Abril de 2013
 
 

08/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

TORUS, primeira empresa con participación da Universidade

Fai unhas semanas informabamos de que o Consello de Goberno da UDC aprobara a participación na empresa TORUS. Como tivemos solicitudes para que proporcionásemos máis información ao respecto imos sinalar un resumo da información que obra no noso poder.

 

  • Noticias relacionadas

 

Nace esta iniciativa empresarial promovida por un dos grupos de investigación con máis prestixio da UDC. A empresa pretende explotar tecnoloxías que foron probadas en aplicacións reais en Java, obtendo aceleracións significativas nos seus tempos de execución, chegando a obter tempos de resposta ata 100 veces máis rápidos. Ademais, o middleware para comunicacións eficientes en Java permite unha redución importante do custo das transaccións, chegando a transferir datos entre dous servidores nun tempo récord de menos de 1 microsegundo, entre dez e vinte veces máis rápido que as bibliotecas estándar de Java.
 
Os produtos a comercializar no inicio:
 

  • FastMPJ: solución de mensaxería para Java que funciona de xeito similar ao MPI para sistemas de HPC programados en linguaxes como C++ e Fortran.
  • Java Fast Sockets (JFS): trátase dunha implementación de sockets de altas prestacións que substitúe de forma transparente á libraría estándar de sockets da máquina virtual de Java mellorando as velocidades das comunicacións entre 2x e 10x
  •  


Entre os clientes potenciais inclúense os seguintes:
 

  • Consultoras TIC
  • Compañías e institucións financeiras
  • Asociacións empresariais (clústers) en sectores tecnolóxicos
  • Compañías que desenvolven aplicacións singulares onde o rendemento é crítico
  • Administracións públicas.
 
Entre os promotores, aparte de persoas individuais figuran a Fundación Barrié de la Maza nun 22,5% e a Universidade da Coruña nun 22,5%.
 
O Capital social da empresa é de 6.000€ dos que 1.350 corresponden á UDC.
 
A Universidade cambiou o criterio de participación dun 5% ao 22,5% porque quere sacar beneficio económico deste proxecto a través da súa participación na empresa.
 
Establécense unhas Stock options do 20% do capital social que van destinadas, o 15% a un contratado estrela e o 5% restante destínase a atraer, reter e conservar ao persoal clave.
 
Créase un Consello de Administración no que se recomenda que haxa representación da UDC.
 
Sobre os criterios económicos non imos realizar ningunha análise porque, entre outras cousas, non temos datos suficientes para poder facer unha avaliación pero insistimos en que, a participación da UDC nesta empresa (spin-off), pode representar, no futuro, problemas a nivel de responsabilidade sobre os traballadores por ela contratados, persoal que accederá aos postos seguindo os criterios que a propia empresa considere oportunos, con dereitos e obrigas que seguro nada terán que ver cos dos traballadores e traballadoras que realizamos funcións na Universidade e sobre os que a institución vai ter as responsabilidades derivadas da súa participación empresarial.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript