Abril de 2013
 
 

08/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

O tapón do desaugadoiro

Cantas fotos como as de Feijoo dormen nun caixón e poden aparecer publicadas en calquera momento? Cantas contas suízas nos faltan por coñecer? Cantos cadernos de tesoureiro hai en circulación? Cantos informes están a ultimar as unidades de investigación policial? Cantos xuíces están a punto de abrir un novo sumario?.

 

  • Noticias relacionadas

Máis dun durmirá intranquilo facéndose esas preguntas a diario, e por suposto non se irá para a cama sen ver as portadas de prensa do día seguinte, por se hai susto. E se algunha está embargada, toca noite de insomnio.
 
A velocidade a que se suceden os escándalos supera a nosa capacidade de asimilación. En calquera momento estalará un novo, hoxe mesmo, todos esperando a que apareza o rótulo: "Noticia de última hora". E os escándalos xa coñecidos tampouco deixan de xerar novidades: non rematará esta semana sen que saibamos doutro galopín acollido á amnistía fiscal, outro comisionista dos ERE, outra quenda de correos de Urdangarín, outra conversación gravada.
 
O que teñen en común todos os casos que imos coñecendo é que non se produciron agora. Son de hai anos, cinco, dez, vinte ou máis. Fotos que levan esperando dúas décadas; contas abertas hai lustros; delitos que xa rozan a prescrición. Pero é agora cando se coñecen, todos en tropel, case sen días libres para desencadear o próximo.
 
O sistema cambaléase, e toca liquidación de mercadoría vella, defectuosa, inservible para o novo tempo. Non sabemos se é unha liquidación por fin de tempada, por traspaso, por peche ou por derrubamento, pero hai présa en sacar o lixo. A mesma présa que teñen algúns por levarse o seu antes de que sexa demasiado tarde: o descaro con que cobran bonus, indemnizacións e pensións multimillonarias tras deixar ruína ao seu paso; a desvergonza con que se branquexan na amnistía fiscal. Correde, correde, antes de que se remate.
 
Pode que baixo a mesa estanse a axustar contas que apenas sospeitamos, e só nos chegan as salpicaduras da refrega. Pode que a manta xa non dea para tapar tanto, e cando un tira dun lado destapa polo outro. Ou talvez estamos ante unha nova e retorcida versión da doutrina do shock, para controlar o cambio inevitable e prepararnos o corpo ao que virá. Ou quizais sexa que prefiren que nos enfurezamos pola corrupción antes que polo saqueo (a.k.a. crise), que ultimamente falamos máis de Bárcenas que dos recortes.
 
Sexa o que sexa, a impresión é que alguén quitou o tapón do desaugadoiro para que saia todo polo sumidoiro, pois a iso recorda o tropel corrupto: ao remuíño que se forma no desaugadoiro, onde xiran veloces as inmundicias uns segundos antes de caer cara á cloaca.
 
Seguindo a metáfora do desaugadoiro, cabe preguntarse quen era o tapón, quen evitaba que a auga sucia se fose polo desaugadoiro. Quen era o suficientemente grande, sólido e sobre todo intocable como para manter en pé todo este edificio podre que agora se cae? Alguén enxalzado precisamente como "garante da estabilidade", e cuxa caída parece arrastralo todo?
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript