Setembro de 2012
 
 

17/09/2012

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE AS FOLGAS ESTUDANTÍS REMATAN CUNHA VITORIA
 

Quebec dá marcha atrás ás taxas universitarias

A primeira ministra electa anunciou un día despois de vencer os comicios que cancela a suba de taxas do 75% e a polémica lei antiprotestas estudantís.

 

  • Noticias relacionadas

Tras case sete meses de folga indefinida en institutos e universidades e máis de 2.500 detidos en manifestacións e protestas, os estudantes culminan a loita co que, a falta de concretarse, confírmase como unha importante vitoria. O 5 de setembro, tan só un día despois de vencer por escasa marxe nas eleccións lexislativas anticipadas da provincia canadense de Quebec, a nova primeira ministra, Pauline Marois, do independentista Partido Quebequés, anunciaba a súa decisión de anular o incremento das taxas decidido polo anterior Goberno liberal. O aumento do custo das matrículas nun 75% estivo na orixe da folga que dende febreiro paralizaba as clases en centenares de centros e na que chegaron a participar 300.000 estudantes.
 
Paralelamente, Marois anunciou tamén a anulación da Lei 12, a norma que o Goberno do saliente Jean Charest aprobou especificamente para criminalizar as protestas e impoñer pola forza o retorno ás clases mediante a restrición das liberdades de asociación, reunión e expresión. Esta lei, lonxe de esmagar a revolta, deulle un empuxón ao provocar que se sumasen a ela outros sectores da sociedade indignados tanto pola drástica restrición de dereitos e liberdades que impoñía coma polo ataque contra os servizos públicos.

"Esta declaración do novo Goberno é unha vitoria para todos os estudantes de Quebec, que con este xesto poderán manter a accesibilidade aos estudos ", declaraban os voceiros das federacións estudantís FECQ e FEUQ, que representan máis de 200.000 estudantes, nun comunicado conxunto. A federación La Classe, que xunta uns 100.000 membros, tamén "acolle favorablemente" a dobre decisión do novo Goberno, pero "manterase vixiante ata que se aplique".
 
Outra das promesas electorais do Partido Quebequés era a celebración, previsiblemente este outono, dun cumio sobre educación na que se abordarán cuestións como o financiamento da universidade, os prezos das matrículas e a accesibilidade do ensino superior.
 
Non obstante, o novo Goberno non ten a intención de conxelar as taxas, senón "axustalas á inflación". E moitos non esquecen que en 1996, cando Marois era ministra de Educación, o entón Goberno do Partido Quebequés xa intentou subir as taxas un 30% tras un cumio deste tipo, medida que retirou ante as protestas. "Nós seguiremos recalcando que a gratuidade escolar é o único xeito de alcanzar unha accesibilidade aos estudos sen discriminación e de evitar unha relación clientelista nas institucións de ensino", explicaba Jeanne Reynolds, covoceiro de La Classe.
 
Co fin de manter a presión para que o novo Goberno cumpra coas súas promesas e de cara ao cumio de educación, a pesar de que a folga se desconvocase en todos os centros tras lograr os seus obxectivos, La Classe convocou a unha nova gran manifestación o día 22 de setembro, como as que xa se foron realizando o día 22 de cada mes dende que empezase a folga, que pretende demostrar que "o informe estudantil non está pechado e que a nosa sede de xustiza social permanece".
 
Ademais, todas as federacións estudantís comparten a necesidade de abordar a cuestión da Axuda Financeira aos Estudos, composta tanto de bolsas coma de créditos. "Habería que revisalo para diminuír o número de préstamos e bonificar as bolsas", explicaba Élianne Laberge, da FECQ, posto que os créditos hoxe provocan que un 60% de estudantes acaben a universidade con importantes débedas. Mentres, La Classe solicita que se continúen con urxencia as axudas cuxo pagamento paralizou o Goberno liberal de Charest dende que se iniciase o curso hai un mes, situación que deixa nun "estado de gran precariedade" a numerosos estudantes.
 
Tras gañar un pulso que durou máis de medio ano contra as medidas neoliberais de Charest na educación, os estudantes dan un paso máis e puxeron sobre a mesa problemas e reivindicacións no que se presenta como un gran debate sobre o futuro da educación superior en Quebec.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript