08/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


Os xinetes do apocalipse
Entre o fiscal defensor de infantas corruptas, o ministro de facenda protector de evasores fiscais, a delegada de Goberno, criminalizadora de desafiuzados, a ministra de Traballo, traficante de escravos, a de Sanidade, destrutora de hospitais públicos e o ministro de Xustiza, martelo taxador de preitos pobres para que se necesitan os Catro Xinetes da Apocalipse?


Que bonitiños
A conivencia e compadreo dos políticos neocon cos empresarios (e bankeiros) son de pura mafia. Permítenlles non aboar indemnizacións aos traballadores despedidos para que as pague o Estado (ou sexa, todos) desarborando ao FOGASA. Facilítanlles que defrauden a Facenda (ou sexa, a todos). Poñen o seu servizo a toda a poboación activa dun país en réxime de escravitude encuberta (coa angustia do paro na caluga para que nin chíen) con salarios de risa e unha flexibilidade laboral á par dun contorsionista circense.
Pero aínda non é bastante. O espremedor non cesa. Boa parte dos 'pobres' empresarios non deixan de queixarse e de dicir un día si un día non que aínda hai que baixar máis os salarios, que hai que despedir con indemnizacións máis baratas xa, gratis, etcétera.
Os sindicatos maioritarios, a estas alturas, xa sabemos que forman parte do establishment, dese xogo de contrapoderes ficticio, pois só mandan uns. Así que non hai que esperar nada deles. Seguen ao seu. Co seu par de folguiñas ao ano dun día de duración. Que bonitos!

Feijoo
Este home é un portento. Non sabe nada das persoas que o rodean, non sabe nada de nada ou non se acorda de nada, parece ou faise o parvo, pero chegou a Presidente de Galicia. Para que vexa o pobo que os parvos teñen futuro. Non fai falta estudar moito nin saber moito, fai falta ter boas amizades que che suban ao mais alto.

Aínda haberá máis
Parece claro que a historia do PP é a historia da impostura, da falsidade e a mentira disfrazada de sorrisos e adhesións inquebrantables como na época do ditador. As fotos de Feijoo recórdanme moito ás de Rajoy dando saltiños con Rita Barberá e o hoxe innombrable Paco Camps, ou aquelas outras co exemplo do que Mariano pensaba facer Que horror, fíxoo! co Goberno de España, Jaume Matas, o entón exemplo a seguir.
Que efémero é todo! Non cren ?... Calquera día sairán recibos que Bárcenas garda con gran celo onde negro sobre branco, ou azul sobre branco, vaia saber vostede a cor, se verán as firmas dos sobrecolledores, a firma de Mariano Rajoy será como esas fotos de cores rechamantes dun verán de Feijoo no iate dun narcotraficante, serán o seu final definitivo e seguramente o dese partido nacido para gobernar como deus manda sempre que un entenda que o que manda deus sexa aquilo de que a caridade ben entendida empeza por un mesmo. Cousas veredes amigo Sancho que haberán de marabillarte, dicía o noso enxeñoso fidalgo, cousas veremos que haberán de asombrarse se é que a alguén lle queda, aínda, capacidade de asombro. O tempo será testemuña...

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript