Setembro de 2012
 
 

17/09/2012

   CUTUDC / Novidades

  COMISIÓN DE FEMINISMOS SOL
 

Sobre o dereito ao aborto

O inminente cambio nas normas para a interrupción do embarazo está a activar as mobilizacións dos grupos feministas e de mulleres. Este é un convite dende Madrid.

 

  • Noticias relacionadas

Estamos nos anos 70. A imaxe do anxo do fogar aínda inunda o espazo público: unha muller feliz, esposa, nai, ama de casa e coidadora desposuída do seu corpo e a súa sexualidade. Un modelo que se reproduce de forma viral a través de todas as canles de propaganda do Estado franquista. Pero a realidade é outra. Na clandestinidade, miles de mulleres enfróntanse a un tema tabú: o aborto. Abortan en clínicas privadas, viaxando ao estranxeiro ou a través de métodos caseiros cos que arriscan a súa vida, como introducirse perexil. O aborto, xunto ao adulterio ou a prostitución, penalízase co cárcere.
 
Deamos un salto na historia. Máis de 40 anos despois, no ano 2012, o aborto non é nin libre nin gratuíto e, ademais segue presente no código penal. É un tema non resolto que se converteu nun dos sinais de identidade do movemento feminista.
 
Durante todo este tempo desafiamos as prohibicións e o poder. Nos 80 e os 90 foi a través de grandes campañas de apoio a mulleres e persoal sanitario. A principios do século XXI autoinculpámonos por abortar ou axudar a abortar.
 
Agora, nun outono que arranca afogado polos recortes sociais, políticos e económicos, enfrontámonos a unha nova ofensiva global contra o aborto. Unha ofensiva que no estado español aterra coa ameaza do Goberno de PP dun cambio na xa limitada lei de interrupción voluntaria do embarazo (IVE). Xunto ao Goberno, a xerarquía eclesiástica e os grupos máis conservadores convertéronse no altofalante que nega o dereito a decidir das mulleres e que relega a súa identidade e razón de ser á maternidade dentro da familia nuclear.
 
Por iso, unha vez máis, trátase de continuar co desafío e a construción. Desafiar ao sistema patriarcal e capitalista que afonda nas desigualdades e na exclusión. Construír estratexias para visibilizar o impacto especialmente negativo que a crise ten sobre as mulleres, sobre os nosos corpos.
 
Queremos que se recoñeza as mulleres como suxeitos con capacidade moral para emitir os nosos propios xuízos e tomar decisións de xeito autónomo, como a cuestión da maternidade.
 
A nosa proposta, polo tanto, relaciónase coa defensa do dereito ao aborto libre para todas, fóra do código penal e na rede sanitaria pública.
 
Para iso propoñemos abrir o debate, enriquecelo e construír respostas dende os feminismos que nos axuden a defender os nosos dereitos. Por iso o próximo domingo reunirémonos en Espazo Sociocultural Liberado Autoxestionado Eko (Carabanchel), para consensuar unha serie de argumentos sólidos e coherentes a partir de distintos eixes plasmados nun borrador. Estes son: Familia nuclear e maternidade, sexualidades, laicidade e recortes políticos e sociais. Esperamos que este encontro sexa, ademais, o inicio dunha serie mobilizacións que culminen nunha gran manifestación polo dereito ao aborto o próximo 28 de setembro.
 
Máis de 100.000 mulleres abortaron en 2011 por un embarazo non desexado ou imprevisto. Previsiblemente nunhas semanas o Goberno presentará unha nova lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo. Vémonos o domingo.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript