Abril de 2013
 
 

08/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  ECONOMÍA
 

Cando o prezo da luz é 0 euros

Este luns, o primeiro día de abril, como consecuencia do exceso de produción, as compañías compraron a electricidade ao sorprendente prezo de 0 euros (pódese comprobar neste enlace do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía, elixindo a data correcta).

 

  • Noticias relacionadas

Este custo só se alcanzara ata agora a certas horas da noite. Resultado de todo iso é que, para o consumidor final, a electricidade vai baixar de prezo este mesmo mes nun 7%.
 
O que está a acontecer, que tamén explica o peche da central nuclear de Garoña, é que a suma de crise, de choivas e de exceso de produción están a tirar á baixa os prezos da enerxía. A elevada pluviometría do último mes incrementou a xeración hidroeléctrica, que é tamén a máis barata. O luns 1 de abril, os pantanos produciron por momentos en España o 30% da electricidade.
 
Ata o punto de que as centrais térmicas e de ciclo combinado estiveron case sen funcionar, xa que as nucleares son máis difíciles de apagar. Os muíños, que a primeira hora da noite chegaron a xerar o 35% da electricidade estatal, teñen un custo marxinal moi baixo, polo que é raro que se pare. Non obstante, isto último está a suceder nos últimos días, polo exceso de produción. É dicir, que sobra capacidade de xeración.
 
Como resultado de todo iso, vender electricidade no mercado converteuse nun negocio pouco atractivo. Cales serán os efectos? A curto prazo, menores investimentos en centrais eléctricas e problemas de rendibilidade para as térmicas e de ciclo combinado. A medio prazo é posible que haxa maiores rebaixas do prezo da electricidade para o consumidor final.
 
Por José A. del Moral
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript