Agosto de 2012
 
 

13/08/2012

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE DA CORUÑA
 

Desconto salarial ao persoal laboral

Como sabedes o decreto no que se reflicten os últimos recortes de Rajoy, recortes que favorecen o desmantelamento dos servizos públicos e a destrución de emprego contempla, tamén, a redución salarial para todos os traballadores e traballadoras da administración pública. Cómo acometemos esa redución desde o Comité de Empresa?

 

 

O Real Decreto-lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade
 
Con respecto ao desconto da paga extra para o persoal da administración pública establece:
 
Artigo 2. Paga extraordinaria do mes de decembro de 2012 do persoal do sector público
 
5. Naqueles casos en que non se considere expresamente no seu réxime retributivo a percepción de pagas extraordinarias ou se perciban máis de dúas ao ano reducirase unha décimo cuarta parte das retribucións totais anuais excluídos incentivos ao rendemento. A devandita redución prorratearase entre as nóminas pendentes de percibir no presente exercicio a partir da entrada en vigor deste Real Decreto-lei.
 
Unha redacción semellante contémplase na lei aprobada pola Xunta e publicada no DOG na que se establece:
 
2.f. Naqueles casos en que non se prevexa expresamente no seu réxime retributivo a percepción de pagas extraordinarias ou se perciban máis de dúas ao ano reducirase unha catorceava parte das retribucións totais anuais, excluídos incentivos ao rendemento. A dita redución ratearase entre as nóminas pendentes de percibir no presente exercicio a partir da entrada en vigor desta lei. Neste punto deberá entenderse comprendido o suposto do artigo 19 da Lei 11/2011, relativo ás persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia no exterior.
 
Á vista desta circunstancia e despois de comprobar que segundo os  cálculos realizados a catorceava parte do salario anual supera o diñeiro da paga extra o que implica que, de facerse en decembro, nun só desconto diminuiría substancialmente as percepcións dese mes, e, de facerse porcentualmente nos meses que faltan até rematar o ano, o desconto diminuiría o salario dun xeito considerable tendo en conta que as mensualidades non son moi altas, o Comité de Empresa acordou en reunión realizada o día 23 de xullo solicitar unha reunión co xerente para na que se lle propoñería que a cantidade que se deberá descontar sexa realizada en dúas veces, coincidindo coa paga extra de setembro e decembro, diminuíndose a metade desa cantidade a descontar en cada unha desas pagas extra.
 
A reunión co xerente tivo lugar o día 27 de xullo aceptando a Xerencia a proposta do Comité de Empresa.
 
A Instrución 4/2012 da Xerencia, sobre a aplicación na nómina do persoal da UDC da supresión da paga extraordinaria do mes de decembro de 2012, establecida polo real-decreto lei 20/2012, do 13 de xullo contempla o acordo alcanzado.
 

Desconto do IRPF, o feito de cobrar menos terá outro efecto nas nosas nóminas. No capítulo de descontos, en concreto no IRPF que, na práctica totalidade dos casos, será menor. Preguntado o xerente por cando se trasladará esta circunstancia á nómina, díxonos que a regularización faise trimestralmente, reflectíndose, polo tanto,  na nómina do mes de outubro.



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript