Abril de 2013
 
 

01/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  PENSIÓNS - 135 EUROS POR DEBAIXO DA MEDIA
 

As pensións galegas as máis baixas

As pensións galegas --incluídas todas as do sistema-- aumentaron a súa contía un 3,5% en marzo, en relación ao mesmo mes do ano pasado, pero mantéñense como as máis baixas de España, cunha media de 717,05 euros, a 135 da media estatal, que alcanzou os 852,61 euros no terceiro mes do ano.

 

En todo o estado, a Seguridade Social destinou no mes de marzo 7.687 millóns de euros ao pagamento das pensións contributivas, un 4,8% máis que no mesmo mes de 2012, segundo datos feitos públicos este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
 
A pensión media de xubilación alcanzou a principios do mes de marzo os 974,30 euros mensuais, o que supón un 3,6% máis respecto ao mesmo mes de 2012.
 
Pola súa parte, a pensión media do sistema, que comprende as distintas clases de pensión (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares), situouse ao iniciarse marzo en 852,61 euros mensuais, o que supón un aumento interanual do 3,2%.
 
No caso de Galicia, os datos do ministerio mostran que Lugo (cunha media de 637,05 euros) e Ourense (cunha media de 624,4 euros) continúan tamén coas pensións máis baixas do Estado.
 
O total de pensionistas ascendía en marzo a 736.591, o que supón un aumento do 0,8% respecto a hai un ano. Por tipos, son 69.704 persoas as que perciben unha pensión por incapacidade permanente, cunha media de 795,55 euros; mentres que son 454.245 os que teñen unha prestación por xubilación, cunha media de 805,46 euros; e 185.370 ingresan unha contía por viuvez, cunha media de 519,48 euros.
 
Así mesmo, 21.582 persoas perciben unha pensión de orfandade, cuxa media sitúase en 367,01 euros; outras 5.690 reciben unha pensión en favor de familiares, cunha media de 460,92 euros.

RESTO DE PENSIÓNS NO ESTADO
 
A pensión media de viuvez situouse en marzo en 616,14 euros mensuais, un 2,7% máis, mentres que a de incapacidade permanente alcanzou unha contía media de 905,60 euros mensuais, cun incremento do 2,4%.
 
Así mesmo, a pensión media de orfandade ascendeu a 371,86 euros mensuais, un 1,3% máis que en marzo de 2012, mentres que a de favor de familiares se situou en 498,48 euros ao mes, cun repunte do 3,1%.
 
En marzo, o número de pensións contributivas da Seguridade Social superaba os 9 millóns, cun crecemento do 1,5% sobre igual mes de 2012. Desta cantidade, 5.412.950 foron de xubilación, cun repunte do 2,1% respecto a marzo de 2012, mentres que 2.330.799 foron pensións de viuvez (+0,5%), 936.087 de incapacidade permanente (-0,7%), 299.083 de orfandade (+7,1%) e 37.668 a favor de familiares (-1,2%).

PAÍS VASCO, ASTURIAS E MADRID, Á CABEZA
 
Por comunidades autónomas, sete delas máis Ceuta superaron en marzo a pensión media nacional, establecida en 852,61 euros ao mes. País Vasco, Asturias e Madrid rexistraron as pensións medias máis elevadas, con 1.052,31 euros, 1.008,61 euros, 1.008,40 euros, respectivamente.
 
Séguenlles Navarra (968,33 euros), Ceuta (889,11 euros), Aragón (888,53 euros), Cantabria (887,19 euros), Cataluña (881,29 euros), Castilla e León (831,74 euros), La Rioja (817,24 euros), Melilla (814,60 euros), Canarias (797,79 euros), Castilla-La Mancha (796,06 euros), Comunidade Valenciana (783,90 euros), Baleares (780,82 euros) e Andalucía (776,23 euros).
 
Pechan a táboa, coas pensións menos cuantiosas, Murcia, cunha pensión media de 752,21 euros mensuais; Extremadura, con 721,67 euros, e Galicia, con 717,05 euros ao mes.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript