27/02/2012
CUTUDC / Novidades
REFORMA LABORAL
O día 24 mobilizámonos en apoio da folga xeral
Centos de traballadores e traballadoras convocados por CGT e CUT e apoiada polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL) e o 15M (Rede de asembleas de barrios e vilas da Coruña) percorreron as rúas da Coruña, desde a Praza de Portugal até a Delgación do Goberno apoiando a convocatoria da folga xeral
do día 29 de marzo.
A continuación, reproducimos o
manifesto conxunto da CGT e da CUT, lido ao
remate da manifestación
apoiada
polo STL e o #15M:
Coa colaboración dos gobernantes e partidos
políticos, lacaios do capital máis cobizoso e
coa pasividade cómplice dos sindicatos
institucionalizados, a situación da clase
obreira non fai máis que empeorar: máis de
cinco millóns de traballadoras e traballadores
están no paro (240.000 en Galicia), case dous
millóns de familias teñen todos os seus membros
sen traballo e están condenadas á miseria e á
exclusión social, centos de milleiros están
perdendo as súas vivendas, trece millóns de
traballadores teñen ingresos anuais inferiores
aos 12.000 euros, conxelación das pensións,
posta en mans privadas e espolio do patrimonio
de todos, os gobernos están recortando a
educación e a sanidade públicas e prodúcese a
agresión salvaxe á natureza, ao medio ambiente
e á saúde das persoas.
Como solución, os políticos só teñen unha
receita: hai que apertarse o cinto. Pero nese
apertarse o cinto nunca pensan no deles ou no
dos poderosos; sempre son os máis débiles e
desprotexidos os que teñen que facer o esforzo,
mentres que os de sempre seguen gozando dos
privilexios acadados co sangue e a suor do
resto.
Tamén nos dicían que o cambio de goberno nos ía
axudar a saír do pozo, pero xa sabemos que
estes que agora están no machito non darán un
só paso que non lle veña imposto polo
capitalismo máis voraz, que é quen realmente
ten o mando. A proba témola na nova Reforma
Laboral, unha reforma que permite que os
empresarios decidan eles sos canto nos van
pagar, que horarios imos ter, que traballos
teremos que facer e que lles permite
despedirnos libremente.
A cuestión é moito máis profunda; as raíces do
problema están nun sistema económico e social
podre no que a maioría está dominada por unha
minoría, un sistema no que o seu fundamento é a
explotación dos máis polos menos, un sistema
depredador e cobizoso no que a destrución dos
recursos naturais é a base do crecemento
eco-nómico, un sistema no que os medios de
produción e consumo están en mans dos grupos de
privilexiados. Por iso, calquera reforma que
non ataque as raíces do problema non será máis
que un parche para que este sistema de
iniquidade continúe.
Para a CGT e maila CUT, só a transformación
radical do sistema e a construción dunha
socie-dade xusta e igualitaria é a loita que
paga a pena emprender: unha sociedade sen
opresores e oprimidos, sen privilexios, con
xustiza social, cunha distribución xusta e
equitativa do traballo e da riqueza e coa
utilización racional dos recursos.
Por isto a CUT e a CGT mobilízanse e fan un
chamamento aos traballadores e á sociedade en
xeral para que non se deixe arrebatar as
conquistas que aínda nos quedan e que manifeste
na rúa que xa estamos fartos de tanto ladrón,
de tanto vividor e de tanto explotador e que
non nos conformamos con recoller as migallas
que sobran dos seus banquetes.
A mobilización é imprescindible e soamente se é
contundente podemos chegar a deter os plans do
capital de roubarnos os dereitos que nos
quedan. A necesidade dunha Folga Xeral é
evidente, pero non unha Folga Xeral de patacón
que finalice antes de comezar, non unha Folga
Xeral de pacotilla convocada para saír nos
periódicos, non unha Folga Xeral que non sexa
máis que un paripé para xustificar unha nova
traizón. Por iso, estamos pola convocatoria
dunha Folga Xeral que paralice realmente o país
e que non se deteña ata acadar os obxectivos
marcados. Calquera convocatoria que se faga
desde outras bases está abocada,
premeditadamente, á derrota e a desmobilización
social interesada. Por isto, compañeiras e
compañeiros, chamamos á mobilización permanente
ata conseguir a derrogación desta nova
agresión.
VIVA A LOITA OBREIRA!
POLA DERROGACIÓN DA REFORMA LABORAL!
CONTRA AS AGRESIÓNS DO CAPITAL, MOBILIZACIÓN E
FOLGA XERAL!
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript