Decembro de 2012
 
 

10/12/2012

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Onde nos quere levar o equipo reitoral?

O sr. Reitor, coas súas últimas actuacións tensa, unha vez e outra, a relación co colectivo. Sucédense as actuacións neste sentido. Desconto da catorceava parte do salario ou da paga extra de decembro, a RPT, a Instrución de Incapacidade Temporal (IT), agora coa Resolución sobre xornada, horario…
 
O sr. Reitor mide de xeito sistemático as nosas forzas para “colarnos” o seu proxecto que non é outro que sexamos o PAS o elemento de aforro agora que se aproximan tempos “difíciles”

 

  • Noticias relacionadas

 

Faise unha interpretación e aplicación interesada da Lei 9/2012, descontando indebidamente cantidades importantes aos traballadores/as que, polos motivos que fosen, cobraron unha liquidación antes da súa publicación e, polo tanto, antes de que tivese efectividade. Chégase, nesta esquizofrenia a ameazar mediante notificacións certificadas para que devolvesen parte das súas liquidacións a traballadores/as que xa non forman parte da plantilla universitaria, aos que seguen como traballadores da institución descóntaselles directamente.
 
Despois das reclamacións realizadas polo noso sindicato e pola representación da APA tanto no Consello de Goberno, Comisión delegada de Asuntos Económicos e a través dos órganos de representación forzouse a consulta, por parte da Xerencia, á Asesoría Xurídica que chega á conclusión de que hai que executar a devolución dese diñeiro.
 
A día de hoxe, moitos traballadores e traballadoras aínda non recuperaron o indebidamente descontado. Dáse, tamén, a circunstancia de que ao colectivo de PAS laboral, estáselle a efectuar o desconto de xeito que se lle computan conceptos retributivos que, segundo a propia Instrución da Xerencia, non se deberían ter en conta. Lembramos que aínda planea sobre a execución desta norma a súa retroactividade, aspecto que consideramos ilegal.
 
Esta foi a primeira manifestación do “talante” da nova Xerencia. Primeiro dispara, despois pregunta. Aínda non nos explicamos e iso que llo requirimos ao propio xerente sen ter resposta, porqué non se fixo a consulta á Asesoría antes de efectuar o desconto?.
 
Posteriormente propónsenos unha restritiva normativa de pagamento nas baixas por IT que se xustifica na lexislación imposta desde esferas de poder superior gobernadas, claro, pola dereita e que non hai máis remedio que acatar. Aos poucos días de publicala a Universidade de Compostela (gobernada pola dereita) publica a súa na que, sen ir máis lonxe, unha afonía xustificaba o pagamento do 100% do salario. Atópase, deste xeito, o progresista equipo reitoral desta Universidade coas vergonzas ao aire. Nesta tesitura, unha vez máis, ten que recuar e sacar outra Instrución radicalmente diferente.
 
Chéganos, despois, unha RPT onde, a través dun verdadeiro Plan de Emprego se fai unha reestruturación da plantilla funcionarial e se oculta un ERE nas conserxerías de Ferrol. Nunha nova proposta suavízanse as formas pero séquese intentando normativizar, no PAS laboral, a mobilidade permanente para a mellor satisfacción das “necesidades” institucionais. Preséntasenos, de paso, un “catálogo de funcións”, infumable, unha enumeración de 3, 4 funcións que rematan sempre coa de que temos que facer o que se nos mande.
 
No PAS laboral, despois de 9 anos de “progresía” e a pesar da loita sistemática da maioría do Comité de Empresa (e da asemblea de traballadores e traballadoras que rexeitou a proposta de RPT de 2009 esencialmente por este motivo), seguimos con ETT (subemprego) e nada de profesionalización da xestión, hai que dar de comer aos amigos do PDI (fontaneiros) proporcionándolles as xefaturas dos servizos no colectivo.
 
Lembramos aos compañeiros/as funcionarios/as que herdarán esta situación.
 
A última, de momento, é a Resolución de xornada, horario… onde, aproveitando que hai que cumprir o que ditaminan, outra vez, normas de rango superior e, lexisladas, como non, pola dereita, e aínda que nada diso se reflicta na Lei, quérennos colar a fichaxe, a acumulación de horas….
 
Era sabido que as imposicións que se reflectían na Resolución poñerían de unllas ao colectivo. Unha vez constatada esta circunstancia polo equipo de goberno dan marcha atrás nun dos elementos de conflito, o control horario.
 
O equipo de goberno tensa, dun xeito permanente, a corda. Quere atopar a abertura por onde colarnos a política que se pretende instaurar no PAS. Na Universidade da Coruña preténdese claramente que os aforros se produzan a través do “adelgazamento” da plantilla.  Para comezar, no PAS laboral implántase a desubicación real das prazas quedando determinada a súa localización nun servizo, podendo, deste xeito, mover aos traballadores/as de centro en función das “necesidades”, cando non a Xerencia resérvase directamente esa posibilidade. No persoal funcionario nalgúns casos elimínanse e noutros reordénanse os postos de traballo sen que, de momento, haxa acordo coa representación dos traballadores e traballadoras..
 
Mentres no PDI todo segue igual. A última é que se lles adiantará na nómina o diñeiro que a Xunta até agora non transmitiu ás universidades. A máxima é a de sempre,  “aos amigos o conveniente, ao resto, como mínimo, a lexislación vixente”.

Este “xogo” é coñecido polos traballadores e polas centrais sindicais, o caso agora é pregarse aos intereses dos de sempre ou responder. Nós responderemos.
 

 


 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript