Abril de 2012
 
 

02/04/2012

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Resumo do Consello de Goberno do día 27

O que vos adiantamos do Consello de Goberno e que incidía no peche da Universidade durante quince días no mes de agosto non é a única medida restritiva aprobada nesta sesión. As medidas de aforro impóñense nas decisión tomadas neste Consello de Goberno e, segundo parece, detrás destas virán máis.

 

RESUMO DO CONSELLO DE GOBERNO DO DÍA 27/03/2012
 
INFORME DO REITOR:
 
Agárdase que na Lei de Acompañamento que se xuntará cos Orzamentos Xerais do Estado, haxa unha referencia expresa ás universidades, contendo novas restricións económicas.
 
A Universidade seguirá coa convocatoria de prazas.
 
O día 28 haberá un novo Consello Galego de Universidades, a Comunidade recibiu o "Anteproxecto de Lei do Sistema Universitario de Galicia" o equipo de goberno está a analizalo.
 
Presenta ao novo Xerente.
 
VICERREITOR DE INVESTIGACIÓN
 
Anuncia recortes  pero non sabe en que medida.
Os programas FPI e FPU terán as mesmas prazas pero o resto de programas terán recortes.
Márcanse como prioridade manter os recursos humanos.
Anímase aos investigadores a participar no Programa Marco da Unión Europea, apuntándose como avaliadores dos programas de investigación europea.
 
VICERREITOR DE TÍTULOS E NOVAS TECNOLOXÍAS
 
Houbo unha reunión dos decanos e coordinadores de máster para preparar estratexias de cara ao reforzamento das titulacións para o curso vindeiro así como a Estratexia 2015.
Os expedientes académicos pasan de ser cualificados en base catro a ser en base dez.
 
VICERREITORA DE RR. INTERNACIONAIS E COOPERACIÓN
 
Informa de: convenios, convocatorias da UDC e programas asinados pola UDC.
 
VICERREITORA DE ESTUDANTES, CULTURA E DEPORTES
 
Decidiuse facer unha aplicación informática para a adxudicación de bolsas propias, vaise facer unha proba con 20 bolsas e o resto farase unha vez comprobado o funcionamento do programa informático.
En Ferrol estase a punto de rematar a sala de fitness que se inaugurará proximamente.
 
VICERREITOR DE PROFESORADO
 
Presenta a RPT de PDI que é aprobada
 
VICERREITORA DE PLANIFICACIÓN ECONÓMICA
 
Informa do estado do orzamento prorrogado e de imputacións…
 
XERENTE
 
Informa das reunións mantidas cos representantes dos traballadores funcionarios e laborais.
Renovación da representación institucional na Comisión de Seguridade e Saúde.
A Consellería publicou o 12 de marzo o convenio de colaboración para poder facer contratos de “fomento do emprego”
Tomaron posesión os aprobados na oposición de técnicos grado medio en informática.
Publicáronse os servizos mínimos para a folga do día 29.
 
SÉGUESE COA ORDE DO DÍA
 
2. Aprobación, se proceder, do borrador da acta da sesión ordinario do 13 de febreiro de 2012 e da sesión extraordinaria do 28 de febreiro
.
Apróbase
 
3. Contratos e convenios. Apróbanse.
 
4. Límites de prazas nas titulacións da UDC para o curso 2012-2013 aprobadas sen límite no Consello de Goberno do 13 de febreiro.
 
Infórmase de que a Xunta establece que todas as titulacións deben ter un número limitado de prazas e que nas que se baixou o número de alumnos con respecto ao ano anterior, a redución non pode superar o 5%, tendo, neste caso, que xustificar esa diminución.
Procédese a unha nova fixación do límite nas titulacións que así o requiren.
 
O representante do PAS laboral vota en contra da limitación por coherencia co votado anteriormente ao entender que non debe haber limitación.
Os alumnos de IESGA abstéñense.
 
5. Convocatoria de prazas de PDI contratado
Apróbase.
 
6. Convocatoria de Prazas de PDI funcionario e proposta de tribunais
Apróbase.
 
7. Cambio de departamento e área de coñecemento
Apróbase.
 
8. Modificación da adscrición funcional de materias de grado
Apróbanse.
 
9. Informes anos sabáticos do curso académico 2010/2011
Apróbanse.
 
10. Venias docentes.
Apróbanse.
 
11. Modificación da Normativa de constitución de listaxes de agarda para profesores asociados con contratos de duración non superiores a 6 meses
Apróbase.
 
12. Normativa pola que se establece a dedicación docente do PDI
 
Catedráticos e titulares, agora 220 horas (ao ano) pasan a 240 horas.
Titulares de escola universitaria, interinos de substitución e colaboradores pasan de 270 horas a 300 horas.
Axudantes doutores pasan de 210 a 230 horas.
Explícase que a xornada, até agora, tan reducida deriva de programas de promoción de épocas anteriores, que hoxe é imposible soster.
O feito de non poder incrementar a masa salarial imposibilita manter as xornadas actuais.
 
Representante da Xunta de Persoal PDI.- Di que non se negociou con eles esta normativa, que simplemente se lles informou e que non se fixo, nin se lles presentou, memoria económica do que supón. Pide a devolución e negociación da dita normativa.
A modificación conculca o Convenio Colectivo sendo, polo tanto, ilegal.
Comparativamente é peor ca que se aprobou na Universidade de Compostela.
 
Castedo.- Non é unha medida agradable, despois dos recortes económicos agora un incremento de horas de traballo.
Se hai que facelo, farase. Ao PDI preocúpanlle outras cousas, entre elas que se computen como tarefas docentes a docencia nos Mestrados, traballos fin de Mestrado, traballos fin de grado, tribunais…
 
Xavier de Salvador.- É certo que esta medida estaba na mente de todos pero estraña a redacción do texto. Se a universidade ten problemas económicos esperaba ver estas medidas dentro dun plan global no que non só este sector este afectado.
Non se di o impacto real que esta medida supón, el fixo contas, (23.000 horas de incremento total) que supoñen reducir a plantilla  en 95 docentes a tempo completo. Qué pasa con estes traballadores?. Isto é un ERE encuberto.
As competencias da Xunta de Persoal implican que a esta nova normativa debería acompañarse a súa valoración.
 
Anxo Calvo.- Xa se está a traballar, nalgún caso, 240 e 300 horas. Unha normativa de xornada aprobada para un tempo concreto, sabendo todo o mundo que era conxuntural converteuse en estrutural.
A medida vai a favor da estabilidade orzamentaria, é prudente e non chega aos topes que se determinan no Estado.
Na Comisión Económica a Vicerreitora asegurou que o Capítulo 1 e o Capítulo 4 vanse manter.
O que se pide é racional pero coidado con pedir que se valoren outras dedicacións, non se abra unha porta de atrás para que todo siga igual.
 
Reitor.- Fai anos tomouse a decisión de ir cambiando a dedicación no POD, introducíronse no decreto do 95 no que se di que o docente ten que impartir 8 horas á semana, dentro desas 8 horas recoñécese a labor investigadora e de transferencia, os sexenios e as prácticas.
Os que non se dediquen á investigación terán que dedicar as 8 horas á docencia. Quérese conseguir que todos os PDI teñan labor investigadora, situación moi lonxe de conseguirse
Isto xa estaba na folla de ruta, esta medida non se debe, exclusivamente, á situación económica.
O curso pasado xa se aplicaron as 240 e 300 horas. Porqué os que teñen a plantilla curta teñen que traballar 300 horas e os que a teñen ampla traballan 200?, esta discriminación solucionase con esta normativa.
Reitera que a Lei de Acompañamento vai ser restritiva e os profesores que estean contratados provisionalmente deixaran de contratarse cando non se precisen.
Hai que actuar para manter a masa salarial. Un profesor normal debe andar polas 4 horas de docencia real á semana.
 
Xavier de Salvador.- A reflexión do Reitor deixa abertas todas as interpretacións. Insiste en que quere saber o efecto desas medidas.
 
Xosé Portela.- Reitera o requirido pola representante da Xunta de Persoal (xa ausente), non entende como a discusión pode seguir cando non cumpre cos requisito mínimos para a súa aprobación:
Non foi negociada cos representantes dos traballadores nin se acompaña un informe dos órganos de representación.
Esta situación é menos comprensible cando os que reclaman o cumprimento deses preceptos (negociación e informe, no seu caso) son os representantes da maioría dos compoñentes do Consello de Goberno.
Anuncia o voto negativo e pide que se retire da orde do día para proceder á negociación cos órganos de representación dos traballadores.
 
Vicerreitor de Profesorado.- Falouse cos representantes.
 
Pídese votación sendo maioritariamente favorable á aprobación da normativa con 4 votos en contra e 9 abstencións.
 
13. Normativa pola que se regulan as medidas incentivadoras para a xubilación voluntaria do profesorado dos corpos docentes universitarios da Universidade da Coruña
 
O que se intenta é liberar recursos para cubrir necesidades novas e proceder ás promocións. En xeral as prazas que se puideron amortizar son da orde do 60%.
 
Xavier de Salvador.- Non hai racionalidade nas solicitudes. Hai que repartir un ben escaso. Entende que o que compre defender son os dereitos dos traballadores non os dos xestores.
O que se debe é investir o procedemento de selección:

  • ·     Cuarto, os docentes de maior idade que soliciten a prexubilación.

  • ·     Terceiro, a antigüidade como docente na Universidade da Coruña

  • ·     Segundo, os titulares de escola universitaria

  • ·     Primeiro, o profesorado que pertenza a áreas de coñecemento con superávit docente estrutural


Reitor
.- o programa vai dirixido á amortización, polo tanto faise cos criterios máis axeitados para que a amortización teña efectividade, en todo caso é unha opción voluntaria.
 
Xavier de Salvador.- O que é inxusto é inxusto, non creen normativas inxustas e que orixinan discriminación. Pide votación.
 
Vótase, sendo maioritario o voto favorable (26) tendo 11 abstencións e 2 votos en contra.
 
14. Aprobación da contía das bolsas de estudantes.
Apróbase.
 
15. Renovación da Comisión de Estudos Propios de Postgrado
Apróbase.
 
16. Designación de membros da Comisión de Seguimento do Plano de Normalización Lingüística.
 
No PAS, por dimisión presentada por Pilar Comesaña,  a Universidade designa a Alma Díaz
Apróbase.
 
17.- Quenda aberta de intervencións
 
Anxo Calvo
.- Rumoréase que a Universidade pensa pechar o mes de agosto, é certo?

No centro está prevista unha conferencia o día da folga, pódese abrir o centro?
 
Vicerreitor de Investigación (pola a ausencia do Reitor).-  estase analizando a posibilidade de pechar a Universidade 15 días en agosto.

 
Xerente
.- Os servizos mínimos son os determinados pola Xunta de Galicia, os que teñan autorización poden abrir o centro.
 
Xosé Portela.- Agradece a pregunta de Anxo Calvo porque,
a pesar de ter recentemente unha reunión co Xerente, tanto a Xunta de Persoal coma o Comité de Empresa, non foron informados da posibilidade de peche en agosto.
Indica que hai unha instrucións sobre vacacións e que os compañeiros e compañeiras xa están, desde principios de ano, utilizando esa normativa para solicitar (incluso pode ser que alguén xa as teña consumidas debido, sobre todo, aos procesos selectivos, ademais, a estas alturas, algúns xa poden ter programadas as ditas vacacións ).
Tamén indica que o Convenio Colectivo non contempla esa posibilidade esta circunstancia require o acordo cos traballadores/as.

 
A apertura do centro o día de folga require a responsabilidade sobre os bens da institución. Quen abra ese día ten que decatarse desta responsabilidade.
 
RPT.- Saudamos que se aprobe a RPT de PDI pero lembramos ao equipo reitoral que o colectivo de PAS laboral leva dous anos agardando pola presentación da RPT definitiva por parte da Universidade.
 
Técnicos especialistas en informática.- fai meses, tamén, que rematou o proceso selectivo para cubrir prazas nesta categoría, a día de hoxe aínda non tomaron posesión, somos coñecedores dun problema grave aparecido no proceso de oposición pero a institución debe darlle unha solución de xeito inmediato.
 
Folga xeral.- o día 29 estamos todos e todas chamados á realización dunha xornada de folga, animo, dada a gravidade do lexislado a través da reforma laboral á participación de toda a comunidade universitaria.
 
Xerente.- Sobre o peche da Universidade en agosto indica que, despois das vacacións de semana santa, iniciará conversas cos representantes dos traballadores.
 
Sobre a responsabilidade si se abre o día de folga esta de acordo.
Sobre a RPT indica que, como xa lle manifestou á representación dos traballadores, será entregada despois das vacacións.
 
Técnicos especialistas de informática, estase en vías de solucionar o problema que orixina o retraso.
 
Pedimos escusas polo erro ao poñer no escrito enviado, Anxo Doval onde debía poñer Anxo Calvo, nome correcto do Decano da Facultade de Economía e Empresa

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript