Abril de 2013
 
 

01/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  STOP DESAFIUZAMENTOS
 

O PP rexeita a dación en pagamento nas súas emendas á ILP antidesafiuzamentos

O Partido Popular eliminou o artigo referido á dación en pagamento da iniciativa popular lexislativa presentada pola plataforma antidesafiuzamentos, un dos tres puntos básicos que defende a PAH. Nos próximos meses, case 200.000 familias poderían quedar sen casa, segundo un informe da Asociación de Usuarios de Banca (Adicae).

 

  • Noticias relacionadas

O grupo popular no Congreso presentou tres emendas á ILP. Nelas elimina o parágrafo que facía referencia á dación en pagamento e introduce a sentenza do Tribunal Europeo sobre a lei hipotecaria española outorgando ao xuíz ou ao notario a opción de paralizar desafiuzamentos se considera que hai cláusulas abusivas no contrato.
 
A primeira emenda do PP elimina o artigo que regulaba a dación en pagamento e substitúeo por unha modificación da lei de Axuizamento Civil. En concreto para reducir o diñeiro que ten que pagar unha persoa que sufriu un desafiuzamento da súa vivenda habitual.
 
O Partido Socialista apoia os puntos da ILP e propoñen que as persoas que pagasen máis do 75% da súa vivenda e non poidan afrontar a súa cota hipotecaria poidan permanecer nas súas casas pagando un aluguer social.
 
Esquerda Unida aposta por crear un proceso de arbitraxe antes de calquera desafiuzamento e por constituír unha Oficina Pública de Asesoramento sobre as Cláusulas Abusivas. Tamén queren que o propietario teña a opción de elixir se quere a dación en pagamento ou reestrutura a súa débeda.
 
Ao peche de 2012, contabilizábanse 198.111 execucións hipotecarias en trámite, que carrexarían outros tantos desafiuzamentos nos próximos meses, segundo un informe con datos que presentou a Asociación de Usuarios de Banca (Adicae).
 
A cifra aumentou un 13% con respecto á de 2011. No cuarto trimestre de 2012, foron aprobados nos xulgados 24.310 desaloxos, un 25% máis que no trimestre anterior. Case 250.000 familias xa perderon as súas casas dende o ano 2008.

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript