Abril de 2013
 
 

01/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  O NOSO CORRALITO - CARTA DUNHA AFECTADA
 

Preferentes e subordinadas

No estado español, e nomeadamente en Galicia, temos o noso propio "corralito"; que Chipre non nos impida ser conscientes da nosa propia realidade: enganóusenos e estafóusenos coa finalidade de embargar a maior parte dos nosos aforros; só que aquí somos uns chapuceiros e non sabemos nin mentir ben. Endosáronse estes "híbridos" a persoas que non sabían nada de inversións e iso sinala indicios de dolo, entre outras consideracións...

 

Este é un dos motivos polos que moitas demandas están a prosperar. Algúns xuíces teñen claro que eses contratos poderían ser polo menos "malintencionados". Os bancos, e, sobre todo, as Caixas (que son as que máis problemas están a ter para desfacerse destes produtos no chamado "troco"), non só falsearon os seus balances (os pisos do seu activo estaban sobrevalorados, facendo crer ao investidor que son ou eran solventes), non só presionaron a "o teu director de toda a vida" para que te "endosase" estes híbridos, senón que ademais foron rescatados, despois dos seus desmandos, co diñeiro de todos os cidadáns.
 
Pero aínda hai alternativas. como ben nos expón o diario "Público", iso si, debemos ser valentes por unha vez e esixir os nosos dereitos sen un ápice de dúbida nin de indecisión; se non o facemos, a responsabilidade será só  nosa.
 
Aínda así, se decide cambiar, na miña opinión (non son unha experta, polo tanto limítome a dar un punto de vista), non venda despois. Penso que isto non é máis que un plan para comprar os nosos aforros de toda a vida a prezo de saldo. Igualmente xa perdeu e quen sabe, pode que gañe...
 
Respecto aos que nos "recomendaron" compralas e que se escusan en que eran "uns mandados", a súa parte de responsabilidade teñen ( menor que a dos seus xefes), porque acatar unha orde ilegal ou inmoral non exime a de cometer unha falta ou un delito. Ou polo menos iso é, o que, por fin comeza a enxergarse na doutrina xurídica, que ten cada vez máis claro que a "obediencia debida" non é máis que unha "herdanza franquista".
 
Temos o noso propio "corralito": os "produtos financeiros" nos que nos embarcaron, maioritariamente, con enganos; produtos que agora nos obrigan a cambiar perdendo a práctica totalidade dos aforros. Se a isto lle engadimos que o perfil destes "investidores" era o dun pequeno ou mediano aforrador, que o que buscaba era un produto seguro e fiable(como un depósito), como debemos chamar a este roubo?.
 
A conversión dos produtos híbridos en capital de Novagalicia deixará a miles de minoristas como accionistas involuntarios do banco

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript