Abril de 2013
 
 

08/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Juán Torres López
 

David e os novos Goliat

David Benavides é un profesor titular de Informática da miña universidade que o pasado 24 de maio de 2011 se encontraba, xunto a outros máis, no interior do recinto universitario, máis concretamente na zona onde se sitúa o reitorado, nunha concentración pacífica convocada pola Asemblea de Profesorado Interino para pedir o recoñecemento pleno da súa docencia.

 

  • Noticias relacionadas

Nun momento dado, e en contra de usos que mesmo se respectaban na ditadura, a policía entrou alí e David fixo algunhas fotos. Dous axentes reclamáronlle a cámara e David, coas mans arriba, negouse a dárllela, o que fixo que fose detido. Segundo el mesmo relatou nunha carta, arrastrárono con forza, insultárono e tivo que soportar vexacións diversas.
 
Cando foi liberado escribiu unha carta aberta de agradecemento á Policía porque esa detención lle proporcionara "un baño de afecto que me durará moito tempo" e, tamén segundo dicía nela, porque a Policía lle fixera un regalo ao ensinarlle "que ao pedir xustiza e recibir violencia hai que responder con máis xustiza, máis cariño, máis solidariedade e máis loita".

Agora, case dous anos máis tarde, David Benavides foi condenado a 20 días de multa a razón de 6 euros diarios por "desobediencia a axentes da autoridade".
 
Como poden supoñer doadamente os lectores desta historia, o feito de que o profesor condenado se chame igual que o modesto pastor da lenda bíblica é puro azar. Pero o que non é nin moito menos casualidade é que xunto a David existan hoxe en día moitos outros Goliat, que como o filisteo se cren todopoderosos e que nunca son condenados por desobediencia, a pesar de que eles adoitan facer máis ben o que lles vén en gana e pasarse por riba das leis de autoridades ás que se supón que tamén deberían obedecer.
 
Non será condenado nunca por desobedecer o Goliat Botín, que afirma campante que mantén activo o conselleiro delegado do seu banco, e que afirma que o seguirá mantendo aconteza o que aconteza, a pesar de ser condenado en firme, de ter sido indultado despois de xeito irregular ou de estar a incumprir reiteradamente a normativa do Banco de España que lle impide exercer a responsabilidade bancaria que ocupa.
 
Non serán acusados nunca por desobedecer á autoridade outros Goliat como a delegada do goberno en Madrid, Sra Cifuentes, que ten o costume de acusar ou inxuriar sen proba ningunha ás persoas que debería defender. Nin tampouco os xuíces que atrasan os expedientes ou que os perden para que os poderosos imputados por delitos de colo branco gocen tantas veces de prescricións do delito que lles permiten saír airosos dos seus atropelos. Non serán condenados como David os Goliat máis poderosos do noso tempo, os banqueiros, que enganaron e arruinado a miles de persoas, porque a autoridade son eles e non se persegue nestas terras a quen só se desobedece a si mesmo. Non terán que pagar multas por desobediencia, por magras que sexan como a de David, os propios axentes da autoridade que desobedecen e non se identifican cando interveñen. Nin por suposto cometerán desobediencia ningunha que sexa sancionable os outros axentes que se introducen nas manifestacións para provocar violencia que logo permita confundir a xustos por pecadores. Todo o contrario: están a obedecer. Nin tampouco serán multados, polo que se ve, os deputados que quedan co diñeiro da xente cobrando dietas coma se vivisen fóra de Madrid cando en realidade teñen alí vivendas da súa propiedade. Non serán condenados por desobediencia os Goliat que utilizan os medios de comunicación públicos para o seu proveito político propio, a pesar de que desobedecen as leis que obrigan a que estean ao servizo de todos; nin os que fan fortunas cos diñeiros públicos (aí están, vivos e coleando), nin aos gobernantes que baleiran de contido os dereitos que recoñece esa máxima autoridade de autoridades que é a Constitución.
 
De momento, aos David da nosa época non nos acompaña a mesma sorte fronte aos Goliat que ao de Xudá fronte ao xigante filisteo. Pero estou seguro de que as cousas empezarán a cambiar algún día e que moitos David como o meu colega se reunirán nun exército invencible. Entón, serán tantos e tan poderosos, que non terán que afundir unha pedra na fronte de ninguén, nin cortar cabeza ningunha. Sacarán, iso si, o seu tirafonda todopoderoso e dispararán sobre a cocorota de todos estes Goliat unha dose para eles letal "de xustiza, de cariño, de solidariedade e de loita" que os fará fuxir espavorecidos para sempre.
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript