Abril de 2013
 
 

01/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  LABORAL - SECTOR NAVAL
 

'Procesión' do naval para esixir traballo e denunciar a "morte" do sector

Miles de persoas secundaron dende as 17.00 horas deste mércores a "procesión" reivindicativa convocada polos traballadores de Navantia e de empresas auxiliares para reclamar carga de traballo para o sector e alertar da "crítica" situación en que se atopa ante a falta de ocupación que provocou a destrución 2.100 empregos no último ano e medio.

 

  • Noticias relacionadas

 

A marcha iniciouse no estaleiro de Navantia Ferrol, encabezada por un trono simbólico levado a ombros por traballadores do sector naval e que representa un barco no que se pode ler 'Flotel xa', con bonecos con monos de Navantia e cunha fotografía que Ferrol e as súas grúas ardendo, coa frase "matan o naval, desastre comarcal".
 
Nunha das frontes do trono, colgáronse imaxes do presidente da Xunta Galicia, Alberto Núñez Feijóo, do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, coa frase "este desastre laboral e social ten culpables".
 
Os participantes portaron cruces de madeira nas que colgaron monos de traballo de empresas do sector. A consigna continua que se escoitou na protesta foi: "dique si ao sector naval", en referencia á construción do dique flotante que se reclama para a área de reparacións de Navantia Ferrol.
 
Con esta procesión reivindicativa, secundada por miles de persoas polo centro da cidade baixo unha intensa chuvia, os traballadores volveron reclamar carga de traballo e o dique flotante e denunciaron que o anunciado flotel para Pemex aínda non ten data de inicio.
 
Ignacio Naveiras, voceiro do Comité de Navantia Ferrol, explicou que con esta parodia de procesión se mostra que os traballadores non levan "unha semana de Paixón, senón dous anos", nos que alertaron con protestas que se esgotaba a carga de traballo. Navantia Ferrol e Fene finalizará cara a outubro o único barco que ten en construción, o segundo megabuque para Australia.
 
"Parece que os nosos dirixentes están a esperar un milagre, e isto soluciónase con determinación, apoio político, acción comercial e apoio institucional," engadiu.
 
Os representantes sindicais sosteñen que as recentes declaracións de Ramón Aguirre, o presidente da SEPI, que asegurou que Navantia non era competitiva e que formulaba un plan de axuste con redución de salarios, son un intento de "desviar a atención" e recordou que son os responsables da empresa os que teñen que buscar solucións e obter carga de traballo.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript