de que o convenio fose promovido, autorizado e asinado.
 
Dada a gravidade dos feitos, consideramos que tales responsabilidades deben determinarse e aclararse publicamente.
 
Unha lexítima sospeita que, se non se disipa, convertirase en constatación
 
Qué quere dicir que a sinatura do convenio non indica a toma de postura da Universidade?. A Universidade non comparte a postura do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais?. O DERN actúa contra o criterio da Universidade na que está integrado?. Cal é a postura das Escolas de Enxeñería de Minas, Forestal e Industrial que integran o DERN? Qué presións reciben cada un deles?. Qué tipo de medios utiliza a empresa mineira para forzar a complicidade da Xunta de Galicia, do DERN ou da propia Universidade?. Qué tipo de medios utiliza a empresa mineira para incluso conseguir subvencións do goberno do Estado?.
 
O proceder da Xunta e da Universidade mostra a irracionalidade do sistema político-económico que padecemos, e lexitima a sospeita de corrupción e de prevaricación endémicas nos poderes públicos e nas institucións do País, sospeita que día a día, a golpe dos feitos, vaise convertindo en constatación.
 
Con data de 27 de febreiro, GNSV dirixiu un escrito ao Reitor da UVigo solicitando a aclaración do sucedido e a derrogación do convenio coa empresa mineira, sen que ata agora tivésemos resposta.

Esperamos nesta ocasión ter unha resposta que disipe a nosa sospeita de xeito transparente e indubidable, porque non desexamos que se convirta nunha constatación amarga. Non na nosa universidade.
 
Solicitude á Universidade de Vigo
 
Por todo o antedito, solicitamos da UVigo o seguinte:
 
1. Unha explicación pública sobre a sinatura do Convenio Marco coa empresa mineira

  • Qué órgano da Universidade de Vigo promoveu o Convenio? Con qué argumentos?
  • Cál foi a decisión da Comisión de Cursos e Convenios da Universidade sobre a autorización ou denegación do Convenio? Con qué argumentos?
  • Quén ten autoridade ou autonomía para a formalización do convenio: o Reitorado, o órgano que o promoveu, un órgano distinto?
  • Qué órgano asinou o convenio por parte da Universidade, e por qué.

 
2. Unha toma de postura oficial e pública sobre o proxecto mineiro de Corcoesto
 
Solicitamos que a UVigo declare oficial e públicamente se está a favor ou en contra do proxecto mineiro, e por qué. Pensamos que tal declaración debe ser non só conxunta, senón que os seguintes órganos deben manifestar a súa postura expresa:

  • O Reitorado
  • O Consello de Goberno
  • O Claustro
  • As asociacións de estudantes

 
3. Accións consecuentes
 
Se, como esperamos, a postura oficial da UVigo fose contraria ao proxecto mineiro, solicitamos dela as accións seguintes:

  • O rexeitamento público da minería salvaxe e de toda actividade de aproveitamento dos recursos naturais que, como o proxecto mineiro de Corcoesto, sexa contraria ao interese público e supoña destrución ambiental, agresión social, depauperación económica ou degradación cultural.
  • A denuncia do convenio marco asinado coa empresa mineira.
  • A denuncia do contrato asinado polo Departamento de Enxeñería dos Recusos Naturais coa empresa mineira para realizar o informe técnico sobre as medidas correctoras.
  • O establecemento dun sistema de control de convenios e contratos que impida que volvan a suceder feitos como os acontecidos.
  • O cumprimento, de aquí en adiante, do que debe ser a súa función: estar ao servizo da sociedade e procurar “o acollemento dun modelo de desenvolvemento sustentable baseado no respecto, na preocupación e na conservación do medio” tal e como amosan os seus propios estatutos.
 
Baixar os Anexos

 
Unha Resposta a “GNSV denuncia a colaboración da Universidade de Vigo no proxecto de minería salvaxe de Corcoesto.”
 
Por Antón on Mar 26, 2013
 
Hai precedentes. O lago de As Pontes, obra de Endesa, foi avalado pola Universidade de Compostela. A empresa pagoulle a Felipe Macías Vázquez un informe a medida para salvar as reticencias da conselllería de medio ambiente.
Outro tanto fixo a empresa Picobello Andalucita para poder obter os permisos necesarios para a explotación dunha mina de andalucita no mesmo concello de As Pontes. O profesor encargado do informe foi o mesmo Felipe Macías, da USC

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript