Abril de 2013
 
 

01/04/2013

   CUTUDC / Novidades

  SANIDADE PÚBLICA - 15M MONTE ALTO
 

A semana da "In-saúde"

Comeza a Primavera e con ela afloraron un ramallete de noticias sanitarias en todo o estado que demostran que o Público entrou xa na UCI, e que só unha intervención enérxica por parte da cidadanía e un compromiso político con esta pode levar un halo de esperanza na súa recuperación.

 

  • Noticias relacionadas

 

Unha das noticias máis impactantes, por absurda, foi a de que o Ministerio de Facenda propoñía como "castigo" ás comunidades autónomas que non cumpran co déficit a perda de subvencións empregadas na formación de todo o persoal implicado en transplante. Isto non só é absurdo pola ineficacia como medida disuasoria para un político, senón porque aínda sen falar da rotura da equidade na asistencia sanitaria, da deterioración da saúde.., pon en risco un sistema que é tomado de exemplo pola OMS, e iso se que afecta á "marca España", que tanto preocupa a estes gobernantes nosos. A única explicación posible é que as cabezas pensantes que nos dirixen todo o que esta baseado no esforzo e a solidariedade dálles certa alerxia.
 
Outra noticia é a novidosa forma de rematar coas listas de espera cirúrxicas, en Galicia formúlase a posibilidade de pagalo un mesmo na privada e xa se verá cando e como se reembolsa. Mentres que en Cataluña, van mais alá, se “axudas " ao financiamento do centro hospitalario pagándoche a túa intervención sáltaste a lista de espera, como ben reflicten as últimas noticias sobre o hospital San Pau de Barcelona.
 
Hoxe chegouse a un calendario vacinal único en todo o estado Español, a priori algo coherente e demandado por moitas sociedades científicas, pero como sempre foi unha oportunidade fallada onde non se contou co consenso de todas a comunidades, nin da opinión dos expertos, sendo un calendario de mínimos, con algunhas faltas como a vacina do pneumococo en grupos de riscos e a idade na aplicación dalgunhas destas. Tampouco transcendeu como vai ser a estratexia para garantir a maior cobertura posible, tanto na vacinación infantil, coma na idade adulta, tantas veces esquecida, por estar asociada na súa maior parte á poboación inmigrante, á que se lle dificultou (impediu) o acceso á sanidade.
 
A nivel Europeo, tamén nos encontramos exemplos dos estragos que o sistema chamado "neo-liberal" está a producir na saúde dos cidadáns. O diario británico The Telegraph pública como o Sistema nacional de saúde Británico alega como único motivo para o non financiamento dun tratamento novidoso no tratamento do cancro de mama a razón de que é moi CARO, é dicir, antepóñense motivos meramente económicos aos científicos e médicos, en temas fundamentais para a vida dos seus cidadáns.
 
Poderiamos continuar con outros exemplos, de aumento de prezo de ata o dobre nalgúns fármacos excluídos do financiamento, os estudos de nutrición na poboación anciá e infantil a causa dos últimos recortes, a saturación nas urxencias, o déficit de persoal, as deficiencias nas concesións da "externalización" de servizos como limpeza, cociña......., pero como di o refrán "A bo entendedor poucas palabras abondan".
 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript