30/01/2012
CUTUDC / Novidades
SEGUNDO TRANSPARENCIA INTERNACIONAL
Os xuíces subordinan a súa independencia a intereses políticos para ascender
O informe sinala que os xuíces españois subordinan a súa "plena independencia" a "certos compromisos políticos" se queren ascender á cúpula xudicial,y que a irresponsabilidade, a corrupción e a ineficiencia dos maxistrados non é suficientemente sancionada.
Os resultados provisionais do Proxecto
ENIS-España, recollidos por Europa Press,
debuxan unha xudicatura que actúa "normalmente"
con ética, responsabilidade e rigor, aínda
cando as malas prácticas non sexan castigadas
como deberían.
A ONG, con sede en Berlín, sinala como un punto
forte dos integrantes da carreira xudicial a
súa independencia -- recoñecida de forma
expresa" na Constitución-- aínda que censura
que o seu órgano de control está "fortemente
politizado" e que os membros dos Tribunais
Superiores de Xustiza se nomean cunha "relativa
influencia política".
"En suma, existe certo incentivo para os xuíces
que queiran chegar aos postos superiores de
sistema, de subordinar a súa plena
independencia a certos compromisos políticos",
advirte.
Entre os puntos débiles, o estudo apunta á
falta de recursos e á sobrecarga de traballo
dos maxistrados, así como a "débil rendición de
contas existente na práctica, non tanto na
norma, onde existen regulacións mellorables,
pero suficientes,".
SORTEO PARA ELIXIR OS VOGAIS DO CGPJ
Transparencia Internacional recomenda aprobar
"unha Lei de responsabilidade xudicial", que
contemple a comparecencia anual do presidente
do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) ante
as Cámaras e unha regulación "máis eficaz" das
responsabilidades por erros e dilacións
indebidas.
Para despolitizar o órgano de goberno dos
xuíces, suxire que os seus vogais sexan
elixidos "por sorteo" entre maxistrados
cualificados e avogados e xuristas de
recoñecido prestixio, que afronten "unha
entrevista selectiva pública posterior" no
Parlamento.
No ámbito da Xustiza, a organización tamén
propón reforzar a independencia do Ministerio
Público respecto ao Goberno. "Dende logo a
Fiscalía Anticorrupción necesitaría dalgún
xeito reforzar a protección da súa
independencia", sinala.
A organización internacional tamén empraza| a
eliminar os privilexios de persoas que gozan da
condición de aforados, como son deputados,
senadores, membros do Goberno central ou
integrantes do CGPJ, do Tribunal Supremo, do
Tribunal Constitucional ou da Audiencia
Nacional.
"A posibilidade de conseguir un maxistrado
especial e protección extra son demasiado
evidentes como para permanecer impasibles
fronte a esta realidade", sinala en referencia
aos aforados. Ademais, insta a crear un código
ético do deputado e a actualizar a normativa de
incompatibilidades e conflitos de interese.
A ONG tamén fai referencia a institucións como
o Valedor do pobo, da que destaca a súa
independencia aínda que matiza que a súa
xestión interna é "pouco transparente".
BIPARTIDISMO "OMNIPOTENTE"
Os resultados provisionais de Transparencia
Internacional resaltan que a "omnipresencia do
bipartidismo" conduce a que "todas as
ideoloxías do espectro político" non estean
representadas nos medios de comunicación.
"Estes partidos, a través dos gobernos que
controlan, son ademais os que outorgan as
licenzas ou concesións de servizos
audiovisuais, e a concesión non é, nesta lóxica
existente, apolítica", engade o estudo.
O feito de que a democracia española estea
"excesivamente" controlada polos dous grandes
partidos, reduce e desincentiva a participación
dos cidadáns no espazo público, segundo TI. O
grupo tamén pon de relevo a "enorme" influencia
dos bancos nos grupos políticos.
"As consecuencias de todo este modelo para o
NIS non son positivas. A independencia das
institucións áchase sempre en perigo, pois a
presión dos dous grandes partidos, sobre todo
do que ten o Goberno, sobre o lexislativo, o
xudicial (en menor medida) e sobre todos os
órganos constitucionais e regulatorios é moi
forte cando se tocan os seus intereses máis
prezados", conclúe.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript