Xuño de 2012
 
 

25/06/2012

   CUTUDC / Novidades

  COMISIÓN DE FUNCIONARIZACIÓN
 

PAS laboral, asembleas dos grupos IVA e IVB

A CUT, unha vez coñecida a proposta da Xerencia na que só caben modificacións de matices (aos que non queremos restar importancia), propuxo, na reunión do Comité realizada o día 15, a convocatoria de asembleas dos grupos IVA e IVB para coñecer o grado de aceptación da proposta que tiñamos enriba da mesa pois non se correspondía coa nosa folla de ruta.

 

  • Noticias relacionadas

 

O Comité de Empresa iniciou este proceso de funcionarización por dous motivos esencialmente: 

  • Por un lado a presión que desde o propio colectivo se estableceu para que se procedera á funcionarización, fundamentado sobre a alarma económica e social que se está a vivir, especialmente logo da reforma laboral que abriu a porta aos eres nas administracións públicas.

  • Por outra banda porque entendimos que o único xeito que posibilitaría a execución da Transitoria Segunda do Convenio Colectivo, neste tempo de recortes xeneralizados, viría derivado do aforro conseguido co tránsito de laborais a funcionarios (este aforro vén de que os funcionarios cotizan á Seguridade Social o 5,70% menos que o persoal laboral). Este aforro chegaba, de sobra, para que a Universidade cumprira o compromiso adiado desde o ano 2006 (quedáballe á institución aínda así unha cantidade importante para “presumir” da boa xestión realizada).

 

Reunido o Comité coa xerencia, expuxoselle a esta última os dous obxectivos pretendidos para que, de consideralo viable (pois era necesaria a súa implicación), se procedera á creación dunha comisión tripartita de cara á funcionarización: Xerencia, Comité de Empresa e Xunta de Persoal.span>  Tanto o Comité como a Xunta de Persoal optamos por levar como representación a alguén de cada sindicato para que houbera unha pluralidade de sensibilidades na mesa pero, en todo caso, os que foran irían en representación do Comité e a Xunta de Persoal respectivamente.  Isto último parece que a algúns no lles quedou moi claro, á vista de que cando o Comité decidiu levantarse da mesa de negociación para consultar aos traballadores afectados, houbo quen continuou nas reunións a título, supoñemos, persoal. 
 
Na Comisión traballouse con diversas propostas. Inicialmente partiuse do proxecto de 2008, cunha promoción simultánea á funcionarización, e logo foron aparecendo outras, sempre contemplando a promoción derivada da Transitoria II do Convenio, con maior ou menor grado de cumprimento. Chegado un día o xerente, á vista das propostas de uns e outros, dixo que na seguinte reunión ía propoñer a súa propia, e así foi. Trouxo a proposta que coñecedes, indicando que non aceptaba seguir negociando sobre ningunha outra das que saíran na mesa até entón.
 
Esta proposta, que se vos transmitiu, non concorda nin coas intencións iniciais do Comité nin cos principios que moveron á candidatura da CUT desde os seus inicios pois significa que se non se executa a Transitoria no momento en que o propio colectivo crea as condicións económicas (aforros) para levala a termo e queda suxeita á dispoñibilidade orzamentaria posterior. O retraso será cando menos importante se non é definitivo, e o seu monto difire moito do que supoñía como laboral.
 
Era para a CUT unha obriga informar desta circunstancia e consultar aos suxeitos do dereito, traballadores e traballadoras dos grupos IV. Expuxémolo deste xeito na reunión do Comité, que o aceptou como propio. A CUT solicitou na reunión da Comisión de Funcionarización do día 19 o levantamento do sixilo (confidencialidade) que pesaba sobre as conversas da Comisión e procedemos os días 20 e 21 ás asembleas.
 
As consultas a estes grupos ían condicionadas por outro aspecto importante: a decisión do resto de sindicatos, e mesmo da Xerencia, de levar á práctica a funcionarización con ou sen o asentimento deste colectivo. Isto pon a este grupo de traballadores/as nunha tesitura moi comprometida:

  • De aceptaren a proposta suspéndese a aplicación da Transitoria sine die e, de aplicarse, o seu recoñecemento económico será moi inferior.

  • De rexeitala quedarían como laborais pero “descolgados” do resto do colectivo, con moita menos forza negociadora, cun convenio que aínda está por negociar e, no peor dos casos, como laboral a extinguir en praza de funcionarios que imposibilitaría ou dificultaría tanto a promoción como a mobilidade.

 

As asembleas realizadas na Coruña e Ferrol determinan que os compañeiros e compañeiras optaron pola vía de continuar negociando a funcionarización, aínda así co mandato ao Comité de que se poñan prazos concretos á execución das promocións.
 
Xa en termos xerais acudimos á negociación da funcionarización co único criterio de non gañar nin perder. A consulta, para a CUT, era de obrigada realización pois a proposta que temos enriba da mesa  deixa sen efecto a execución da Transitoria. Unha vez tomada a decisión continuarase coa negociación. Cando se dispoña dunha proposta completa ou o proceso de negociación o esixa consultaremos, o colectivo terá a última palabra

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript