Xaneiro de 2012
 
 

30/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  TODAS AS FRONTES ESTÁN ABERTAS
 

Estamos rodeados

As alternativas á situación económica planéanse desde as esferas políticas e económicas cunha estratexia militar contra a clase traballadora e a cidadanía en xeral.

 

  •  

    Esta estratexia inclúe:
     
    A presión mediática. Fondo Monetario Internacional (FMI), Banco Central Europeo (BCE), o oligopolio das axencias de cualificación (Standard & Poor's, Moody's, Fitch), o Banco de España (BE), o neoliberalismo que controla o poder político na Unión Europea, a CEOE os seus gobernos satélites no Estado Español e nas autonomías xunto con todo o coro de medios de comunicación que controlan, levan anos intentando convencernos que a crise, que segundo parece apareceu sen causas que a provocasen, semella que por xeración espontánea, temos que solucionala a base de apertarnos o cinto os traballadores e traballadoras, xubilados/as e a cidadanía en xeral.
     
    O bombardeo mediático permanente crea o caldo de cultivo apropiado para implantar medidas radicais de “axuste” (rebaixa) de dereitos tanto laborais como económicos, impositivos e sociais (a consigna última é conseguir unhas relacións laborais do estilo de China e acabar cos servizos públicos), o que acabará afectando a toda a sociedade non tendo, o modelo resultante, nada que ver coa situación actual tendendo ao adelgazamento cando non á desaparición do que hoxe se coñece como clase media provocando que a diferenza de clases sexa maior e orixinando un pozo de pobreza enorme con tendencia a incrementarse de xeito exponencial.
     
    Con todo este entramado funcionando, unha vez que a cidadanía entende que o déficit hai que pagalo, chegan as medidas, lexislándose:

    • A rebaixa de salarios de traballadores/as da Administración Pública.
    • Conxelación das pensións.
    • O que se coñeceu como Reforma Laboral que, coa escusa de propiciar o emprego, incluía, paradoxicamente o abaratamento do despido individual e colectivo, o descolgue salarial dos convenios, a precarización laboral
    • Reforma das pensións (acordada cos sindicatos gobernamentais) que incrementa a idade de xubilación e diminúe economicamente o subsidio.
    • Reforma da negociación colectiva que fortalece o ámbito de negociación na empresa, xeneraliza a arbitraxe, flexibiliza a xornada e elimina a ultractividade.
    • Modifícase a Constitución para introducir o límite no gasto.
    • O último, co acordo unha vez máis dos sindicatos pactistas, formúlase un novo pacto social que inclúe a conxelación salarial, máis flexibilidade nas empresas e prima, xa de xeito definitivo, o ámbito negociador na empresa fronte aos convenios provinciais, nacionais ou estatais.


     Paralelamente descapitalízase a Administración Pública tanto a nivel económico como de persoal (diminúen drasticamente os orzamentos e a taxa de reposición é 0, despedíndose, neste proceso, a miles de interinos/as), implántase o repago, eliminándose incluso servizos que xa se ofrecían á cidadanía e que se pensaba que estaban consolidados.
     
    En Galicia, en servizos básicos, como a sanidade e a educación sofren esta política de xeito radical. A sanidade da que xa se está a falar da súa posible desaparición tal e como a coñecemos agora pasando de ser un servizo de calidade a formar parte da atención de caridade. A educación na que se priman, tamén, os intereses privados sobre os servizos públicos, elimináronse no curso 2011-2012 uns 1.000 profesores o que sen dúbida repercutirá na calidade e cantidade do servizo.
     
    A Xunta do PP impón o modelo de Camps e Esperanza, que consiste na construción e xestión privada de toda a administración pública galega. No ensino desde as escolas infantís até a universidade, na sanidade desde os centros de saúde até os hospitais.
     
    Na súa estratexia utilizan, tamén, aos infiltrados, listos para a sabotaxe e para introducir o desánimo dentro da clase traballadora, esta función exércena os sindicatos gobernamentais (os maioritarios), sindicatos que, a pesar de que os parados e paradas cada vez son máis (2011 rematou con 5.273.000 e prevese que, debido as políticas de contención se incrementen, polo menos, en 500.000 máis), despois de pedir en reiteradas ocasións outra saída á crise, acaban asinando as medidas que se deseñan desde os foros do poder económico, son parte esencial da alternativa de saída da crise que se nos preparou, forman, por elo, parte do problema e non da solución.
     
    Hai solución
     
    As poderes políticos e económicos centran o problema no déficit público (algo sinxelo de explicar, o déficit do país, como en calquera economía doméstica, é a diferenza entre ingresos e gastos). As alternativas neoliberais danlle a este problema a solución de gastar menos no canto de recadar máis. Para isto hai alternativas, precisamente as contrarias, entre outras:

    • Perseguir a fraude fiscal e a evasión de capital.
    • Acabar coas SICAV
    • Incremento da fiscalidade ás ganancias empresariais.
    • Imposto de sucesións.
    • Fiscalidade máis progresiva e progresista.
    • Acabar cos gastos militares.
    • Eliminar a partida orzamentaria destinada o sustento da igrexa católica.
    • Eliminación nos orzamentos dos 150.000 millóns de euros destinados ao saneamento da banca.
    • Que a banca devolva o capital que o Estado lle inxectou.
    • Creación dunha banca pública.
     
    Fronte á parafernalia do capital que quere amansarnos para mellor dominarnos, fronte á desilusión estendida entre a clase obreira ao ver como os sindicatos maioritarios acaban, unha e outra vez, asinando a nosa precariedade compre mobilizar cada día con máis forza aos sectores máis conscientes e dinámicos da clase obreira e da sociedade.
     
    Neste camiño á única alternativa que temos é xuntarnos, superar as diferenzas existentes e tirar pola unidade de acción que culmine na convocatoria dunha folga xeral que poña a cada quen no seu lugar.
     
    Cada día é máis evidente que fai falla xa outra folga xeral!

     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript